21/11/18

Sesenta persoas celebran o patrimonio cultural galego en Penafiel


Unhas sesenta persoas acompañáronnos o pasado sábado 17 de novembro á visita guiada organizada pola nosa entidade ao Pico Penafiel, que albergou os históricos restos dun castelo medieval completamente destruído durante a segunda Revolta Irmandiña, episodio perfectamente relatado no preito Tabera-Fonseca.

A actividade organizouse con motivo do Día Internacional do Patrimonio, data internacional convocada pola UNESCO e conmemorada en Galiza polas entidades adheridas á Rede do Patrimonio Cultural con máis dunha trintena de actividades en todo o País. Entre os restos que aínda se poden aprezar en Penafiel, está a mítica excomuñón medieval do Monte Pindo, único caso coñecido en que a Igrexa excomulgou un espazo físico polas actividades que supostamente se desenvolvían nel, coa súa cruz medieval, asi coma varios rebaixes e escalóns que puideron servir para soportar as estruturas da torre fortificada.

Xa está colgado no noso Facebook o album de fotos oficial da xornada, obra de Juan Louro, aínda que o tamén socio e directivo Santi Llecha colgou outro álbum igualmente interesante en Flickr con moitas fotos e mesmo varios videos coas explicacións dadas por Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural, durante a visita.

Aproveitamos para pedir disculpas a todas as persoas que non saen na foto de familia da xornada, porque acordámonos de tomar a foto ao baixar do cumio Penafiel, cando preto da metade da comitiva xa emprendera o retorno.