23/01/19

A Asociación Monte Pindo pide a cancelación da masacre de raposo planeada en Carnota este sábado


Ante a polémica xerada tras difundirse que se está a xestar unha matanza de raposo (Vulpes vulpes) nos montes de Carnota e Muros este sábado 26, de ser certo, a Asociación Monte Pindo Parque Natural quere posicionarse claramente en contra dunha iniciativa que atenta contra a lóxica da conservación dun conxunto natural cuberto por varias figuras de protección que son restritivas para a veciñanza mais que nin sequera evitan que se poida desenvolver a masacre indiscriminada das especies naturais que alberga. Asi mesmo cuestionamos tanto a forma coma o fondo da actividade, inxustificada desde ningún punto de vista, e que mesmo podería incurrir en varias infraccións da lexislación vixente.

1. Nin é ético, nin é tradicional, nin é democrático
Está claro que cada vez máis a sociedade e as institucións, son sensíbeis contra o maltrato e a crueldade cos animais; porén estes eventos parecen devolvernos a tempos que críamos superados. Desde o punto de vista ético temos claro que destrozar a poboación dunha especie de fauna de nulo interese cinexético por puro divertimento ou "deporte" (a actividade parapétase coma "campionato" deportivo) é absolutamente inadmisíbel e máis nunha sociedade avanzada.
Por outra parte aínda que tentemos empatizar cos cazadores ou entender o seu punto de vista, é evidente que este tipo de actividades pouco teñen que ver co concepto tradicional da caza que se desenvolvía co obxecto da subsistencia nos entornos rurais, e que desde logo nunca acababa coas súas pezas no caldeiro do lixo.
Por iso esta masacre indiscriminada, gratuíta e inútil dunha especie coma o raposo é moito máis polémica que outras formas de caza e pesca, e no pasado xa subscitaron unha gran resposta social e incluso mobilizacións; por exemplo na pasada edición do "Campionato" celebrado en Cerdedo e Cotobade, ou agora no caso de Carnota e Muros, onde se atoparon incluso coa oposición tanto dos executivos locais carnotán como o muradán, algo que consideramos inédito nun evento destas características, o que desde aqui agradecemos e celebramos, poñéndonos á súa enteira disposición.
Porén por desgraza estas voces autorizadas foron ignoradas e subvertidas pola Xunta: xa non é que as institucións municipais non foran consultadas, o que seria o lóxico e razoábel dispoñendo das competencias de protección e saúde pública, senón que nin sequera foron informadas, co que se subvirte a vontade democrática do pobo que elixe os seus gobernantes máis directos: os municipais.

2. Legalidade máis que discutíbel
Coa matanza autorizada pola Xunta o vindeiro sábado 26 de xaneiro poderíamos estar un incumprimento claro da propia lei de caza, no aspecto de que as cacerías só poden autorizarse neste tempo (entre o 7 de xaneiro e o 10 de febreiro), literalmente, cando se planificaran e executaran actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo. No caso de non existiren tales actuacións esta autorización pode ser fraudulenta e por tanto a celebración da actividade sería ilegal.
Por outra parte tense detectado que en Galiza moitas raposas empreñan nesta época do ano; a caza de femias preñadas ou acompañadas das crías está tamén expresamente prohibida pola propia Lei de Caza; pois nun evento destas características non existe maneira de que un cazador (e moito menos os seus cans) poidan distinguilas antes de matalas, o que xa ten acontecido reiteradamente sen aparentes consecuencias.
Tamén se podería infrinxir a Lei de Emerxencias de Galiza, o que abordaremos máis adiante.

3. Inxustificado desde o punto de vista técnico e científico
O apartado no que máis imos extendernos é na fraxilidade dos propios argumentos con que xustifican ante a Xunta este tipo de iniciativas, derivados dun estudo chamado "O raposo en Galicia", e que caen por si sós a pouco que se ollen desde unha perspectiva minimamente científica ou crítica.

1. Nula fiabilidade dos datos cos que tentan ilustrar unha suposta "superpoboación" de raposo para toda Galiza, cando a estima de abundancia realìzase unicamente en base aos resultados de campionatos de raposo supervisados pola propia Federación Galega de Caza, cuns cálculos que ofrecen moi serias dúbidas metodolóxicas, carecendo de homoxeneidade no deseño na toma de datos,  cun mostreo anárquico, e un esforzo censal totalmente desigual entre cada unha das probas tidas en consideración, proporcionando proxeccións e/ou escenarios que non permiten comparar series temporais nin espaciais. Son uns datos para nada fiábeis, que non superarían ningún test de confianza, nin alcanzarían a potencia estatística desexable para este tipo de estudos, e menos poder ser usados como método para poder extrapolar ao conxunto do que sería a poboación de raposo en todo o territorio galego.
É dicir, ningunha publicación científica aceptaría a validez deses datos. Dito isto, calquera parecido coa realidade poboacional sería máis froito da casualidade que da calidade do tratamento estatistico e mostreo.

2. Caducidade e imprecisión pois os datos nos que se basea o estudo teñen máis de 10 anos (datan dos anos 2006, 2007 e 2008), e estes nin sequera coinciden con datos procedentes dos montes de Carnota e Muros, como para xustificar "excesivas" densidades de raposo.

3. Parcialidade. É inevitable a suspicacia xerada porque o máximo responsábel do estudio, Luis Eusebio Fidalgo Álvarez, aínda sendo un investigador académico, está moi vinculado coa caza e de feito vén ocupando cargos directivos de primeiro nivel nas federacións provinciais de caza, sendo a día de hoxe vicepresidente da área cinexetica da Federación Galega de Caza. Isto evidencia que exerce de 'xuíz e parte" no estudo que foi peza clave na expedición de autorizacións de matanzas de raposo por parte da Xunta durante unha década, malia ser claramente parte interesada en que iso acontecera, e polo tanto de impensábel imparcialidade.

4. A matanza de raposo pode ameazar a saúde pública
Outra causa de vital importancia para paralizar estas matanzas podería ser o da saúde pública. O raposo cumpre unha función biolóxica de vital transcendencia nos nosos montes, mantendo a raia as poboacións de pequenos mamíferos, sobre todo roedores, e tamén deste xeito as súas carrachas, que transmiten diversas pragas tan perigosas para o ser humano coma a borrelose ou enfermidade de Lyme, ou o síndrome de alfa-gal, que pode chegar a provocar na persoa afectada alerxia crónica á carne, e que están a espallarse a ritmo acelerado pola nosa comunidade. Masacrar un dos grandes depredadores dos principais transmisores destas enfermidades non parece unha forma precisamente intelixente de deter ou cando menos decelerar o seu avanzo.

5. A cacería presenta tamén unha ameaza á seguridade pública
En quinto lugar, e non menos importante, é a seguridade pública que pode verse ameazada nestas circunstancias. A presenza de persoas armadas nas pistas forestais e no monte, en eventos que por norma xeral se convocan co máximo secretismo para evitar a resposta social normal ante estas prácticas, poden poñer en risco ás ducias ou centos de persoas que cada semana, e sobre todo nas fins de semana, elixen estes espazos para gozar da espectacular paisaxe e da natureza virxe do Concello de Carnota. O punto supostamente elixido para comezar as batidas, nas inmediacións de Martiaño, está situado en plena Senda Verde, o principal sendeiro peonil do Concello de Carnota. Asi parece inevitábel o encontro máis ou menos frecuente entre cazadores e sendeiristas, corredores ou ciclistas (de feito hai convocado cando menos un roteiro o mesmo día pola zona), co conseguinte risco de que se lamenten accidentes e mesmo mortes, como a que tristemente tivemos que lamentar dun neno de 4 anos que recibiu un disparo durante unha cacería en Sevilla. Só por este motivo parece aconsellábel a cancelación do evento, ou do contrario poderíamos mesmo estar ante unha infracción da Lei de Emerxencias de Galiza. Sobre esta cuestión pronunciouse extensa e atinadamente ADEGA.

Monte Pindo Parque Natural pide a cancelación do evento para evitar males maiores
Por estes motivos a Asociación Monte Pindo Parque Natural rexeita rotundamente a actividade que se estaría a plantexar co máximo secretismo este sábado nos montes de Carnota e Muros, e rogamos a todos os colectivos ou persoas que puideran estar implicadas na súa organización que a cancelen en evitación de posíbeis males maiores. Tamén esiximos á administración autonómica que retire definitivamente a autorización, e á administración local que garanta a protección e a saúde pública, que son da súa competencia.
No caso de finalmente desenvolverse a iniciativa tal e como nos consta que pretenden, estudaremos as medidas e mesmo as accións legais que se poidan adoptar, e que perseguiremos ata as últimas consecuencias.