09/12/21

Eólica, asi non! O 11 de decembro subimos ao Monte Pindo para denunciar a invasión eólica

Con motivo do Día mundial das Montañas, o sábado, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” apoiada por máis de 170 colectivos de toda Galiza, convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a invasión eólica baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”. 

A cita na nosa comarca será ás 10:00 horas no lugar do Fieiro (Mazaricos), desde onde emprenderemos unha marcha reivindicativa ata a Moa, cume do Olimpo Celta, onde desenvolveremos unha impactante acción simbólica de denuncia do expolio eólico. 

A mobilización está convocada por ADECOM, e exercerá coma anfitriona a Asociación Monte Pindo Parque Natural (cuxo presidente Xilberto Caamaño nos guiará na subida) e conta co apoio de ADEGA, Plataforma en Defensa do Monte das Salgueiras e Ecoloxistas en Acción. 

Agardamos poder contar con todos e todas vós!

24/08/21

O goberno de Carnota cumpre a súa ameaza e pecha os camiños de Penafiel

O goberno local de Carnota cumpriu a súa ameaza de "clausurar" os camiños de Penafiel, coa colocación de varios sinais nos seus accesos.

Isto acontece despois da furibunda reacción do executivo contra a nosa entidade por denunciar xustamente que o Concello tiña intención de "pechar" camiños do Monte Pindo en vez de limpalos, inaudito anuncio que lanzaba nos medios de comunicación despois de varios extravíos. O goberno acusounos daquela de "fake news", só semanas antes de facer realidade o anuncio colocando os sinais.

A Asociación Monte Pindo dubida sequera de que o uso destas sinais sexa legal, pois emprega arbitrariamente a sinaléctica normalizada internacional para rutas de sendeirismo, que non é de uso libre a quen lle pete senón que debe promoverse dun xeito e por unha entidade autorizada. Esta sinaléctica nunca se despregou no Olimpo Celta do xeito normativo, agás este uso esporádico e cando menos alegal. 

A rocambolesca xestión dos reiterados e preocupantes extravíos de sendeiristas no Olimpo Celta por parte do executivo, que no noso entorno xa escoitamos calificar de "ridículo" e "despropósito", asi coma a deliberada negativa a desenvolver as ansiadas e necesarias medidas de limpeza, motivou que se leve este tema a debate no Pleno municipal.

Mentras tanto, no terreo, o pasado luns houbo un novo rescate no Monte Pindo.

10/08/21

Monte Pindo solicita formalmente ao Concello que limpe os camiños de Penafiel

Texto da petición
Despois da polémica xerada nas últimas semanas pola incomprensible reacción do goberno local de Carnota ante as protestas veciñais polo mal estado do camiño de Penafiel que provoca continuos extravíos de sendeiristas, Monte Pindo Parque Natural vén de rexistrar esta mañá unha solicitude formal no rexistro do Concello de Carnota para que o goberno local acometa dunha vez as necesarias e urxentes tarefas de limpeza dese e doutros camiños no mesmo estado.

A entidade carnotá lembra que clausurar camiños non é a solución, senón que hai que mandar unha brigada urxentemente a limpar o camiño como se viña facendo nos últimos anos. De feito, cando no 2017 logramos grazas a un convenio con Google mapear todos estes camiños poder para percorrelos virtualmente, ben se ve que os camiños estaban bastante coidados e practicables, co cal agora moita xente aventúrase polos mesmos, só para atoparse con que nalgúns puntos son intransitables.

Por último queremos lamentar a reacción do executivo carnotán ante a denuncia pública feita pola nosa Asociación valorando a noticia publicada na Voz de Galicia de que o Concello prevé pechar ao tránsito (sic) os camiños, nova da que se fixo eco a nosa e outra multitude de entidades e persoas indignadas ante o anuncio. Pois ben, lonxe de escoitar e atender a demanda social e destinar os recursos precisos, o goberno local utilizou partidariamente as redes sociais corporativas do Concello para atacar desde elas a Monte Pindo Parque Natural, chegando a acusarnos de facer "fake news" e mesmo aconsellando aos seus usuarios ignorarnos. 

Lembrámoslle que as redes sociais do noso Concello son de toda a veciñanza e non só dos membros do goberno, e tamén que a nosa entidade non se dedica a facer xornalismo (nin do bo nin do malo), senón a defender o Monte Pindo como levamos facendo nos últimos 10 anos. Estamos no noso perfecto dereito de opinar sobre os problemas que lle afectan, moleste a quen lle moleste, e máis cando eses problemas poñen en risco a vida e a seguridade das persoas que visitan este espazo. 

04/08/21

Novas cancelas ao Monte Pindo, 10 anos despois

Fotomontaxe de elaboración propia (CC) 

O Concello de Carnota anuncioulle aos medios a súa intención de pechar a ruta de Penafiel, a terceira en popularidade máis importante no Monte Pindo, polo seu deplorable estado que provocou varios extravíos nas últimas datas, e só unha vez que a nosa entidade esixiu a Concello e Xunta que se poñan as pilas e actúen no espazo antes de que suceda unha traxedia.

A Asociación Monte Pindo considera aberrante que unha administración trate con este desleixo un dos seus recursos máis valiosos e que lle xera máis afluencia de visitantes, e que en lugar de ordenar a inmediata limpeza e sinalización do percorrido, que sería o razoable e sensato, decidan "poñer cancelas ao Monte", no sentido literal.

Esta idea parece conectar directamente coa que tivera o último alcalde do PP José Oreiro, quen nun debate electoral en 2011 anunciara que o seu principal proxecto para o Monte Pindo era valalo, soltar animais dentro e convertelo nun coto de caza maior. Afortunadamente perdeu as eleccións e non puido poñer cancelas ao monte daquela, agardemos que agora tampouco se faga.


15/07/21

O goberno de Carnota e da Xunta teñen que deixar de apelar ao «heroísmo» e porse a limpar urxentemente os camiños do Monte Pindo

Trascendía onte nos medios de comunicación que se producía un novo extravío no Monte Pindo, neste caso unha parella, que afortunadamente non tivo consecuencias por mor da áxil intervención dos medios de rescate (nomeadamente Policía local e GES Muros). Dous días antes perdéranse outras 8 persoas, un incidente que nese caso lamentabelmente acabou con feridos.

Cartel do Roteiro Circular
É evidente que non é casualidade: levamos meses recibindo queixas e alertando do actual estado de abandono dos camiños do Monte Pindo, e sobre todo o camiño de Penafiel (un dos principais sitios de interese do Olimpo Celta) que gañou moita popularidade nos últimos anos a raíz do Roteiro Circular montado pola Asociación Monte Pindo (precisamente co obxecto de instruír á xente para non perderse nesa ruta), e que hoxe forma parte xa de multitude de guías e webs especializadas, que ofrecen tracks GPS realizados cando os camiños si estaban ben e que agora poden xogar unha mala pasada. 

A falta de limpeza e atención institucional convérteos a día de hoxe en camiños practicamente impracticábeis e mesmo con risco de acabar pechados de maleza nalgún tramo, o que pode converter unha normalmente agradábel visita ao Monte Pindo nun auténtico pesadelo, por mor do risco de extravíos, lesións ou quen sabe se algo peor.

O Concello de Carnota e a Xunta deben deixar de apelar ao heroísmo, e seguir confiando a sorte destes episodios á eficacia e axilidade dos medios de rescate para solventar o problema unha vez que xa se produciu, pois do contrario antes ou despois vaise acabar producindo unha desgraza que todos e todas acabaremos lamentando.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural reitera a Concello e Xunta a súa esixencia de atención para os vieiros do Olimpo Celta, lembrando que a administración vetou as nosas accións de limpeza e voluntariado no espazo en 2013, polo que nin fan nin deixan facer.

07/07/21

A páxina de Monte Pindo Parque Natural acada o medio millón de visitas

O espazo dixital da Asociación Monte Pindo Parque Natural (www.montepindo.gal) acadou hoxe a súa visita nº 500.000, un fito impensábel cando naceu o noso colectivo aló naquel outono de 2010, que certifica que a loita en defensa do Monte Pindo non é cousa de catro veciñas senón un auténtico clamor social que ata traspasa fronteiras.

Desgrazadamente, dez anos despois a causa polo Parque Natural do Monte Pindo segue estancada exactamente no mesmo punto: xa venceu con creces a batalla máis importante, a dos argumentos, pois xa non ten nin un só motivo razoado en contra, que o desaconselle. A día de hoxe xa só atopa en contra a senrazón dun goberno autonómico, único responsábel da súa aprobación, que segue na súa negativa irracional e obstinada negando o que é un clamor popular incontestado, todo para aforrar os cartos que lle suporía protexer o segundo espazo natural máis coñecido da nosa comunidade. Lembramos que a única enquisa ao respecto (Instituto Sondaxe, 2013) certificaba que case o 75% da poboación apoia o Parque Natural por só un 2,2% que di estar en contra. Ese 2,2% debe ser o mesmo que goberna en San Caetano.

Desde aqui, case 4 mil días despois de que unha ducia de veciñas e veciños de Carnota iniciásemos esta loita, á que xa se sumaron outras 223 entidades e máis de 40.000 persoas, temos outros 500.000 motivos para impulsarnos a seguir adiante.

21/06/21

Nace ADECOM sumando xa unha vintena de entidades que representan 700 persoas de case todos os municipios da Costa da Morte

A Casa da Cultura de Corcubión foi o lugar escollido para dar nacemento o pasado sábado a unha nova entidade social na Costa da Morte, que aspira a converterse no referente do seu tecido social e veciñal, xusto agora en que os ataques á nosa bisbarra chegan por mar, terra e aire.

Congregáronse en Corcubión unha trintena de persoas que acudiron en representación dunha vintena de entidades sociais da Costa da Morte, e outras moitas a título particular. Na Asemblea, conducida por Merche Díaz (O Pindo) e Lorena Suárez (Vimianzo), procediuse á constitución formal de ADECOM, que se rexerá polos seguintes principios:

  1. Promulgará a conservación do medio natural da Costa da Morte, compatibilizándoa co seu desenvolvemento sostible e o incremento da calidade de vida das comunidades locais.
  2. Enfrontará, da man das veciñanzas afectadas, aqueles novos proxectos industriais e económicos que suporán unha degradación irreversíbel do medio natural da Costa da Morte e en particular dos seus espazos máis sensibles, e promoverá figuras de protección e conservación acaídas para os mesmos.
  3. Promoverá alternativas sostibles a aquelas actividades industriais e económicas contaminantes xa fixadas na Costa da Morte, promovendo unha transición ecolóxica xusta coas comunidades locais.
  4. Apoiará a idea dunha Costa da Morte limpa, que non só non xere novos residuos contaminantes froito das actividades humanas, senón que os absorba e elimine.
  5. Defenderá a idiosincrasia da sociedade da Costa da Morte, os seus valores arqueolóxicos e patrimoniais e as súas expresións culturais, e nomeadamente, o idioma galego e as variantes dialectais que nesta comarca o enriquecen, defendendo a súa normalización plena.
  6. Reclamará servizos públicos, sanidade, educación, infraestruturas e atención ás persoas maiores, con diversidade funcional e infancia... de calidade na Costa da Morte.
  7. Promoverá o asociacionismo, colaborando e axudando a que novas entidades poidan crearse na comarca e a súa integración en ADECOM.
  8. Será unha organización democrática, participativa e popular, cun ideario laico, feminista e pluralista, oposta por definición a toda forma de discriminación contra as persoas.
  9. Actuará con perspectiva de xénero para que as súas accións e proxectos contribúan a transformar a sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria.
  10. Recadará os recursos económicos para promover iniciativas que leven a unha maior sensibilización e concienciación social coas problemáticas da Costa da Morte.
  11. Establecerá os contactos precisos con persoas e colectivos de todo tipo de cara a obter o seu compromiso de adhesión e apoio ás causas que inicie.
  12. Establecerá contactos cos poderes públicos para obter o seu compromiso cos intereses da Costa da Morte.
  13. Promoverá e apoiará calquera iniciativa de persoas e colectivos alleos cuxos fins sexan coincidentes cos da propia asociación.
  14. Reclamará dos poderes públicos os recursos precisos para o desenvolvemento sostible da Costa da Morte.
  15. Promoverá e apoiará solidariamente iniciativas similares noutros espazos naturais do entorno.

Tamén se aprobaron por unanimidade os seus Estatutos, Regulamento de Réxime Interno e a Comisión Rectora, órgano directivo que estará conformado polas seguintes persoas:

  • Jorge Castelo Mourelle
  • Merche Díaz Mayán
  • Yasmina Farhani Luaces
  • Juan Fernández Blanco
  • Juan Louro Cambeiro
  • Mario Maceiras Dosil
  • Belén Pérez Martínez
  • César Pérez Martínez
  • Héctor José Soto Santos
  • Lorena Suárez Pazos

As cotas da asociación quedaron fixadas en 12€ para as persoas que queiran sumarse individualmente, o mesmo que as pequenas entidades con 12 ou menos persoas asociadas. As entidades máis grandes aboarán 2 euros máis de cota por cada múltiplo de 10 persoas que teñan asociadas (como máximo 52€). De xeito similar, as entidades terán nas Asembleas un número de votos proporcional ao número de persoas que teñan asociadas.

Rematou o acto facendo unha mención ao papel da Asociación Petón do Lobo (Cabana de Bergantiños), en recoñecemento ao seu compromiso en defensa da Costa da Morte e ao esforzo titánico e desinteresado que ven realizando ao redactar documentos de alegacións á práctica totalidade dos novos proxectos de parques eólicos plantexados en toda a bisbarra, traballo que está a resultar verdadeiramente útil ao noso tecido social para afrontar a reacción e resposta veciñal ante estes proxectos aberrantes.

A comisión coordinadora de ADECOM, que se disolve tras este acto tras un ano de traballo e cumprir a súa finalidade, amósase satisfeita pola excelente acollida que tivo da idea de formar unha entidade social que opere con perspectiva comarcal, unha vella inquedanza e necesidade da veciñanza da Costa da Morte que por fin é unha realidade. Agora será cousa de que as entidades sociais e as persoas que queiran sumar o seu gran de area se vaian adherindo a ADECOM, o que poden facer na web unete.adecom.gal.


08/06/21

A mafia eólica volve a tentar facerse cos montes de Carnota tras dez anos de paz

Vista dos montes de Lariño e o Monte Louro desde a Torre dos Mouros (Lira)

Xusto cando se cumpren dez anos de tranquilidade desde que paralizáramos a última ameaza, os montes do noso Concello volven a estar no punto de mira das multinacionais enerxéticas que lanzaron este ano unha bestial opa hostil sobre os montes galegos, co visto e prace da Xunta, que xa pareceu dar total carta branca a estas instalacións plantexadas indiscriminadamente por todo o noso territorio.

Neste caso, a mafia eólica lanzou o "Parque Eólico Cabazo", co obxectivo de apoderarse dos montes virxes sitos entre Carnota e Muros, na antiga Serra de Fontevico, onde pretenden instalar nada máis e nada menos que 9 dos polémicos macroxeradores que están a subscitar a reacción social en todo o País.

Porque resulta que estes xeradores non teñen nada que ver cos "clásicos" viraventos que xa existen por ducias no noso concello, senón que case triplican o seu tamaño. Como se pode ver neste deseño de ADECOM, os novos muiños de vento superan os 200 metros de altura na punta da aspa para xerar 10mW, mentras que os antigos apenas chegaban a 80 metros e xeraban menos dun mW.

Isto multiplica tamén o ruido, o efecto estroboscópico, o impacto paisaxístico e en definitiva degradan para sempre o medio natural e o atractivo da zona, a cambio dun retorno ínfimo ou directamente inexistente para as comunidades locais, mentras que as multinacionais que promoven estes proxectos apañan para as súas sedes fiscais beneficios multimillonarios. Pola súa parte, os membros da Xunta que os apoian vense recompensados mediante as infames portas xiratorias. De aí que os colectivos ambientais falen xa de mafia eólica, pois son parte dun mesmo esquema fraudulento de corrupción con favores públicos que se retroalimenta.

Monte Pindo chama a apoiar masivamente as alegacións a este proxecto

A Asociación Monte Pindo asume coma propias as alegacións elaboradas pola Asociación Petón do Lobo, e chama á veciñanza de Carnota e ás súas entidades sociais a presentar tamén estas alegacións, pois delas pode depender que logremos evitar que un novo espazo natural privilexiado do noso municipio caia en mans da depredación. Asi mesmo, agardamos que a corporación municipal se pronuncie canto antes contra este proxecto aberrante que golpea o noso Concello na súa principal fortaleza: o seu medio natural.

Podedes descargar aqui o modelo de alegacións
Cadro resumo das características do Parque Eólico Cabazo

02/06/21

Descubertas novas especies que xustifican aínda máis o Parque Natural e a ampliación da Rede Natura

Malia que a pandemia parou case todo durante o último ano e medio, a actividade científica non cesou e seguimos tendo grandes noticias no relativo á biodiversidade que acolle o noso territorio. Estamos moi felices de poder anunciar o descubrimento de varias especies botánicas no entorno que xustificarían por si mesmo a protección deste espazo.

Rhaponticoides africana

Especime no Pindo, foto de Javier Calvo
Trátase dunha especie de centáurea (de feito antes chamábase Centáurea africana) que acaba de de ser descuberta no noso concello por primeira vez, nas inmediacións do Monte Pindo, e da cal polo momento só coñecemos outra poboación máis no noso País, sita na localidade de Carril, no municipio de Vilagarcía. 

Pero é que ademais un experto que tivo a ocasión de observalo sostén que o especime localizado no Pindo garda sensíbeis diferencias coa súa irmá do sur, que xa se están a analizar para comprobar se se trata da mesma subespecie ou dunha nova.

En calquera caso, unha nova incorporación que entra pola porta grande ao Catálogo de Especies do Monte Pindo.

Vandenboschia speciosa

Especime en Vilaza, foto de Carlos Boullón
Trátase dunha especie de fento catalogada coma vulnerábel, que vén de aparecer por vez primeira no noso municipio, e concretamente nun cauce fluvial que polo momento non desvelaremos para non perxudicar a especie. A súa presenza, que ademais aparece asociada a outros fentos igualmente raros e protexidos, xustifica por si mesmo a protección do noso entorno. E non o dicimos nós, senón o propio artigo científico que fai eco da descuberta:

"Sería recomendábel ampliar o ZEC Carnota-Monte Pindo (ES 1110008, Fig. 1) a fin de proporcionar acubillo legal para a localidade carnotá de V. speciosa (SANT 78434) e para outros elementos de pteridoflora paleotropical en perigo de extinción que están presentes en bebedoiros próximos, coma Dryopteris guanchica Gibby & Jermy e Hymenophyllum tunbrigense (L.) Sm."

Armeria x carnotana

Armeria beirana, foto de Roi Carballal
Pouca veciñanza sabe que existe unha especie de herba de namorar que leva o nome do noso municipio, produto dunha hibridación entre as especies Armeria beirana e Armeria pubigera, e ubícase no noso concello sobre todo nas dunas de varias das nosas praias e en menor medida nos rochedos e vexetación densa de cantil.

Este endemismo galaico-portugués, do que desgrazadamente non temos ningunha imaxe, foi descrito en 2012 polo amigo desta entidade Jaime Bernardo Blanco-Dios.

Nota: Todas as imaxes deste artigo foron tomadas da magnífica páxina biodiversidade.eu, proxecto que desde Monte Pindo Parque Natural apoiamos e recomendamos encarecidamente.

01/06/21

Carta aberta ao alcalde de Carnota

Estimado alcalde:

Lamentamos ter que recorrer a esta carta para expresarche o noso malestar polo completo desinterese expresado polo goberno que presides cara a homenaxe que vimos de dispensar o pasado domingo 30 de maio a unha das nosas figuras máis senlleiras e que máis ten contribuído a poñer O Pindo e Carnota no mapa: Don José Barreiro Barral.

Foi un acto moi emotivo mais libre de sentimentalismos, que fixo xustiza histórica con quen redescubriu o Olimpo Celta dous séculos despois de que o Pai Sarmiento falara del, e a cuxo estudo e protección dedicou a maior parte da súa vida, dando como froito a primeira obra literaria monográfica sobre o Monte Pindo e atrevémonos a dicir que sobre o noso Concello: "Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra".

Mais tamén recoñecemos outra faceta moito menos coñecida de Barreiro: a daquel pintor de barcos ou igrexas que desde as súas humildes posibilidades (que basicamente se reducían á súa pluma), dedicou tamén a súa vida a defender o pobo do Pindo, Carnota e a nosa bisbarra, para a que esixiu desde as páxinas dos principais medios de comunicación atención e respecto, servizos básicos, infraestruturas ou sanidade e educación dignas, algo que tiña moito mérito e importancia nunha época na que as viaxes a unha cidade se contaban en días. 

En definitiva, homenaxeamos un erudito local que amou e defendiu o noso Pobo coma o que máis, tanto que o seu compromiso con este espazo levouno a pedir nas súas últimas vontades ser enterrado nas saias do Monte Pindo, malia ser natural de Porto do Son e non ter sequera familia nin panteón na localidade.

Esta merecidísima homenaxe foi secundada por unha importante representación da súa familia e das súas grandes amizades (incluíndo o ex-presidente da Deputación Enrique Marfany) e moitas máis persoas que o admiramos e nos declaramos orgullosas herdeiras do seu legado. Por iso nos resultou especialmente triste non contar coa representación de ningún membro do goberno local de Carnota, quen deste xeito deu a espalda non só ao Pindo, senón a unha das nosas principais figuras históricas -desde logo a primeira que mereceu unha placa nos nosos rueiros- e á súa familia e amizades.

Entendemos que ti e o teu equipo tes unha axenda apretada aínda que seguramente aliviada en canto ao número de actos e eventos públicos pola pandemia. En cambio si tivestes a ben acudir recentemente en representación institucional do noso Concello a outra homenaxe, a dispensada a Manuel Rodríguez Louro polo veciño Concello de Dumbría, segundo soubemos a petición do seu alcalde. Lamentamos que unha entidade con sede no Concello que presides, e ao que levamos dedicado máis dunha década de traballo desinteresado e abnegado, non mereza a mesma atención e trato; os nosos reiterados convites nin sequera obtiveron resposta.

A insensibilidade demostrada polo teu goberno non será esquecida facilmente, e seguramente explica o estado de abandono no que se atopa actualmente o Monte Pindo, xoia da corona do noso municipio, pois os seus principais accesos (incluíndo a rota a Penafiel) levan tempo pechados de matogueira e sen ningunha atención do teu executivo. Supoñemos que agardas a que o alcalde de Dumbría o pida, agora que chega o verán e comezarán a organizar as súas rutas. Tamén supoñemos que esta falta de sensibilidade ten que ver con que recentemente Lariño veña de perder definitivamente unha das súas xoias tras a demolición con nocturnidade e alevosía da Caseta de Miche, cunha implicación incerta do teu goberno neste ataque ao noso patrimonio cultural e mariñeiro. Se desde logo este vai ser a túa "política" atoparasnos en fronte, xusto onde estivemos sempre ante quen ameazou o noso medio.

Despedímonos sinceiramente desexándote un cambio de rumbo.

Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural

31/05/21

A obra de Barreiro volverá a ver a luz 35 anos despois da súa primeira edición

Crónica da emotiva homenaxe a Barreiro Barral

A Asociación Monte Pindo Parque Natural rendiu onte unha merecidísima homenaxe a José Barreiro Barral, primeiro cronista do Olimpo Celta e considerado un deses «eruditos locais» fundamentais para a posta en valor os nosos principais espazos naturais, pois son os que crean o testemuño que logo recollen os membros da comunidade científica que se ocupa destes lugares tan singulares.

A homenaxe desenvolveuse no Pindo nun día radiante que permitiu ás máis de medio cento de persoas que se achegaron, incluíndo unha importante representación da familia, gozar do acto nas mellores condicións. O cheo absoluto da Confraría de Pescadores do Pindo, localización elixida para iniciar o acto e que completou o máximo aforo permitido pola actual situación sanitaria, anticipaba que o acto sería memorábel. Iniciou o mesmo Merche Díaz, secretaria da propia confraría e tesoureira da Asociación Monte Pindo, que exerceu de anfitriona e mestra de cerimonias, presentando primeiro ao dúo musical de excepción conformado por Bieito Romero pai (Luar na Lubre) e fillo (Dequenvessendo), quen acompañaron musicalmente o acto tocando a zanfona e o acordeón, respectivamente.

Ocuparíase da semblanza ao homenaxeado Manuel Gago, xornalista e profesor galego, editor do considerado primeiro blog en lingua galega aínda en funcionamento e director do portal do Consello da Cultura Galega, quen fixo unha viaxe polos aspectos máis coñecidos de Barreiro Barral, gran estudoso e apaixoado polo medio natural en xeral e polo Monte Pindo en particular o que plasmou en varias obras, pero tamén dos menos coñecidos, como que foi un gran defensor do pobo e esixiu en numerosas cartas e escritos aos medios de comunicación as necesidades sanitarias ou educativas neste recanto do rural galego. 

Rematada a intervención de Gago, a homenaxe trasladouse desde a confraría ata o Porto do Pindo, á que foi a casa de Barreiro Barral no Pindo durante máis de 40 anos, rehabilitada recentemente polos seus actuais propietarios que se amosaron encantados de colaborar coa iniciativa, para descubrirlle unha placa que fixará para sempre a súa memoria no rueiro do Pindo. Ali tivo lugar un recital poético polo escritor ourensán afincado en Lira Chisco Fernández Naval, quen debullou varios dos textos de Versos no Olimpo, a antoloxía poética do Monte Pindo, edición que el mesmo coordinara xunto con Miro Villar.

Seguindo coa orde das intervencións, o presidente da Asociación, Xil Caamaño, agradeceu en nome da comunidade de amantes do Olimpo Celta o contributo impagábel de Barreiro Barral, quen máis de 200 anos despois do Pai Sarmiento foi quen de recuperar a súa historia, dignificar o espazo natural e poñelo en valor para iniciar un traballo de redescuberta do que a nosa entidade se declara orgullosa herdeira. non quixo Xil rematar sen anunciar unha grandísima noticia, e é que chegamos a un acordo cos herdeiros de Barreiro Barral para publicar por fin (e en galego) a obra magna de Barreiro: Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra, 35 anos despois da súa primeira -e esgotadísima- edición. Monte Pindo ponse a traballar xa para devolver ás librarías de todo o país esta obra que apenas se pode adquirir no mercado de segunda man, mais cuxa lectura debería ser case obrigada para coñecer os valores deste Monte que aínda tanto ten que depararnos, pois moitas das preguntas que -como ben dicía Gago- nos legou Barreiro seguen sen resposta, incluída a ubicación da xa mítica dobre espiral de Barreiro que descubriu e nunca máis atopamos

Clausurou o acto a propia filla de Barreiro Barral, María Esther, quen nos deixou unhas emotivas palabras en nome de toda a familia e tamén un recordo para o seu irmán e irmá que tristemente non puideron acompañarnos. Tamén nos agasallou unha anécdota que resume o nivel de compromiso do seu pai con este espazo natural, xa que cando considerou que estaba preto de deixarnos pediu ser enterrado no Monte Pindo, mais non incinerado, senón transportando os seus restos en cadaleito monte arriba, o que tras o lóxico pánico da familia e negociacións co cura, conseguiron por fin satisfacelo garantindo que os seus restos repousarían nun recanto «abrigadiño» do cemiterio local, nas faldas do Olimpo Celta, onde descansa eternamente ata a actualidade no espazo ao que dedicou a súa vida, que segundo Esther merece a máxima protección que da a figura de Parque Natural, pola que nos convidou a seguir loitando apoiando á Asociación que o defende.

Agradecemos a todas as persoas que nos acompañaron neste día, con especial cariño á súa familia e aos poñentes, asi como a todas as persoas que colaboraron dun e outro xeito con esta homenaxe necesaria a quen fixo que o Monte Pindo sexa hoxe en día tan grande. Lamentamos, por outra parte, o desinterese do goberno local con este acto e por tanto cunha figura histórica tan importante para o Pindo e para Carnota, e a primeira que desde logo ten dedicada unha placa no noso rueiro.


10/05/21

Monte Pindo homenaxeará a Xosé Barreiro Barral o vindeiro 30 de maio

A Asociación Monte Pindo Parque Natural retoma a súa actividade normal tras a pandemia e elixe para este significado momento homenaxear un dos seus principais referentes históricos: Xosé Barreiro Barral, primeiro cronista e gran estudoso do macizo, ao cal dedicou un artigo e unha obra completa: "Os Montes do Pindo, Olimpo Celta e Deserto de Pedra"; a primeira -e esgotadísima- obra literaria monográfica sobre o mítico macizo granítico carnotán.

As actividades terán lugar o domingo 30 de maio no lugar do Pindo, cun programa que inaugurará ás 11:30 horas na Confraría de Pescadores do Pindo a súa secretaria (e nosa tesoureira) Merche Díaz. A continuación terá lugar unha actuación musical a cargo de Bieito Romero (Luar na Lubre) e do seu fillo Bieito Romero Diéguez (Dequenvessendo). Logo será o turno de Manuel Gago, quen estará a cargo da lembranza da vida e obra de Barreiro Barral.

Logo, ás 13:00 está previsto que o acto se desprace ata a que foi a súa vivenda (que foi rehabilitada este ano), onde comezará a segunda parte do acto cun recital poético da obra "Versos no Olimpo" por "Chisco" Fernández Naval e unha pequena actuación musical, para a continuación descubrir a placa conmemorativa que fixará para sempre a memoria de Barreiro Barral nas nosas rúas, a cargo de Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural. Clausuremos o acto coa interpretación do noso Himno.

Con esta homenaxe, que xa tivemos que suspender varias veces por mor da pandemia, a Asociación Monte Pindo aspira a saldar unha vella débeda histórica da comunidade en defensa do Olimpo Celta cun dos seus principais valedores na época moderna; e ademais aproveitaremos o acto para facer un importante anuncio que consolidará para sempre a importancia da súa figura.

Queremos aproveitar estas liñas para agradecerlle á familia de Xosé Barreiro Barral o seu total apoio e colaboración con esta homenaxe, e en especial de xeito póstumo ao seu fillo Xosé Ramón Barreiro Fernández (quen fóra presidente da Real Academia Galega) quen desgrazadamente non nos poderá acompañar no acto pois vén de falecer recentemente. Asi mesmo, queremos agracecer os propietarios actuais da que fora casa de Barreiro a súa colaboración para que esta homenaxe sexa posíbel.