10/05/21

Monte Pindo homenaxeará a Xosé Barreiro Barral o vindeiro 30 de maio

A Asociación Monte Pindo Parque Natural retoma a súa actividade normal tras a pandemia e elixe para este significado momento homenaxear un dos seus principais referentes históricos: Xosé Barreiro Barral, primeiro cronista e gran estudoso do macizo, ao cal dedicou un artigo e unha obra completa: "Os Montes do Pindo, Olimpo Celta e Deserto de Pedra"; a primeira -e esgotadísima- obra literaria monográfica sobre o mítico macizo granítico carnotán.

As actividades terán lugar o domingo 30 de maio no lugar do Pindo, cun programa que inaugurará ás 11:30 horas na Confraría de Pescadores do Pindo a súa secretaria (e nosa tesoureira) Merche Díaz. A continuación terá lugar unha actuación musical a cargo de Bieito Romero (Luar na Lubre) e do seu fillo Bieito Romero Diéguez (Dequenvessendo). Logo será o turno de Manuel Gago, quen estará a cargo da lembranza da vida e obra de Barreiro Barral.

Logo, ás 13:00 está previsto que o acto se desprace ata a que foi a súa vivenda (que foi rehabilitada este ano), onde comezará a segunda parte do acto cun recital poético da obra "Versos no Olimpo" por "Chisco" Fernández Naval e unha pequena actuación musical, para a continuación descubrir a placa conmemorativa que fixará para sempre a memoria de Barreiro Barral nas nosas rúas, a cargo de Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural. Clausuremos o acto coa interpretación do noso Himno.

Con esta homenaxe, que xa tivemos que suspender varias veces por mor da pandemia, a Asociación Monte Pindo aspira a saldar unha vella débeda histórica da comunidade en defensa do Olimpo Celta cun dos seus principais valedores na época moderna; e ademais aproveitaremos o acto para facer un importante anuncio que consolidará para sempre a importancia da súa figura.

Queremos aproveitar estas liñas para agradecerlle á familia de Xosé Barreiro Barral o seu total apoio e colaboración con esta homenaxe, e en especial de xeito póstumo ao seu fillo Xosé Ramón Barreiro Fernández (quen fóra presidente da Real Academia Galega) quen desgrazadamente non nos poderá acompañar no acto pois vén de falecer recentemente. Asi mesmo, queremos agracecer os propietarios actuais da que fora casa de Barreiro a súa colaboración para que esta homenaxe sexa posíbel.