28/08/19

Illas Lobeiras: pasado, presente e futuro da xoia da nosa costa

Illa Lobeira Grande (CC BY-SA 4.0: Pampuco)
As Illas Lobeiras son un arquipélago formado por dous illotes (Lobeira Grande e Chica) sitos inmediatamente na costa norte do municipio de Carnota, fronte ao lugar de Quilmas, aínda que pertencentes ao Concello de Corcubión por devires históricos nos que en breve afondaremos. Crese que o seu nome se debe á presenza, na antigüidade, de lobos mariños cincentos (Halichoerus grypus).

Recente e sorprendentemente foi elixida polos internautas galegos coma a súa illa galega preferida, por diante mesmo de emblemas insulares nacionais coma as Ons e as Cíes. É incuestionábel que as Illas Lobeiras, ao igual que o entorno do Monte Pindo, vive un auxe sen precedentes e recibe cada vez máis visitas, impulsadas polos cada vez máis atarefados taximares, coma o que puxo en marcha o noso socio David Trillo, que facilitan que persoas que non dispoñen de barco propio poidan pasar unhas horas nestas fermosas illas e visitar tamén por mar o seu privilexiado entorno.

A dura vida do fareiro
O maior esplendor viviuse, sen dúbida, a principios do século XX, coa edificación en 1909 dun faro de 16 metros na Lobeira Grande para tratar de rematar cos frecuentes naufraxios que se vivían nestas costas abruptas, dos que quedan numerosos testemuños na prensa da época e nos fondos mariños. O novo faro converteuse nun referente costeiro aos pes do Monte Pindo que actuara durante séculos coma faro natural que orientaba a navegación.

Ocupado ata por 6 persoas simultaneamente, no seu mellor momento chegou mesmo a acoller unha taberna, na que os pesqueiros da zona poderían recalar durante a súa xornada aproveitando o pequeno peirao da illa. Porén as condicións de vida na illa, que quedaba aillada semanas durante os frecuentes temporais que varren a zona, non debían ser as ideais e finalmente en 1923 a familia do último fareiro abandona a illa, que só volviu a ser visitada esporadicamente para realizar labores de mantemento no farol.

A senrazón de asignalas a Corcubión ignorando a realidade xeográfica e histórica das Illas
As Lobeiras sinaladas no Plano de Ignacio Florez (1837)
Ata ben entrado o século XX,  as Illas Lobeiras estiveron un limbo legal, e ninguén sabía exactamente a que xurisdición pertencían. As familias que operaron o faro nin sequera sabían en que municipio debían inscribir as súas crianzas, nin elas mesmas constaban en censo algún. Os prexuízos que lles supoñía esta situación levaron a que no segundo cuarto do século XX se abrira o debate sobre o municipio no que debería adscribirse o arquipélago.

Carnota é, como dicimos, o municipio máis próximo ás Lobeiras, estando a súa costa sita a apenas 1,6 km da Lobeira Chica e a 2,8 km. da Lobeira Grande. Ademais todas as relacións durante a época na que estivo habitada, comunicacións e traslados, foron sempre con Carnota, e sendo máis concretos, con Quilmas e O Pindo. Sen embargo só un técnico, un enxeñeiro xefe de obras públicas, fixo patente a súa solicitude ao gobernador civil de que as Lobeiras fosen agregadas a Carnota, por ser o termo municipal «máis inmediato». Solicitude que, en calquera caso, caiu en saco roto, sendo as Lobeiras finalmente integradas en Corcubión.

Cal foi a causa de que finalmente acabaran vencelladas a este veciño pero distante municipio, sito a máis de 3,5 km? Sen dúbida as culpas repártense entre o escaso interese que as administracións tiñan nun espazo improdutivo e despoboado, xunto co máis escaso aínda peso político específico que unha Carnota dominada polo caciquismo clientelar tiña na época.

A negativa a integralo no Parque Nacional das Illas Atlánticas e a crear o Parque Natural do Monte Pindo leváronas ao abandono
Xa nos tempos máis recentes, e antes mesmo de que se puxera de moda, algunhas voces, coma a nosa, pediron máis atención para unhas Illas Lobeiras virxes, convertidas nun refuxio natural de aves, nalgúns casos ameazadas, e vítima tamén de agresións ecolóxicas, como cando supostamente alguén liberou en 2008 raposos nas illas co obxectivo de mermar a poboación de aves.

Lobo mariño cincento. CC BY-SA 2.5: Andreas Trepte
As voces que piden atención para as Lobeiras centraron as súas propostas en dúas vías: a integración no Parque Nacional das Illas Atlánticas, e a súa integración no futuro Parque Natural do Monte Pindo. Unha e outra proposta quedaron por agora en papel mollado pola consabida negativa das administracións en mans do PP de ocuparse do noso patrimonio natural, condenando ao abandono tamén este espazo. Si foron finalmente integradas en 2014 na última ampliación da Rede Natura 2000, dentro da zona de protección do ZEC Carnota - Monte Pindo; por desgraza, como xa temos dito en numerosas ocasións, en Galiza esta figura non ten ningunha transcendencia máis aló do papel, e nin sequera evitaría que hai máis dunha década se entregara a totalidade da costa de Quilmas inmediata ás Lobeiras á súa destrución por unha iniciativa privada de acuicultura, proxecto que só frustrou a crise cando xa contaba con todos os permisos e autorizacións administrativas.

En 2017 a Asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu incluír as Illas Lobeiras no seu proxecto Trekker para a dixitalización das rutas de sendeirismo de Carnota, co que desde 2018 e por primeira vez as Illas Lobeiras poden visitarse virtualmente desde calquera punto do mundo.



E agora que?
As Illas Lobeiras gozan dun interese renovado e dun aumento paulatino das visitas, moi contido, desde logo, pola súa inaccesibilidade por terra, pero que non deixa de ser notorio, sobre todo polos taximares que operan na zona e o buceo. Este incremento, de non facerse coa cabeza, pode traer moitos problemas e ningún beneficio para a Illa, pois non existe ningún control sobre as actividades que ali se practican. Por outra parte, está a situación do faro, abandonado e tapiado, que podería acoller algún tipo de actividade turística e de divulgación da inmensa riqueza medioambiental e paisaxística deste enclave.

Sen dúbida, a declaración do Parque Natural do Monte Pindo ou a integración do enclave no Parque Nacional das Illas Atlánticas poden multiplicar as oportunidades para o aproveitamento sostíbel do espazo, e serían unha solución ao seu estado de abandono latente.