15/08/23

As Perseidas desde as illas Lobeiras

Compartimos esta fantástica fotografía panorámica nocturna da bóveda celeste na noite máis activa das Perseidas, co Faro das Illas Lobeiras en primeiro plano e o Olimpo Celta.

Foi posíbel grazas á iniciativa do compañeiro Fins Eirexas, a quen tivemos a sorte de acompañar no seu periplo ás Illas Lobeiras a madrugada do pasado sábado.


07/06/23

Cabo Ortegal xa é xeoparque da UNESCO; Monte Pindo segue agardando 8 anos despois

Desde hoxe Geoparques, a entidade pública que aglutina os xeoparques do estado español, incorporaba oficialmente ao seu mapa o Cabo Ortegal, segundo espazo de Galiza (xunto coas Montañas do Courel) que obtén ese recoñecemento da UNESCO e dezaseisavo do estado español, que se sitúa no segundo estado do mundo con máis xeoparques, só por detrás da China.

Nesta carreira vitoriosa polo Xeoparque do Cabo Ortegal cabe destacar a implicación de todas as administracións, comezando polos concellos, seguindo pola Deputación e ata a Xunta. Xusto o que nos faltou no Monte Pindo, que foi proposto incluso antes, tal e como certifica a hemeroteca: no ano 2015, o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní aproveitaba o seu discurso no acto de toma de posesión coma membro da Real Academia Galega das Ciencias (ao que convidou á nosa entidade) para anunciar a candidatura do Monte Pindo para optar a esta figura da UNESCO, e incluso se atreveu a prognosticar publicamente que obtería ese recoñecemento en menos dun ano e sen gastar un só euro, sempre e cando «os responsables autonómicos foran xuizosos». 

As ambiciosas palabras de Vidal Romaní foron recibidas con entusiasmo na comunidade local, que acollía só un ano máis tarde o Geolodía para apoiar esta iniciativa, polo goberno municipal e a comunidade de montes, e tamén polo mundo académico, coma a xeógrafa natural do Pindo Manuela Costa Casais, quen aseguraba na prensa que a proposta «é unha carreira de fondo» mais que no Pindo «danse tódolos elementos para conseguir a figura de xeoparque»; e incluso por unha responsábel institucional da Xunta, Ana Mª Díaz López, directora xeral de Conservación da Natureza, quen non se amosaba contraria a esta figura nin tampouco á declaración do Parque Natural.

Mais o xuízo que pedía Romaní foi xustamente, unha vez máis, o que lle faltou aos nosos responsábeis políticos, pois 8 anos despois daquela proposta, e aínda que é evidente que noutros territorios si souberon defender as súas candidaturas ata o éxito, polo Monte Pindo nada se fixo, e a proposta segue esquecida no caixón de alguén, coma todo o demais.

05/06/23

O VII Simposium repasou o escrito desde o Pai Sarmiento ata a nova literatura xuvenil arredor do Olimpo Celta

Con alta participación, o pasado sábado tivo lugar na Confraría do Pindo a sétima edición do Simposium Monte Pindo, un encontro monográfico que leva desde o 2011 poñendo o foco académico no Olimpo Celta.

Esta edición a cita centrouse na cuestión da literatura, e particularmente das obras escritas que desde que o Pai Sarmiento citara o espazo na súa mítica Viaxe a Galicia de 1745, ata as novas mostras de literatura dos nosos tempos. 

Logo da presentación a cargo do noso presidente Xil Caamaño, a mañá centrouse na literatura tradicional e a tarde nas novas expresións literarias (especialmente as dedicadas ao público infantil e xuvenil, fundamental para transmitir o coñecemento do Olimpo Celta ás xeracións vindeiras) con tres e dous poñentes de excepción, respectivamente, todas elas e eles presentados por Merche Díaz, e por primeira vez, con maioría feminina no cartel.

Juan Ramón Vidal Romaní e a lito-literatura

Un espazo que constitúe un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes e interesantes do mundo permítenos unha achega particularmente interesante ao Monte Pindo e o seu contorno a través da xeoloxía, unha disciplina científica que grazas aos traballos do percursor alemán Wilhelm Schulz, que posteriormente continuou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe que logo remataría sendo o Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, grazas aos que nos dotaron dun amplo legado bibliográfico ao que nos aproximamos, por suposto, a través do noso grandísimo aliado académico e civil Juan Ramón Vidal Romaní, cuxa exposición podedes seguir a continuación pois emitímola en directo.

Mª Esther Barreiro Fernández e o legado de Barreiro Barral

Non podía un Simposium Monte Pindo dedicado á literatura esquecer ao pai da primeira obra monográfica dedicada ao Olimpo Celta: José Barreiro Barral, cuxa participación na xornada xa non é posíbel pois deixounos hai xa dúas décadas. Mais fíxoo no seu lugar tan ben ou mellor a súa filla Mª Esther, gran aliada na nosa loita, quen demostrou non só un coñecemento extenso e exacto da obra do seu pai, senón tamén o seu impresionante dominio dos principais acontecementos históricos que fixaron para sempre o Monte Pindo nas fontes documentais da Alta Idade Media. Podedes gozar da súa exposición no seguinte corte de video.

Francisco X. Fernández Naval e a cronoloxía literaria do Olimpo Celta

Outro gran referente da nosa entidade, o admirado Chisco, foi o encargado de colocar título e datas ás principais obras que desde distintos campos do coñecemento e estilos literarios, abordaron o Olimpo Celta ao longo dos tempos. Esta exposición, moi prolixa en detalles, constitúe en si mesma un auténtico tesouro para quen queira coñecer e estudar o Monte Pindo desde as letras publicadas.

Guadalupe Vázquez Formoso, literatura infantil feita cos pes na terra

Non casualmente foi unha veciña de Quilmas, Lupe Vázquez, a encargada de abrir a sesión de tarde, dedicada ao reto de transmitir o coñecemento e a paixón do Olimpo Celta ás novas xeracións, que serán as encargadas de custodialo e mimalo cando nós xa non estemos. E aínda que hai só 2 anos que esta profesora de inglés comezou a escribir, faino tan intensamente que xa leva 5 obras publicadas, varios libros infantís bilingües (inglés e galego) dedicados ás aventuras do Saltarín que vai visitando os espazos da nosa comarca e "Filla da Ruña", e "Conto de Quilmas", unha obra de ficción na que Lupe plasma en primeira persoa memorias da súa infancia, sobre todo da súa avoa, cuxos rasgos dialectais logra fixar no tempo. É un orgullo para nós, coma sempre, contar con ela.

Laura Suárez leva os valores do Monte Pindo á mocidade mediante a banda deseñada

Para clausurar as ponencias, contamos cunha ilustradora e autora de banda deseñada veciña de Dumbría, Laura Suárez, que malia a súa curta idade xa conta cun gran traballo de ilustración de obra allea e tamén comeza coa produción propia, escribindo e debuxando nada máis e nada menos que a primeira gran obra ilustrada sobre o Olimpo Celta: "Monte Pindo, historias e lendas do Olimpo Celta", traballo no que contou co apoio da nosa asociación, dos principais referentes vivos do estudo do Monte Pindo e tamén coa maior parte dos ponentes desta xornada. A súa obra xa ocupa un lugar destacado da biblioteca fundamental do Monte Pindo, e converteuse xa no noso principal instrumento para achegar o Olimpo Celta ao público xuvenil, o que nos consta que consegue con moito éxito.

E de colofón, o coloquio

Poñendo o remate á xornada coma sempre o coloquio, onde o público puido facer preguntas a calquera dos poñentes ou deitar no VII Simposium as súas propias reflexións.

A Comisión Rectora, en nome do conxunto da familia de Monte Pindo Parque Natural, agradece ás persoas que nos acompañaron, ben sexa no estrado, no público ou en vivo desde as redes sociais, e ponse xa a traballar en perfilar o que será o VIII Simposium Monte Pindo, que terá lugar en outubro dedicado ao tema dos incendios, xusto cando se cumpren 10 anos do asolador lume que levou por diante o Monte Pindo e parte da contorna.

26/05/23

O 3 de xuño chega o VII Simposium Monte Pindo para redescubrir a literatura encol do Olimpo Celta

A Asociación Monte Pindo Parque Natural organiza o VII Simposium Monte Pindo, subtitulado "O Monte Pindo na literatura",  que o vindeiro sábado 3 de xuño reflexionará encol da literatura que ao longo dos séculos, tamén nos últimos anos, se ten escrito arredor do Olimpo Celta. Será coma sempre no Pósito do Pindo, para o que contamos coa inestimábel colaboración da súa Confraría un ano máis.

A asistencia coma sempre é libre e gratuíta. 

PROGRAMA

10:30 Presentación
Xilberto Caamaño Beiro
Presidente da Asociación Monte Pindo

10:45 Palestra
A Lito-literatura do Pindo: unha biblioteca de 300 millóns de anos
Juan Ramón Vidal Romaní

11:30 Palestra
Monte Pindo e as terras de Carnota na obra de José Barreiro Barral
Mª Esther Barreiro Fernández

12:15 Descanso

12:45 Palestra

As fontes do Pedregal
Francisco X. Fernández Naval

13:30 Coloquio

14:00 Xantar

16:30 Palestra
Monte Pindo: a máxia inspiradora
Guadalupe Vázquez Formoso

17:15 Palestra
Descubrindo o Monte Pindo na  man da literatura infantil galega
Laura Suárez

18:00 Coloquio

18:30 Clausura

04/12/22

A Costa da Morte súmase ás mobilizacións do 11-D contra os macroproxectos eólicos

O acto consistirá nunha andaina ata os penedos de Pasarela e Traba ás 11h

Ao berro de "Eólica, asi non!", a veciñanza da Costa da Morte está chamada a secundar as mobilizacións convocadas o 11 de decembro, Día Internacional das Montañas, contra a vaga de macroproxectos eólicos coa que varias multinacionais enerxéticas están asediando, co visto e prace das administracións, os nosos principais espazos naturais.

Na nosa comarca o acto consistirá nunha andaina e concentración, o vindeiro domingo día 11 de decembro ás 11:00 horas, desde a antiga escola unitaria de Pasarela ata o Penedo da Cachucha. 

Agardamos contar contigo!


19/07/22

A Asociación Monte Pindo insta á Xunta a axir ante a nova vaga de incendios

Imaxe: ADEGA
Zonas de altísimo valor ecolóxico en rexións coma a do Courel e Valdeorras arden nestes momentos, iniciando como cada ano a vaga de terrorismo incendiario que con macabra puntualidade asola a nosa nación cada verán, e que acada nestes momentos segundo os medios as 19.000 hectáreas, das que os municipios de Pobra do Brollón e Folgoso do Courel levaron a peor parte, e que están nestes momentos fóra de control segundo a propia Xunta dirixida polo designado Alfonso Rueda.

A piques de cumprirse 9 anos do incendio que asolou o Monte Pindo, outra zona aspirante a ser parque natural -o Courel- vese arrasada sen remedio e neste caso, tamén lugares senlleiros foron completamente arrasados polas lapas, que afectan tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un dos menos coñecidos da nosa comunidade pero máis valorado polos seus veciños, polo inmenso retorno dos seus soutos de castiñeiros para a comunidade veciñal.

Outros incendios menores en escala cebáronse con moitos outros lugares, entre eles a parroquia de Ramil, no municipio de Palas de Rei, onde está situada a modélica Eira da Xoana, unha vivenda tradicional adquirida para unha iniciativa de experimentación civil e ambiental pola nosa organización matriz ADEGA.

Sendo -coma sempre- moi difícil sinalar a orixe de cada lume, resúltanos imposíbel obviar que a maioría das localizacións afectadas teñen tres elementos en común:

  1. O seu alto valor ecolóxico, en espazos de parque naturais ou candidatas a algunha protección adicional.
  2. A invasión de especies alóctonas pirófitas, sobre todo eucaliptos, que baixo a batuta da empresa ENCE e co apoio da Xunta do PP colonizou o noso País nas últimas décadas ata o punto de rebasar a poboación galega os exemplares que existen na súa Australia orixinaria. 
  3. A previsión de proxectos de macroeólicos que pretenden sementar varias multinacionais ao longo e ancho de Galiza, pois as superficies protexidas, coidadas e explotadas son inimigas naturais destes proxectos, que dependen case exclusivamente do abandono do monte e o conseguinte desafecto da veciñanza para ter algún viso de prosperar nestes espazos.

Por suposto todas estas problemáticas son invisíbeis para os responsábeis actuais da Xunta de Galiza, que sempre se obsesionan coa autoría material para non ter que admitir nunca que detrás de cada incendio hai, alén dunha man executora, un problema estrutural do monte e tamén un inxente negocio que se lucra do lume dun ou outro xeito.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural instamos á Xunta a asumir as súas competencias en xestión forestal, e traballar proactivamente da man das comunidades veciñais para poñer en valor o noso monte para beneficio das comunidades veciñais e de toda a sociedade, pois nos países que o fixeron asi, non deixando a xestión do espazo forestal en mans dunhas poucas empresas depredadoras, os incendios son unha anécdota.

26/06/22

O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez á Costa da Morte

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica está de 10º aniversario, e celébrao espallando a súa influencia por todo o País, tamén (e por primeira vez) á Costa da Morte. E farao por partida dobre:o vindeiro sábado 2 de xullo no Hórreo de Carnota, da man de ADECOM, e o seguinte sábado, 9 de xullo, no Monte Pindo, de man de Monte Pindo Parque Natural.

Sábado 2 de xullo, o hórreo de Carnota acolle o Atlántica Miúdo

O público infantil (+ 3 anos) e xuvenil está de noraboa, xa que este sábado 2 de xullo poderá asistir ao Atlántica míudo, con Paula Carballeira e o seu "Camiños de mar, terra e vento", organizado por ADECOM.

Será a partir das 20:30 horas no conxunto privilexiado que conforman o Hórreo, o Pombal e a Casa Reitoral de Carnota, a carón da Igrexa de Santa Comba de Carnota. A asistencia é libre e gratuíta.

Sábado 9 de xullo, o Monte Pindo recibe un espectáculo de altura

Algo máis esixente fisicamente, pois diríxese a xente experimentada en rutas de sendeirismo, e con reserva previa a piques de esgotarse, o sábado 9 de xullo o Atlántica subirá o Olimpo Celta da man da Asociación Monte Pindo Parque Natural con Avelino González e o seu "No tempo en que as pedras falaban". 

Avelino disporá do privilexio de utilizar o anfiteatro natural da Cova da Xoana ou Revertedemos, unha espectacular grota natural que perfora de lado a lado unha das serras do macizo.