10/03/19

Os cazadores soltan ilegalmente coellos no Monte Pindo malia o veto da Xunta a toda acción civil

Os cazadores atribúen a que chaman «recuperación» do Monte Pindo a que soltaron coellos no macizo carnotán; hai 5 anos que a Xunta vetou calquera acción civil no espazo

Placa de "Vedado de caza" tiroteada por cazadores que apareceu na pista de
Chan das Lamas, no Monte Pindo, tras o incendio de 2013
A Asociación Monte Pindo Parque Natural lamenta ter que volver á palestra para referirse ás intencións dun colectivo, o dos cazadores, que parece empeñado en ocupar o debate sobre os espazos naturais e non precisamente polas súas boas intencións. Despois do fiasco da vergonzosa matanza de raposo que veñen de desenvolver nos montes de Carnota e Muros, e que motivou unha reacción social contra a caza nunca vista por estes lares, agora recorren aos medios de comunicación para trasladar as súas posicións absolutamente irracionais respecto a un espazo natural coma o do Monte Pindo.

A posición da portavocía dos cazadores non deixa, desde logo, en bo lugar ao colectivo, pois asina toda clase de barbaridades que non fan máis que trasladar o seu completo descoñecemento e desprezo sobre a vida natural dun espazo coma o Monte Pindo. A reportaxe publicada pola Voz busca trasladar unha imaxe positiva e ata concienciada do colectivo; co titular «Os cazadores queren revitalizar o monte Pindo». Porén, o despropósito comeza xa no subtítulo: «O colectivo realizou soltas de diversas especies co fin de recuperar a fauna despois dos incendios forestais». Esas soltas son, segundo revelan unhas liñas despois, de coellos, dos que non aclaran a súa procedencia, e nas que aseguran gastar «4.000€ ao ano». Aparentemente o sitio elixido para estas soltas é o Chan das Lamas, lugar non elixido casualmente, pois é o único sitio do Monte Pindo ao que se pode acceder por pistas forestais con coches. É dicir, o criterio para introducir especies nun espazo natural protexido é, ao parecer, a lei do mínimo esforzo.

Desde a Asociación Monte Pindo preguntámonos desde cando unha entidade pode realizar soltas indiscriminadas de especies nun espazo de Interese Comunitario e incluído na Rede Natura 2000, que nin sequera é da súa propiedade senón do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, sen contar coa autorización dos propietarios. Tampouco consta cal é o asesoramento técnico e científico, se é certo que esa solta non se fixo con interese cinexético (cousa que obviamente é falsa), ou se a propia Xunta autorizou ou apoiou esta iniciativa con recursos públicos.

Tamén queremos saber cal é a procedencia deses coellos. A non ser que foran capturados na natureza, acto que sería completamente barbárico, as opcións redúcense a que eses coellos procedan de granxas e da cría en cautividade, polo que a súa solta indiscriminada é un despropósito de dimensións similares á solta de visóns americanos e pode introducir no medio natural do Monte Pindo enfermidades e patóxenos alleos e provocar consecuencias catastróficas non só na poboación autóctona de coellos, senón introducirse na cadea trófica a través dos seus depredadores.

Por outra parte, queremos lembrar que a Xunta ten terminantemente prohibido á nosa entidade e a moitas outras incluso plantar árbores autóctonas desde 2014, cando despois do catastrófico incendio de 2013, puxemos en marcha un proxecto de recuperación ecolóxica do Olimpo Celta denominado SOS Monte Pindo, que nos permitiu prantar 2500 castiñeiros e 1050 carballos durante dúas xornadas, que foron as que tardou a xefa do distrito forestal V da Xunta, Sara Romero Sueiras, en prohibilo baixo a ameaza incluso de interceptar e sancionar ás persoas que identificaran nos camiños. Por culpa desta prohibición completamente inxustificada e abusiva, a entidade veciñal carnotá e por extensión calquera outra vímonos impedidos de plantexar calquera novas repoboacións no espazo para non poñer en perigo a voluntarios e colaboradores.

É evidente que ou a Xunta fai oídos xordos aos actos dos que os cazadores fachendean publicamente, ou está a aplicar un doble raseiro ao vetar as actividades de colectivos ambientalistas que só procuran unha recuperación ecolóxica real do Monte Pindo, e que levamos anos denunciando a presenza de especies invasoras, mentras que ao parecer aos cazadores danlles carta branca para facer o que lles de a gaña, incluíndo a solta arbitraria das especies que lles interesa para despois tirarlle.

Non podemos concluír este artigo sen lamentar a absoluta ignorancia da que fai gala o portavoz dos cazadores sobre o que hai ou non hai no Monte Pindo. O problema radica, na súa opinión, en que o monte está «infrautilizado» porque «a poboación animal que hai na actualidade é algo de coello e tamén xabaril. Sobre a vexetación, indicou que hai bastante, incluíndo o carballo anano e o toxo». Malia que os coñecementos dos cazadores parecen limitarse a aquelas especies ás que disparan, no Monte Pindo existe unha vastísima vida de fauna e flora, mesmo micolóxica e microbiolóxica, ben coñecida grazas ao Catálogo de Especies do Monte Pindo, iniciativa pioneira en Galiza desenvolvida pola nosa entidade desde pouco antes do incendio de 2013 que ronda as 750 especies, das que preto de 150 están protexidas por algunha figura legal. Por outra parte o Monte Pindo tamén é un dos espazos naturais galegos que conta con máis hábitats prioritarios recollidos na Directiva 92/43/CEE da Unión Europea, 40, máis que ningún dos parques naturais galegos existentes. Dito isto, case sobra dicir que cando os cazadores afirman sobre o Monte Pindo que «se nos deixaran xestionalo a nós, sería distinto» nos percorra un calafrío.

É evidente que o Monte Pindo está abandonado, toda vez que os únicos que o amamos e estamos dispostos a traballar polo seu futuro somos proscritos por un goberno que prefire as malas compañías de cazadores, madeiristas de eucalipto e compañías megamineiras. Por iso atoparannos sempre onde temos que estar, que é en fronte, ata que a Xunta volva a estar pilotada por persoas que vexan o Monte coma un verdadeiro motor de futuro para o noso concello e comarca, e non coma un molesto Pedregal que arrasar, sexa con disparos, dinamita, lumes ou eucaliptos.

Os aliados na defensa da natureza que si contribúen (e altruístamente) co Monte Pindo
Colectivo Senda doounos a recadación da súa
Andaina Solidaria contra a matanza de raposo
Máis positivas son as novas que nos chegan desde Muros grazas aos amigos de Colectivo Senda, que tiveron a ben doarnos preto de 300€ recadados durante a Andaina Solidaria que organizaron en Carnota o pasado día 26 de xaneiro, coincidindo coa masacre de raposo perpetrada polos cazadores. A imaxe que acompaña este artigo recolle o momento da doazón, entregada por David Miranda a Xilberto Caamaño e Merche Díaz, presidente e tesoureira de Monte Pindo, respectivamente.

A iniciativa deste colectivo foi secundada por case o dobre de persoas que secundaron o propio pseudocampionato de caza de raposo, que resultou un completo fracaso e tamén un bochorno para o noso municipio, demostrando que os nosos montes están moito mellor en mans de persoas con conciencia ecolóxica que daqueles que só ven na vida natural un recurso para divertirse a base de masacrar a vida da fauna salvaxe.

Desde aqui reiteramos ás máis de 200 persoas boas e xenerosas que secundaron a Andaina Solidaria en defensa do medio e en denuncia do sensentido da caza de raposo.