Crónica da emotiva homenaxe a Barreiro Barral
A Asociación Monte Pindo Parque Natural rendiu onte unha merecidísima homenaxe a José Barreiro Barral, primeiro cronista do Olimpo Celta e considerado un deses «eruditos locais» fundamentais para a posta en valor os nosos principais espazos naturais, pois son os que crean o testemuño que logo recollen os membros da comunidade científica que se ocupa destes lugares tan singulares.
A homenaxe desenvolveuse no Pindo nun día radiante que permitiu ás máis de medio cento de persoas que se achegaron, incluíndo unha importante representación da familia, gozar do acto nas mellores condicións. O cheo absoluto da Confraría de Pescadores do Pindo, localización elixida para iniciar o acto e que completou o máximo aforo permitido pola actual situación sanitaria, anticipaba que o acto sería memorábel. Iniciou o mesmo Merche Díaz, secretaria da propia confraría e tesoureira da Asociación Monte Pindo, que exerceu de anfitriona e mestra de cerimonias, presentando primeiro ao dúo musical de excepción conformado por Bieito Romero pai (Luar na Lubre) e fillo (Dequenvessendo), quen acompañaron musicalmente o acto tocando a zanfona e o acordeón, respectivamente.Ocuparíase da semblanza ao homenaxeado Manuel Gago, xornalista e profesor galego, editor do considerado primeiro blog en lingua galega aínda en funcionamento e director do portal do Consello da Cultura Galega, quen fixo unha viaxe polos aspectos máis coñecidos de Barreiro Barral, gran estudoso e apaixoado polo medio natural en xeral e polo Monte Pindo en particular o que plasmou en varias obras, pero tamén dos menos coñecidos, como que foi un gran defensor do pobo e esixiu en numerosas cartas e escritos aos medios de comunicación as necesidades sanitarias ou educativas neste recanto do rural galego. Rematada a intervención de Gago, a homenaxe trasladouse desde a confraría ata o Porto do Pindo, á que foi a casa de Barreiro Barral no Pindo durante máis de 40 anos, rehabilitada recentemente polos seus actuais propietarios que se amosaron encantados de colaborar coa iniciativa, para descubrirlle unha placa que fixará para sempre a súa memoria no rueiro do Pindo. Ali tivo lugar un recital poético polo escritor ourensán afincado en Lira Chisco Fernández Naval, quen debullou varios dos textos de Versos no Olimpo, a antoloxía poética do Monte Pindo, edición que el mesmo coordinara xunto con Miro Villar.Seguindo coa orde das intervencións, o presidente da Asociación, Xil Caamaño, agradeceu en nome da comunidade de amantes do Olimpo Celta o contributo impagábel de Barreiro Barral, quen máis de 200 anos despois do Pai Sarmiento foi quen de recuperar a súa historia, dignificar o espazo natural e poñelo en valor para iniciar un traballo de redescuberta do que a nosa entidade se declara orgullosa herdeira. non quixo Xil rematar sen anunciar unha grandísima noticia, e é que chegamos a un acordo cos herdeiros de Barreiro Barral para publicar por fin (e en galego) a obra magna de Barreiro: Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra, 35 anos despois da súa primeira -e esgotadísima- edición. Monte Pindo ponse a traballar xa para devolver ás librarías de todo o país esta obra que apenas se pode adquirir no mercado de segunda man, mais cuxa lectura debería ser case obrigada para coñecer os valores deste Monte que aínda tanto ten que depararnos, pois moitas das preguntas que -como ben dicía Gago- nos legou Barreiro seguen sen resposta, incluída a ubicación da xa mítica dobre espiral de Barreiro que descubriu e nunca máis atopamosClausurou o acto a propia filla de Barreiro Barral, María Esther, quen nos deixou unhas emotivas palabras en nome de toda a familia e tamén un recordo para o seu irmán e irmá que tristemente non puideron acompañarnos. Tamén nos agasallou unha anécdota que resume o nivel de compromiso do seu pai con este espazo natural, xa que cando considerou que estaba preto de deixarnos pediu ser enterrado no Monte Pindo, mais non incinerado, senón transportando os seus restos en cadaleito monte arriba, o que tras o lóxico pánico da familia e negociacións co cura, conseguiron por fin satisfacelo garantindo que os seus restos repousarían nun recanto «abrigadiño» do cemiterio local, nas faldas do Olimpo Celta, onde descansa eternamente ata a actualidade no espazo ao que dedicou a súa vida, que segundo Esther merece a máxima protección que da a figura de Parque Natural, pola que nos convidou a seguir loitando apoiando á Asociación que o defende.Agradecemos a todas as persoas que nos acompañaron neste día, con especial cariño á súa familia e aos poñentes, asi como a todas as persoas que colaboraron dun e outro xeito con esta homenaxe necesaria a quen fixo que o Monte Pindo sexa hoxe en día tan grande. Lamentamos, por outra parte, o desinterese do goberno local con este acto e por tanto cunha figura histórica tan importante para o Pindo e para Carnota, e a primeira que desde logo ten dedicada unha placa no noso rueiro.