08/06/18

Os cogumelos non só son cousa do outono: Roteiro micolóxico o 16 de xuño


O vindeiro sábado 16 de xuño Asociación Monte Pindo Parque Natural e Asociación Micolóxica Pan de Raposo de Cee organizamos unha visita guiada ao Monte Pindo para aprender a recoller cogumelos e comprobar que non só son cousa do outono senón que se dan practicamente todo o ano, tamén en pleno mes de xuño.

Esta xornada lúdica é idónea para pasar con toda a familia, pois a zona é moi fácil de percorrer ao transcorrer case por completo por pistas de terra e chan. Por suposto, a asistencia é libre e gratuíta.

Para participar só hai que presentarse ás 10:00 h na área recreativa da aldea do Fieiro. O regreso, ao mesmo lugar, está previsto sobre as 14:00 h.

Todos os fungos que identifiquemos durante a visita pasarán a engrosar o Catálogo de Especies do Monte Pindo co cal a visita tamén tereá un gran valor científico ao permitirnos coñecer mellor a biodiversidade do Olimpo Celta, que xa arroxa cando menos catro especies de fungos consideradas en perigo na Lista Vermella.