15/07/21

O goberno de Carnota e da Xunta teñen que deixar de apelar ao «heroísmo» e porse a limpar urxentemente os camiños do Monte Pindo

Trascendía onte nos medios de comunicación que se producía un novo extravío no Monte Pindo, neste caso unha parella, que afortunadamente non tivo consecuencias por mor da áxil intervención dos medios de rescate (nomeadamente Policía local e GES Muros). Dous días antes perdéranse outras 8 persoas, un incidente que nese caso lamentabelmente acabou con feridos.

Cartel do Roteiro Circular
É evidente que non é casualidade: levamos meses recibindo queixas e alertando do actual estado de abandono dos camiños do Monte Pindo, e sobre todo o camiño de Penafiel (un dos principais sitios de interese do Olimpo Celta) que gañou moita popularidade nos últimos anos a raíz do Roteiro Circular montado pola Asociación Monte Pindo (precisamente co obxecto de instruír á xente para non perderse nesa ruta), e que hoxe forma parte xa de multitude de guías e webs especializadas, que ofrecen tracks GPS realizados cando os camiños si estaban ben e que agora poden xogar unha mala pasada. 

A falta de limpeza e atención institucional convérteos a día de hoxe en camiños practicamente impracticábeis e mesmo con risco de acabar pechados de maleza nalgún tramo, o que pode converter unha normalmente agradábel visita ao Monte Pindo nun auténtico pesadelo, por mor do risco de extravíos, lesións ou quen sabe se algo peor.

O Concello de Carnota e a Xunta deben deixar de apelar ao heroísmo, e seguir confiando a sorte destes episodios á eficacia e axilidade dos medios de rescate para solventar o problema unha vez que xa se produciu, pois do contrario antes ou despois vaise acabar producindo unha desgraza que todos e todas acabaremos lamentando.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural reitera a Concello e Xunta a súa esixencia de atención para os vieiros do Olimpo Celta, lembrando que a administración vetou as nosas accións de limpeza e voluntariado no espazo en 2013, polo que nin fan nin deixan facer.

07/07/21

A páxina de Monte Pindo Parque Natural acada o medio millón de visitas

O espazo dixital da Asociación Monte Pindo Parque Natural (www.montepindo.gal) acadou hoxe a súa visita nº 500.000, un fito impensábel cando naceu o noso colectivo aló naquel outono de 2010, que certifica que a loita en defensa do Monte Pindo non é cousa de catro veciñas senón un auténtico clamor social que ata traspasa fronteiras.

Desgrazadamente, dez anos despois a causa polo Parque Natural do Monte Pindo segue estancada exactamente no mesmo punto: xa venceu con creces a batalla máis importante, a dos argumentos, pois xa non ten nin un só motivo razoado en contra, que o desaconselle. A día de hoxe xa só atopa en contra a senrazón dun goberno autonómico, único responsábel da súa aprobación, que segue na súa negativa irracional e obstinada negando o que é un clamor popular incontestado, todo para aforrar os cartos que lle suporía protexer o segundo espazo natural máis coñecido da nosa comunidade. Lembramos que a única enquisa ao respecto (Instituto Sondaxe, 2013) certificaba que case o 75% da poboación apoia o Parque Natural por só un 2,2% que di estar en contra. Ese 2,2% debe ser o mesmo que goberna en San Caetano.

Desde aqui, case 4 mil días despois de que unha ducia de veciñas e veciños de Carnota iniciásemos esta loita, á que xa se sumaron outras 223 entidades e máis de 40.000 persoas, temos outros 500.000 motivos para impulsarnos a seguir adiante.