15/05/18
O patrimonio achégase á mocidade de Carnota con motivo do Ano Europeo do Patrimonio
Sección |
Actividades
Cheo total de rapazada na palestra "O noso Patrimonio" organizado na tarde de onte pola Asociación Monte Pindo Parque Natural en colaboración co IES Lamas de Castelo de Carnota, dirixida ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do dito centro. A actividade, con motivo das conmemoracións do Ano Europeo do Patrimonio Cultural polas entidades que conformamos a Rede do Patrimonio Cultural, encádrase ademais nas Xornadas Culturais que organiza puntualmente cada ano o centro, e que este ano ocupan as datas do 14, 15 e 16 de maio.
A amena charla estivo impartida por Luis Cordeiro Maañón, licenciado en Historia pola USC e responsábel do inventario de patrimonio cultural e arqueolóxico para o PXOM do Concello de Carnota, e foi presentada por Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
O obxectivo principal desta actividade é o de achegar o Patrimonio á poboación xeral e particularmente divulgar a importancia de valorar, atender e protexer o Patrimonio Cultural entre as capas máis novas da nosa sociedade, pois tales tesouros quedarán axiña nas súas mans. Para iso centrámonos naqueles exemplos que a mocidade ten máis preto, e que consitúen o extensísimo e rico patrimonio que se concentra no Monte Pindo e no resto do Concello de Carnota, e que son testemuña de practicamente todas as etapas da nosa Historia.
A Asociación Monte Pindo congratúlase polo éxito desta fórmula que convida a repetila no futuro, e agradece á dirección do centro a súa total disposición a colaborar nesta iniciativa que ademais enriqueceu a súa propia programación de actividades culturais.
De feito xa temos solicitado desenvolver actividades similares nos centros educativos de Cee e Muros.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)