19/07/22

A Asociación Monte Pindo insta á Xunta a axir ante a nova vaga de incendios

Imaxe: ADEGA
Zonas de altísimo valor ecolóxico en rexións coma a do Courel e Valdeorras arden nestes momentos, iniciando como cada ano a vaga de terrorismo incendiario que con macabra puntualidade asola a nosa nación cada verán, e que acada nestes momentos segundo os medios as 19.000 hectáreas, das que os municipios de Pobra do Brollón e Folgoso do Courel levaron a peor parte, e que están nestes momentos fóra de control segundo a propia Xunta dirixida polo designado Alfonso Rueda.

A piques de cumprirse 9 anos do incendio que asolou o Monte Pindo, outra zona aspirante a ser parque natural -o Courel- vese arrasada sen remedio e neste caso, tamén lugares senlleiros foron completamente arrasados polas lapas, que afectan tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un dos menos coñecidos da nosa comunidade pero máis valorado polos seus veciños, polo inmenso retorno dos seus soutos de castiñeiros para a comunidade veciñal.

Outros incendios menores en escala cebáronse con moitos outros lugares, entre eles a parroquia de Ramil, no municipio de Palas de Rei, onde está situada a modélica Eira da Xoana, unha vivenda tradicional adquirida para unha iniciativa de experimentación civil e ambiental pola nosa organización matriz ADEGA.

Sendo -coma sempre- moi difícil sinalar a orixe de cada lume, resúltanos imposíbel obviar que a maioría das localizacións afectadas teñen tres elementos en común:

  1. O seu alto valor ecolóxico, en espazos de parque naturais ou candidatas a algunha protección adicional.
  2. A invasión de especies alóctonas pirófitas, sobre todo eucaliptos, que baixo a batuta da empresa ENCE e co apoio da Xunta do PP colonizou o noso País nas últimas décadas ata o punto de rebasar a poboación galega os exemplares que existen na súa Australia orixinaria. 
  3. A previsión de proxectos de macroeólicos que pretenden sementar varias multinacionais ao longo e ancho de Galiza, pois as superficies protexidas, coidadas e explotadas son inimigas naturais destes proxectos, que dependen case exclusivamente do abandono do monte e o conseguinte desafecto da veciñanza para ter algún viso de prosperar nestes espazos.

Por suposto todas estas problemáticas son invisíbeis para os responsábeis actuais da Xunta de Galiza, que sempre se obsesionan coa autoría material para non ter que admitir nunca que detrás de cada incendio hai, alén dunha man executora, un problema estrutural do monte e tamén un inxente negocio que se lucra do lume dun ou outro xeito.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural instamos á Xunta a asumir as súas competencias en xestión forestal, e traballar proactivamente da man das comunidades veciñais para poñer en valor o noso monte para beneficio das comunidades veciñais e de toda a sociedade, pois nos países que o fixeron asi, non deixando a xestión do espazo forestal en mans dunhas poucas empresas depredadoras, os incendios son unha anécdota.