07/06/23

Cabo Ortegal xa é xeoparque da UNESCO; Monte Pindo segue agardando 8 anos despois

Desde hoxe Geoparques, a entidade pública que aglutina os xeoparques do estado español, incorporaba oficialmente ao seu mapa o Cabo Ortegal, segundo espazo de Galiza (xunto coas Montañas do Courel) que obtén ese recoñecemento da UNESCO e dezaseisavo do estado español, que se sitúa no segundo estado do mundo con máis xeoparques, só por detrás da China.

Nesta carreira vitoriosa polo Xeoparque do Cabo Ortegal cabe destacar a implicación de todas as administracións, comezando polos concellos, seguindo pola Deputación e ata a Xunta. Xusto o que nos faltou no Monte Pindo, que foi proposto incluso antes, tal e como certifica a hemeroteca: no ano 2015, o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní aproveitaba o seu discurso no acto de toma de posesión coma membro da Real Academia Galega das Ciencias (ao que convidou á nosa entidade) para anunciar a candidatura do Monte Pindo para optar a esta figura da UNESCO, e incluso se atreveu a prognosticar publicamente que obtería ese recoñecemento en menos dun ano e sen gastar un só euro, sempre e cando «os responsables autonómicos foran xuizosos». 

As ambiciosas palabras de Vidal Romaní foron recibidas con entusiasmo na comunidade local, que acollía só un ano máis tarde o Geolodía para apoiar esta iniciativa, polo goberno municipal e a comunidade de montes, e tamén polo mundo académico, coma a xeógrafa natural do Pindo Manuela Costa Casais, quen aseguraba na prensa que a proposta «é unha carreira de fondo» mais que no Pindo «danse tódolos elementos para conseguir a figura de xeoparque»; e incluso por unha responsábel institucional da Xunta, Ana Mª Díaz López, directora xeral de Conservación da Natureza, quen non se amosaba contraria a esta figura nin tampouco á declaración do Parque Natural.

Mais o xuízo que pedía Romaní foi xustamente, unha vez máis, o que lle faltou aos nosos responsábeis políticos, pois 8 anos despois daquela proposta, e aínda que é evidente que noutros territorios si souberon defender as súas candidaturas ata o éxito, polo Monte Pindo nada se fixo, e a proposta segue esquecida no caixón de alguén, coma todo o demais.