Estatutos

CAPĺTULO I. DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1.

Coa denominación de “Asociación Monte Pindo Parque Natural”, (en siglas AMPPN) constitúese unha Asociación sen ánimo de lucro, radicada no Concello de Carnota e de ámbito galego, con personalidade xurídica propia e plena en capacidade de obrar ao amparo da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e das súas normas complementarias.

Artigo 2.

O fin da “Asociación Monte Pindo Parque Natural” é a creación dunha organización, que se nomea para a súa concreción nestes estatutos como “Asociación Monte Pindo Parque Natural” (con AMPPN en acrónimo), que promova e faga efectiva a declaración de parque natural para o Monte Pindo e o seu funcionamento como tal.

A organización AMPPN terá as seguintes características:
  1. Será unha organización democrática, participativa e popular cun ideario laico e pluralista.
  2. Recadará os recursos económicos para apoiar e promover iniciativas que leven a unha maior sensibilización e concienciación cidadá coas problemáticas do Monte Pindo e as súas figuras de protección.
  3. Estabelecerá os contactos precisos con persoas e colectivos de todo tipo de cara a obter o seu compromiso de apoio á declaración de parque natural para o Monte Pindo.
  4. Estabelecerá os contactos precisos con poderes públicos municipais, provinciais, autonómicos e estatais de cara a obter o seu compromiso de apoio á declaración de parque natural para o Monte Pindo.
  5. Promoverá e apoiará calquera iniciativa de persoas e colectivos alleos cuxos fins sexan coincidentes cos da propia asociación.
  6. A defensa diante dos poderes públicos e no seu caso da reclamación dos recursos económicos, humanos e de todo tipo, precisos para o coidado e desenvolvemento substentábel do Monte Pindo e o seu entorno.
  7. Promoverá e apoiará solidariamente iniciativas similares noutros espazos naturais do entorno inmediato e de Galiza.

Artigo 3.

Para o cumprimento do seu fin a Asociación Monte Pindo Parque Natural poderá desenvolver todo tipo de actividades que se entendan precisas para a consecución do mesmo, e que nomeadamente, como exemplo, detállanse:
  1. Articulación da captación de fondos de solidariedade, tanto da sociedade como das institucións.
  2. Promoción de campañas de sensibilización entre a sociedade.
  3. Realización de actividades culturais e promoción sociocultural.
  4. Realización de actividades recreativas e reivindicativas.
  5. Realización de actividades dirixidas a xuventude.
  6. A promoción e fomento do voluntariado.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento do fin da asociación, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 4.

A duración da Asociación AMPPN será indefinida.

Artigo 5.

O domicilio social establecese no local denominado “Casa da Mestra” sito na Praza da Solaina s/n, 1º andar, O Pindo 15296, Carnota (A Coruña) Galiza. O dito domicilio social poderá ser cambiado se as circunstancias o fixesen aconsellábel a xuízo da Comisión Reitora, con aprobación da maioría da Asemblea Xeral. Este domicilio social non limita a liberdade da Comisión Reitora para convocar Asembleas Xerais onde estime máis oportuno.

CAPĺTULO II. DOS SOCIAS/OS

Artigo 6.

Socias/os fundadoras/es:
Son aquelas persoas, maiores de idade, que están presentes no momento da constitución e asinan a acta constitucional.

Socias/os numerarias/os:
Son aquelas persoas, maiores de idade, que expresen o seu desexo por escrito de pertencer a asociación e teñan a aprobación da Comisión Reitora.

As socias/os fundadoras/es e numerarias/os teñen as mesmas obrigas e dereitos.

Artigo 7.

As persoas asociadas causarán baixa por algunha das seguintes razóns:
  1. Por vontade propia.
  2. Por falta de pago das cotas.
  3. Pola comisión de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación, mediante acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria.
  4. Por finamento.

Artigo 8.

As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:
  1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
  2. Elixir e ser elixidas para cargos directivos.
  3. Facer as propostas que consideren oportunas por escrito diante dos órganos de goberno da asociación.
  4. Solicitar información aos órganos directivos sobre a marcha da asociación.
  5. Ter todos os dereitos que como persoa membro da asociación lles correspondan.

Artigo 9.

Son obrigas das socias e socios:
  1. Fomentar as actividades da asociación e participar nelas na medida das súas posibilidades.
  2. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
  3. Satisfacer as cotas que se establezan.
  4. Respectar os presentes estatutos.

CAPĺTULO III. DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 10.

Serán órganos da asociación os seguintes:
  1. Asemblea Xeral.
  2. Comisión Reitora.

Artigo 11.

A Asemblea Xeral de socias/os é o órgano de expresión da vontade da asociación. Estará integrada pola Comisión Reitora e as persoas socias.
Reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Comisión Reitora, ou o solicite a quinta parte das persoas socias, por medio de escrito dirixido á Comisión Reitora, autorizado coas sinaturas correspondentes no que se expoña o motivo da convocatoria e os asuntos a debater.
A Presidencia e Secretaría da Asemblea serán elixidas polas socias/os, tendo responsabilidade da constitución formal da mesma A Presidencia e Secretaría da Comisión Reitora en funcións.

Artigo 12.

A Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria, será convocada pola Comisión Reitora con 15 días de antelación, polos medios que garanten o coñecemento da convocatoria, expresándose nestes a orde do día.
Se a convocatoria da asemblea extraordinaria non puidera ser realizada pola Comisión Reitora, será convocada polas tres primeiras persoas asinantes da petición.

Artigo 13.

Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:
  1. Aprobar, no seu caso, a xestión da Comisión Reitora.
  2. Examinar e aprobar as Contas anuais.
  3. Aprobar ou rexeitar as propostas da Comisión Reitora en orde ás actividades da Asociación.
  4. Fixa-las cotas ordinarias ou extraordinarias.
  5. Calquera outra que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea Extraordinaria.
Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:
  1. Nomeamento e revocación dos membros da Comisión Reitora.
  2. Modificación dos Estatutos.
  3. Disposición ou alleamento de bens
  4. Disolución da asociación.
  5. Expulsión de socios, a proposta da Comisión Reitora.
  6. Constitución de Federacións o integración en elas.

Artigo 14.

Para que as Asembleas sexan válidas, será preciso que en primeira convocatoria asistan a metade máis unha das persoas asociadas. De non asistir este número quedará constituída media hora máis tarde sexa cal for o número das persoas socias asistentes.

Artigo 15.

Os acordos tomaranse por maioría simple. En caso de empate decidirá o voto de calidade da Presidencia.
Nos casos de disposición ou alleamento de bens, a modificación de estatutos ou disolución da asociación, será necesario o voto favorable das 2/3 partes das persoas socias compoñentes da asemblea.

Artigo 16.

Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todas as socias/os.

Artigo 17.

A Comisión Reitora estará composta, como mínimo, por cinco socias/os e un máximo de vintecinco. A Comisión Reitora elixirá entre os seus membros os cargos de Presidencia, Secretaría e Tesourería.
A Comisión Reitora poderá crear grupos xeográficos ou de traballo, nos que haberá ao menos unha persoa membro nato da comisión Reitora.
Os grupos poderán nomear unha portavocía que en caso de non ser membro nato da comisión Reitora, poderá participar na mesma con voz e sen voto.
Os grupos poderán dar informes, facer peticións e propoñer acordos, á comisión Reitora, que terá a obriga de incorporalos ao debate na súa orde do día.

Artigo 18.

A Comisión Reitora terá unha duración máxima de catro anos, sendo renovada nas Asembleas.

Artigo 19.

En caso de que a Comisión Reitora, quedara con menos de 5 persoas membro, as restantes estarán obrigadas á convocatoria dunha Asemblea Xeral de socias/os.

Artigo 20.

A Comisión Reitora reunirase cando o solicite A Presidencia, Secretaría, Tesourería, ou 1/4 das súas persoas membro, de todos os xeitos o fará como mínimo cada tres meses.

Artigo 21.

Os acordos tómanse por maioría simple e para a súa validez requirirá a presenza da metade máis un dos seus membros. Se houbese empate decidirá o voto de calidade da Presidencia.

Artigo 22.

A Comisión Reitora terá as seguintes atribucións:
  1. A representación da asociación ante calquera organismo público ou privado, así como a dirección e xestión da mesma.
  2. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
  3. Confeccionar o plan de actividades.
  4. Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
  5. Elaborar os presupostos e balances.
  6. Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben.

Artigo 23.

A reunións da Comisión Reitora deberán convocarse coa antelación suficiente e celebraranse conforme a orde do día.

Artigo 24.

Son facultades da Presidencia:
  1. Velar polo cumprimento dos fins da asociación.
  2. Fixar, convocar e presidir as reunións da Comisión Reitora.
  3. Presidir a constitución das Asembleas.
  4. Acordar a orde do día das reunións, en comunicación co resto da directiva.
  5. Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou a Comisión Reitora.
  6. Dar o visto e prace ás certificacións que expida a Secretaría.
  7. Ordenar os pagos validamente acordados.
  8. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 25.

Corresponde a Secretaría:
  1. Actuar como tal nas reunións, levantando acta das mesmas.
  2. Asistir á Presidencia para fixar a orde do día e cursar as convocatorias.
  3. Expedir certificacións
  4. d. Custodiar e levar os libros, documentos e selo da asociación.
  5. Levar o rexistro e ficheiros.
  6. Redactar a memoria anual, plans de actividades e os documentos que sexan necesarios.
  7. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 26.

Son facultades da Tesourería:
  1. Levar os libros de contabilidade.
  2. Expedir os recibos das cotas ordinarias e extraordinarias.
  3. Redactar os orzamentos e balances anuais.
  4. Levar un inventario dos bens sociais.
  5. Asinar, conxuntamente coa Presidencia, os escritos, cheques e documentos de crédito.
  6. Realizar as funcións que fóra destes cometidos lle sexan encomendadas pola Comisión Reitora.

Artigo 27.

Serán facultades das vogalías o realizar programas e propostas na súa área de actuación, así como desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola Comisión Reitora.

CAPĺTULO IV. DO RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 28.

A Asociación terá patrimonio propio e independente. Funcionará en réxime de orzamento anual. Carece de patrimonio inicial.

Artigo 29.

Os medios económicos para atender aos seus fins serán os seguintes:
  1. As cotas das persoas asociadas, tanto ordinarias como extraordinarias.
  2. Todo tipo de contributos públicos e privados.

Artigo 30.

A Comisión Reitora confeccionará todos os anos un proxecto de presuposto, que presentará á aprobación da Asemblea Xeral. Asemade, presentará a liquidación das contas do ano anterior para á súa aprobación. A data de peche do exercicio asociativo será o 31 de decembro de cada ano.

CAPĺTULO V. REFORMA DE ESTATUTOS

Artigo 31.

A reforma de estatutos terá que ter o acordo das 2/3 partes das persoas socias da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao seu efecto.

CAPĺTULO VI. DA DISOLUCIÓN

Artigo 32.

A Asociación disolverase polas seguintes causas:
  1. Por acordo das 2/3 partes dos socios/as da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto.
  2. Polas causas que determine o Código Civil.
  3. Por sentenza xudicial.

Artigo 33.

Se houbese disolución, a Comisión Reitora efectuará a liquidación, alleando os bens sociais, pagando as súas débedas, no seu caso, cobrando seus créditos e fixando o haber líquido resultante, se o houbese.

Artigo 34.

De ter resultante, doarase a unha entidade con fins similares aos da Asociación.

Estatutos ratificados no Pindo (Carnota) a 17 de outubro de 2010 e modificados 
na Asemblea Xeral Extraordinaria do 2 de abril de 2016