A Casa da Cultura de Corcubión foi o lugar escollido para dar nacemento o pasado sábado a unha nova entidade social na Costa da Morte, que aspira a converterse no referente do seu tecido social e veciñal, xusto agora en que os ataques á nosa bisbarra chegan por mar, terra e aire.
Congregáronse en Corcubión unha trintena de persoas que acudiron en representación dunha vintena de entidades sociais da Costa da Morte, e outras moitas a título particular. Na Asemblea, conducida por Merche Díaz (O Pindo) e Lorena Suárez (Vimianzo), procediuse á constitución formal de ADECOM, que se rexerá polos seguintes principios:
- Promulgará a conservación do medio natural da Costa da Morte, compatibilizándoa co seu desenvolvemento sostible e o incremento da calidade de vida das comunidades locais.
- Enfrontará, da man das veciñanzas afectadas, aqueles novos proxectos industriais e económicos que suporán unha degradación irreversíbel do medio natural da Costa da Morte e en particular dos seus espazos máis sensibles, e promoverá figuras de protección e conservación acaídas para os mesmos.
- Promoverá alternativas sostibles a aquelas actividades industriais e económicas contaminantes xa fixadas na Costa da Morte, promovendo unha transición ecolóxica xusta coas comunidades locais.
- Apoiará a idea dunha Costa da Morte limpa, que non só non xere novos residuos contaminantes froito das actividades humanas, senón que os absorba e elimine.
- Defenderá a idiosincrasia da sociedade da Costa da Morte, os seus valores arqueolóxicos e patrimoniais e as súas expresións culturais, e nomeadamente, o idioma galego e as variantes dialectais que nesta comarca o enriquecen, defendendo a súa normalización plena.
- Reclamará servizos públicos, sanidade, educación, infraestruturas e atención ás persoas maiores, con diversidade funcional e infancia... de calidade na Costa da Morte.
- Promoverá o asociacionismo, colaborando e axudando a que novas entidades poidan crearse na comarca e a súa integración en ADECOM.
- Será unha organización democrática, participativa e popular, cun ideario laico, feminista e pluralista, oposta por definición a toda forma de discriminación contra as persoas.
- Actuará con perspectiva de xénero para que as súas accións e proxectos contribúan a transformar a sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria.
- Recadará os recursos económicos para promover iniciativas que leven a unha maior sensibilización e concienciación social coas problemáticas da Costa da Morte.
- Establecerá os contactos precisos con persoas e colectivos de todo tipo de cara a obter o seu compromiso de adhesión e apoio ás causas que inicie.
- Establecerá contactos cos poderes públicos para obter o seu compromiso cos intereses da Costa da Morte.
- Promoverá e apoiará calquera iniciativa de persoas e colectivos alleos cuxos fins sexan coincidentes cos da propia asociación.
- Reclamará dos poderes públicos os recursos precisos para o desenvolvemento sostible da Costa da Morte.
- Promoverá e apoiará solidariamente iniciativas similares noutros espazos naturais do entorno.
Tamén se aprobaron por unanimidade os seus Estatutos, Regulamento de Réxime Interno e a Comisión Rectora, órgano directivo que estará conformado polas seguintes persoas:
- Jorge Castelo Mourelle
- Merche Díaz Mayán
- Yasmina Farhani Luaces
- Juan Fernández Blanco
- Juan Louro Cambeiro
- Mario Maceiras Dosil
- Belén Pérez Martínez
- César Pérez Martínez
- Héctor José Soto Santos
- Lorena Suárez Pazos
As cotas da asociación quedaron fixadas en 12€ para as persoas que queiran sumarse individualmente, o mesmo que as pequenas entidades con 12 ou menos persoas asociadas. As entidades máis grandes aboarán 2 euros máis de cota por cada múltiplo de 10 persoas que teñan asociadas (como máximo 52€). De xeito similar, as entidades terán nas Asembleas un número de votos proporcional ao número de persoas que teñan asociadas.
Rematou o acto facendo unha mención ao papel da Asociación Petón do Lobo (Cabana de Bergantiños), en recoñecemento ao seu compromiso en defensa da Costa da Morte e ao esforzo titánico e desinteresado que ven realizando ao redactar documentos de alegacións á práctica totalidade dos novos proxectos de parques eólicos plantexados en toda a bisbarra, traballo que está a resultar verdadeiramente útil ao noso tecido social para afrontar a reacción e resposta veciñal ante estes proxectos aberrantes.
A comisión coordinadora de ADECOM, que se disolve tras este acto tras un ano de traballo e cumprir a súa finalidade, amósase satisfeita pola excelente acollida que tivo da idea de formar unha entidade social que opere con perspectiva comarcal, unha vella inquedanza e necesidade da veciñanza da Costa da Morte que por fin é unha realidade. Agora será cousa de que as entidades sociais e as persoas que queiran sumar o seu gran de area se vaian adherindo a ADECOM, o que poden facer na web unete.adecom.gal.