Estimado alcalde:
Lamentamos ter que recorrer a esta carta para expresarche o noso malestar polo completo desinterese expresado polo goberno que presides cara a homenaxe que vimos de dispensar o pasado domingo 30 de maio a unha das nosas figuras máis senlleiras e que máis ten contribuído a poñer O Pindo e Carnota no mapa: Don José Barreiro Barral.
Foi un acto moi emotivo mais libre de sentimentalismos, que fixo xustiza histórica con quen redescubriu o Olimpo Celta dous séculos despois de que o Pai Sarmiento falara del, e a cuxo estudo e protección dedicou a maior parte da súa vida, dando como froito a primeira obra literaria monográfica sobre o Monte Pindo e atrevémonos a dicir que sobre o noso Concello: "Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra".
Mais tamén recoñecemos outra faceta moito menos coñecida de Barreiro: a daquel pintor de barcos ou igrexas que desde as súas humildes posibilidades (que basicamente se reducían á súa pluma), dedicou tamén a súa vida a defender o pobo do Pindo, Carnota e a nosa bisbarra, para a que esixiu desde as páxinas dos principais medios de comunicación atención e respecto, servizos básicos, infraestruturas ou sanidade e educación dignas, algo que tiña moito mérito e importancia nunha época na que as viaxes a unha cidade se contaban en días.
En definitiva, homenaxeamos un erudito local que amou e defendiu o noso Pobo coma o que máis, tanto que o seu compromiso con este espazo levouno a pedir nas súas últimas vontades ser enterrado nas saias do Monte Pindo, malia ser natural de Porto do Son e non ter sequera familia nin panteón na localidade.
Esta merecidísima homenaxe foi secundada por unha importante representación da súa familia e das súas grandes amizades (incluíndo o ex-presidente da Deputación Enrique Marfany) e moitas máis persoas que o admiramos e nos declaramos orgullosas herdeiras do seu legado. Por iso nos resultou especialmente triste non contar coa representación de ningún membro do goberno local de Carnota, quen deste xeito deu a espalda non só ao Pindo, senón a unha das nosas principais figuras históricas -desde logo a primeira que mereceu unha placa nos nosos rueiros- e á súa familia e amizades.
Entendemos que ti e o teu equipo tes unha axenda apretada aínda que seguramente aliviada en canto ao número de actos e eventos públicos pola pandemia. En cambio si tivestes a ben acudir recentemente en representación institucional do noso Concello a outra homenaxe, a dispensada a Manuel Rodríguez Louro polo veciño Concello de Dumbría, segundo soubemos a petición do seu alcalde. Lamentamos que unha entidade con sede no Concello que presides, e ao que levamos dedicado máis dunha década de traballo desinteresado e abnegado, non mereza a mesma atención e trato; os nosos reiterados convites nin sequera obtiveron resposta.
A insensibilidade demostrada polo teu goberno non será esquecida facilmente, e seguramente explica o estado de abandono no que se atopa actualmente o Monte Pindo, xoia da corona do noso municipio, pois os seus principais accesos (incluíndo a rota a Penafiel) levan tempo pechados de matogueira e sen ningunha atención do teu executivo. Supoñemos que agardas a que o alcalde de Dumbría o pida, agora que chega o verán e comezarán a organizar as súas rutas. Tamén supoñemos que esta falta de sensibilidade ten que ver con que recentemente Lariño veña de perder definitivamente unha das súas xoias tras a demolición con nocturnidade e alevosía da Caseta de Miche, cunha implicación incerta do teu goberno neste ataque ao noso patrimonio cultural e mariñeiro. Se desde logo este vai ser a túa "política" atoparasnos en fronte, xusto onde estivemos sempre ante quen ameazou o noso medio.
Despedímonos sinceiramente desexándote un cambio de rumbo.
Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural