28/08/18

Lanzan unha nova guía turística sobre Carnota: mar territorio e memoria

Portada da obra (fonte: ACEP)
A Asociación Carnotá de Empresarios, Comerciantes e Profesionais (ACEP), reconstituída recentemente, chega pisando forte lanzando «Carnota. Mar, Territorio e Memoria» unha formidábel guía turística do noso municipio para a que contaron coa autoría de Francisco X. Fernández Naval, poeta nado en Ourense en 1956 afincado no noso concello, e que fora tamén coordinador en 2013 na antoloxía poética do Monte Pindo «Versos no Olimpo».

A obra, presentada o pasado mércores no Concello de Carnota, fai un repaso detallado dos tesouros que este municipio reserva a veciños e visitantes, e tamén se para nos seus grandes atractivos, incluíndo por suposto o Monte Pindo, que mereceu un capítulo propio nunha edición ilustrada coas fotografías de Maribel Longueira que se pode conseguir xa nos locais e estabelecementos asociados á ACEP.

Desde esta entidade queremos felicitar ao autor polo seu bo facer e á ACEP por esta fantástica iniciativa e tamén aproveitar para desexarlle toda a sorte nesta nova etapa.