21/06/21

Nace ADECOM sumando xa unha vintena de entidades que representan 700 persoas de case todos os municipios da Costa da Morte

A Casa da Cultura de Corcubión foi o lugar escollido para dar nacemento o pasado sábado a unha nova entidade social na Costa da Morte, que aspira a converterse no referente do seu tecido social e veciñal, xusto agora en que os ataques á nosa bisbarra chegan por mar, terra e aire.

Congregáronse en Corcubión unha trintena de persoas que acudiron en representación dunha vintena de entidades sociais da Costa da Morte, e outras moitas a título particular. Na Asemblea, conducida por Merche Díaz (O Pindo) e Lorena Suárez (Vimianzo), procediuse á constitución formal de ADECOM, que se rexerá polos seguintes principios:

  1. Promulgará a conservación do medio natural da Costa da Morte, compatibilizándoa co seu desenvolvemento sostible e o incremento da calidade de vida das comunidades locais.
  2. Enfrontará, da man das veciñanzas afectadas, aqueles novos proxectos industriais e económicos que suporán unha degradación irreversíbel do medio natural da Costa da Morte e en particular dos seus espazos máis sensibles, e promoverá figuras de protección e conservación acaídas para os mesmos.
  3. Promoverá alternativas sostibles a aquelas actividades industriais e económicas contaminantes xa fixadas na Costa da Morte, promovendo unha transición ecolóxica xusta coas comunidades locais.
  4. Apoiará a idea dunha Costa da Morte limpa, que non só non xere novos residuos contaminantes froito das actividades humanas, senón que os absorba e elimine.
  5. Defenderá a idiosincrasia da sociedade da Costa da Morte, os seus valores arqueolóxicos e patrimoniais e as súas expresións culturais, e nomeadamente, o idioma galego e as variantes dialectais que nesta comarca o enriquecen, defendendo a súa normalización plena.
  6. Reclamará servizos públicos, sanidade, educación, infraestruturas e atención ás persoas maiores, con diversidade funcional e infancia... de calidade na Costa da Morte.
  7. Promoverá o asociacionismo, colaborando e axudando a que novas entidades poidan crearse na comarca e a súa integración en ADECOM.
  8. Será unha organización democrática, participativa e popular, cun ideario laico, feminista e pluralista, oposta por definición a toda forma de discriminación contra as persoas.
  9. Actuará con perspectiva de xénero para que as súas accións e proxectos contribúan a transformar a sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria.
  10. Recadará os recursos económicos para promover iniciativas que leven a unha maior sensibilización e concienciación social coas problemáticas da Costa da Morte.
  11. Establecerá os contactos precisos con persoas e colectivos de todo tipo de cara a obter o seu compromiso de adhesión e apoio ás causas que inicie.
  12. Establecerá contactos cos poderes públicos para obter o seu compromiso cos intereses da Costa da Morte.
  13. Promoverá e apoiará calquera iniciativa de persoas e colectivos alleos cuxos fins sexan coincidentes cos da propia asociación.
  14. Reclamará dos poderes públicos os recursos precisos para o desenvolvemento sostible da Costa da Morte.
  15. Promoverá e apoiará solidariamente iniciativas similares noutros espazos naturais do entorno.

Tamén se aprobaron por unanimidade os seus Estatutos, Regulamento de Réxime Interno e a Comisión Rectora, órgano directivo que estará conformado polas seguintes persoas:

  • Jorge Castelo Mourelle
  • Merche Díaz Mayán
  • Yasmina Farhani Luaces
  • Juan Fernández Blanco
  • Juan Louro Cambeiro
  • Mario Maceiras Dosil
  • Belén Pérez Martínez
  • César Pérez Martínez
  • Héctor José Soto Santos
  • Lorena Suárez Pazos

As cotas da asociación quedaron fixadas en 12€ para as persoas que queiran sumarse individualmente, o mesmo que as pequenas entidades con 12 ou menos persoas asociadas. As entidades máis grandes aboarán 2 euros máis de cota por cada múltiplo de 10 persoas que teñan asociadas (como máximo 52€). De xeito similar, as entidades terán nas Asembleas un número de votos proporcional ao número de persoas que teñan asociadas.

Rematou o acto facendo unha mención ao papel da Asociación Petón do Lobo (Cabana de Bergantiños), en recoñecemento ao seu compromiso en defensa da Costa da Morte e ao esforzo titánico e desinteresado que ven realizando ao redactar documentos de alegacións á práctica totalidade dos novos proxectos de parques eólicos plantexados en toda a bisbarra, traballo que está a resultar verdadeiramente útil ao noso tecido social para afrontar a reacción e resposta veciñal ante estes proxectos aberrantes.

A comisión coordinadora de ADECOM, que se disolve tras este acto tras un ano de traballo e cumprir a súa finalidade, amósase satisfeita pola excelente acollida que tivo da idea de formar unha entidade social que opere con perspectiva comarcal, unha vella inquedanza e necesidade da veciñanza da Costa da Morte que por fin é unha realidade. Agora será cousa de que as entidades sociais e as persoas que queiran sumar o seu gran de area se vaian adherindo a ADECOM, o que poden facer na web unete.adecom.gal.


08/06/21

A mafia eólica volve a tentar facerse cos montes de Carnota tras dez anos de paz

Vista dos montes de Lariño e o Monte Louro desde a Torre dos Mouros (Lira)

Xusto cando se cumpren dez anos de tranquilidade desde que paralizáramos a última ameaza, os montes do noso Concello volven a estar no punto de mira das multinacionais enerxéticas que lanzaron este ano unha bestial opa hostil sobre os montes galegos, co visto e prace da Xunta, que xa pareceu dar total carta branca a estas instalacións plantexadas indiscriminadamente por todo o noso territorio.

Neste caso, a mafia eólica lanzou o "Parque Eólico Cabazo", co obxectivo de apoderarse dos montes virxes sitos entre Carnota e Muros, na antiga Serra de Fontevico, onde pretenden instalar nada máis e nada menos que 9 dos polémicos macroxeradores que están a subscitar a reacción social en todo o País.

Porque resulta que estes xeradores non teñen nada que ver cos "clásicos" viraventos que xa existen por ducias no noso concello, senón que case triplican o seu tamaño. Como se pode ver neste deseño de ADECOM, os novos muiños de vento superan os 200 metros de altura na punta da aspa para xerar 10mW, mentras que os antigos apenas chegaban a 80 metros e xeraban menos dun mW.

Isto multiplica tamén o ruido, o efecto estroboscópico, o impacto paisaxístico e en definitiva degradan para sempre o medio natural e o atractivo da zona, a cambio dun retorno ínfimo ou directamente inexistente para as comunidades locais, mentras que as multinacionais que promoven estes proxectos apañan para as súas sedes fiscais beneficios multimillonarios. Pola súa parte, os membros da Xunta que os apoian vense recompensados mediante as infames portas xiratorias. De aí que os colectivos ambientais falen xa de mafia eólica, pois son parte dun mesmo esquema fraudulento de corrupción con favores públicos que se retroalimenta.

Monte Pindo chama a apoiar masivamente as alegacións a este proxecto

A Asociación Monte Pindo asume coma propias as alegacións elaboradas pola Asociación Petón do Lobo, e chama á veciñanza de Carnota e ás súas entidades sociais a presentar tamén estas alegacións, pois delas pode depender que logremos evitar que un novo espazo natural privilexiado do noso municipio caia en mans da depredación. Asi mesmo, agardamos que a corporación municipal se pronuncie canto antes contra este proxecto aberrante que golpea o noso Concello na súa principal fortaleza: o seu medio natural.

Podedes descargar aqui o modelo de alegacións
Cadro resumo das características do Parque Eólico Cabazo

02/06/21

Descubertas novas especies que xustifican aínda máis o Parque Natural e a ampliación da Rede Natura

Malia que a pandemia parou case todo durante o último ano e medio, a actividade científica non cesou e seguimos tendo grandes noticias no relativo á biodiversidade que acolle o noso territorio. Estamos moi felices de poder anunciar o descubrimento de varias especies botánicas no entorno que xustificarían por si mesmo a protección deste espazo.

Rhaponticoides africana

Especime no Pindo, foto de Javier Calvo
Trátase dunha especie de centáurea (de feito antes chamábase Centáurea africana) que acaba de de ser descuberta no noso concello por primeira vez, nas inmediacións do Monte Pindo, e da cal polo momento só coñecemos outra poboación máis no noso País, sita na localidade de Carril, no municipio de Vilagarcía. 

Pero é que ademais un experto que tivo a ocasión de observalo sostén que o especime localizado no Pindo garda sensíbeis diferencias coa súa irmá do sur, que xa se están a analizar para comprobar se se trata da mesma subespecie ou dunha nova.

En calquera caso, unha nova incorporación que entra pola porta grande ao Catálogo de Especies do Monte Pindo.

Vandenboschia speciosa

Especime en Vilaza, foto de Carlos Boullón
Trátase dunha especie de fento catalogada coma vulnerábel, que vén de aparecer por vez primeira no noso municipio, e concretamente nun cauce fluvial que polo momento non desvelaremos para non perxudicar a especie. A súa presenza, que ademais aparece asociada a outros fentos igualmente raros e protexidos, xustifica por si mesmo a protección do noso entorno. E non o dicimos nós, senón o propio artigo científico que fai eco da descuberta:

"Sería recomendábel ampliar o ZEC Carnota-Monte Pindo (ES 1110008, Fig. 1) a fin de proporcionar acubillo legal para a localidade carnotá de V. speciosa (SANT 78434) e para outros elementos de pteridoflora paleotropical en perigo de extinción que están presentes en bebedoiros próximos, coma Dryopteris guanchica Gibby & Jermy e Hymenophyllum tunbrigense (L.) Sm."

Armeria x carnotana

Armeria beirana, foto de Roi Carballal
Pouca veciñanza sabe que existe unha especie de herba de namorar que leva o nome do noso municipio, produto dunha hibridación entre as especies Armeria beirana e Armeria pubigera, e ubícase no noso concello sobre todo nas dunas de varias das nosas praias e en menor medida nos rochedos e vexetación densa de cantil.

Este endemismo galaico-portugués, do que desgrazadamente non temos ningunha imaxe, foi descrito en 2012 polo amigo desta entidade Jaime Bernardo Blanco-Dios.

Nota: Todas as imaxes deste artigo foron tomadas da magnífica páxina biodiversidade.eu, proxecto que desde Monte Pindo Parque Natural apoiamos e recomendamos encarecidamente.

01/06/21

Carta aberta ao alcalde de Carnota

Estimado alcalde:

Lamentamos ter que recorrer a esta carta para expresarche o noso malestar polo completo desinterese expresado polo goberno que presides cara a homenaxe que vimos de dispensar o pasado domingo 30 de maio a unha das nosas figuras máis senlleiras e que máis ten contribuído a poñer O Pindo e Carnota no mapa: Don José Barreiro Barral.

Foi un acto moi emotivo mais libre de sentimentalismos, que fixo xustiza histórica con quen redescubriu o Olimpo Celta dous séculos despois de que o Pai Sarmiento falara del, e a cuxo estudo e protección dedicou a maior parte da súa vida, dando como froito a primeira obra literaria monográfica sobre o Monte Pindo e atrevémonos a dicir que sobre o noso Concello: "Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra".

Mais tamén recoñecemos outra faceta moito menos coñecida de Barreiro: a daquel pintor de barcos ou igrexas que desde as súas humildes posibilidades (que basicamente se reducían á súa pluma), dedicou tamén a súa vida a defender o pobo do Pindo, Carnota e a nosa bisbarra, para a que esixiu desde as páxinas dos principais medios de comunicación atención e respecto, servizos básicos, infraestruturas ou sanidade e educación dignas, algo que tiña moito mérito e importancia nunha época na que as viaxes a unha cidade se contaban en días. 

En definitiva, homenaxeamos un erudito local que amou e defendiu o noso Pobo coma o que máis, tanto que o seu compromiso con este espazo levouno a pedir nas súas últimas vontades ser enterrado nas saias do Monte Pindo, malia ser natural de Porto do Son e non ter sequera familia nin panteón na localidade.

Esta merecidísima homenaxe foi secundada por unha importante representación da súa familia e das súas grandes amizades (incluíndo o ex-presidente da Deputación Enrique Marfany) e moitas máis persoas que o admiramos e nos declaramos orgullosas herdeiras do seu legado. Por iso nos resultou especialmente triste non contar coa representación de ningún membro do goberno local de Carnota, quen deste xeito deu a espalda non só ao Pindo, senón a unha das nosas principais figuras históricas -desde logo a primeira que mereceu unha placa nos nosos rueiros- e á súa familia e amizades.

Entendemos que ti e o teu equipo tes unha axenda apretada aínda que seguramente aliviada en canto ao número de actos e eventos públicos pola pandemia. En cambio si tivestes a ben acudir recentemente en representación institucional do noso Concello a outra homenaxe, a dispensada a Manuel Rodríguez Louro polo veciño Concello de Dumbría, segundo soubemos a petición do seu alcalde. Lamentamos que unha entidade con sede no Concello que presides, e ao que levamos dedicado máis dunha década de traballo desinteresado e abnegado, non mereza a mesma atención e trato; os nosos reiterados convites nin sequera obtiveron resposta.

A insensibilidade demostrada polo teu goberno non será esquecida facilmente, e seguramente explica o estado de abandono no que se atopa actualmente o Monte Pindo, xoia da corona do noso municipio, pois os seus principais accesos (incluíndo a rota a Penafiel) levan tempo pechados de matogueira e sen ningunha atención do teu executivo. Supoñemos que agardas a que o alcalde de Dumbría o pida, agora que chega o verán e comezarán a organizar as súas rutas. Tamén supoñemos que esta falta de sensibilidade ten que ver con que recentemente Lariño veña de perder definitivamente unha das súas xoias tras a demolición con nocturnidade e alevosía da Caseta de Miche, cunha implicación incerta do teu goberno neste ataque ao noso patrimonio cultural e mariñeiro. Se desde logo este vai ser a túa "política" atoparasnos en fronte, xusto onde estivemos sempre ante quen ameazou o noso medio.

Despedímonos sinceiramente desexándote un cambio de rumbo.

Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural