Con alta participación, o pasado sábado tivo lugar na Confraría do Pindo a sétima edición do Simposium Monte Pindo, un encontro monográfico que leva desde o 2011 poñendo o foco académico no Olimpo Celta.
Esta edición a cita centrouse na cuestión da literatura, e particularmente das obras escritas que desde que o Pai Sarmiento citara o espazo na súa mítica Viaxe a Galicia de 1745, ata as novas mostras de literatura dos nosos tempos.
Logo da presentación a cargo do noso presidente Xil Caamaño, a mañá centrouse na literatura tradicional e a tarde nas novas expresións literarias (especialmente as dedicadas ao público infantil e xuvenil, fundamental para transmitir o coñecemento do Olimpo Celta ás xeracións vindeiras) con tres e dous poñentes de excepción, respectivamente, todas elas e eles presentados por Merche Díaz, e por primeira vez, con maioría feminina no cartel.
Juan Ramón Vidal Romaní e a lito-literatura
Un espazo que constitúe un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes e interesantes do mundo permítenos unha achega particularmente interesante ao Monte Pindo e o seu contorno a través da xeoloxía, unha disciplina científica que grazas aos traballos do percursor alemán Wilhelm Schulz, que posteriormente continuou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe que logo remataría sendo o Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, grazas aos que nos dotaron dun amplo legado bibliográfico ao que nos aproximamos, por suposto, a través do noso grandísimo aliado académico e civil Juan Ramón Vidal Romaní, cuxa exposición podedes seguir a continuación pois emitímola en directo.
Mª Esther Barreiro Fernández e o legado de Barreiro Barral
Non podía un Simposium Monte Pindo dedicado á literatura esquecer ao pai da primeira obra monográfica dedicada ao Olimpo Celta: José Barreiro Barral, cuxa participación na xornada xa non é posíbel pois deixounos hai xa dúas décadas. Mais fíxoo no seu lugar tan ben ou mellor a súa filla Mª Esther, gran aliada na nosa loita, quen demostrou non só un coñecemento extenso e exacto da obra do seu pai, senón tamén o seu impresionante dominio dos principais acontecementos históricos que fixaron para sempre o Monte Pindo nas fontes documentais da Alta Idade Media. Podedes gozar da súa exposición no seguinte corte de video.
Francisco X. Fernández Naval e a cronoloxía literaria do Olimpo Celta
Outro gran referente da nosa entidade, o admirado Chisco, foi o encargado de colocar título e datas ás principais obras que desde distintos campos do coñecemento e estilos literarios, abordaron o Olimpo Celta ao longo dos tempos. Esta exposición, moi prolixa en detalles, constitúe en si mesma un auténtico tesouro para quen queira coñecer e estudar o Monte Pindo desde as letras publicadas.
Guadalupe Vázquez Formoso, literatura infantil feita cos pes na terra
Non casualmente foi unha veciña de Quilmas, Lupe Vázquez, a encargada de abrir a sesión de tarde, dedicada ao reto de transmitir o coñecemento e a paixón do Olimpo Celta ás novas xeracións, que serán as encargadas de custodialo e mimalo cando nós xa non estemos. E aínda que hai só 2 anos que esta profesora de inglés comezou a escribir, faino tan intensamente que xa leva 5 obras publicadas, varios libros infantís bilingües (inglés e galego) dedicados ás aventuras do Saltarín que vai visitando os espazos da nosa comarca e "Filla da Ruña", e "Conto de Quilmas", unha obra de ficción na que Lupe plasma en primeira persoa memorias da súa infancia, sobre todo da súa avoa, cuxos rasgos dialectais logra fixar no tempo. É un orgullo para nós, coma sempre, contar con ela.
Laura Suárez leva os valores do Monte Pindo á mocidade mediante a banda deseñada
Para clausurar as ponencias, contamos cunha ilustradora e autora de banda deseñada veciña de Dumbría, Laura Suárez, que malia a súa curta idade xa conta cun gran traballo de ilustración de obra allea e tamén comeza coa produción propia, escribindo e debuxando nada máis e nada menos que a primeira gran obra ilustrada sobre o Olimpo Celta: "Monte Pindo, historias e lendas do Olimpo Celta", traballo no que contou co apoio da nosa asociación, dos principais referentes vivos do estudo do Monte Pindo e tamén coa maior parte dos ponentes desta xornada. A súa obra xa ocupa un lugar destacado da biblioteca fundamental do Monte Pindo, e converteuse xa no noso principal instrumento para achegar o Olimpo Celta ao público xuvenil, o que nos consta que consegue con moito éxito.
E de colofón, o coloquio
Poñendo o remate á xornada coma sempre o coloquio, onde o público puido facer preguntas a calquera dos poñentes ou deitar no VII Simposium as súas propias reflexións.
A Comisión Rectora, en nome do conxunto da familia de Monte Pindo Parque Natural, agradece ás persoas que nos acompañaron, ben sexa no estrado, no público ou en vivo desde as redes sociais, e ponse xa a traballar en perfilar o que será o VIII Simposium Monte Pindo, que terá lugar en outubro dedicado ao tema dos incendios, xusto cando se cumpren 10 anos do asolador lume que levou por diante o Monte Pindo e parte da contorna.