19/03/18

Asemblea da Asociación Monte Pindo: Corrixindo erros, renovando vontades, facendo futuro


A Asociación Monte Pindo Parque Natural desenvolviu esta fin de semana a súa Asemblea Xeral Ordinaria, que serviu para tomar o pulso da loita social polo Parque Natural e tamén do que se estivo facendo ben e non tan ben nos últimos dous anos. Coincidiu a asistencia en que a entidade segue sendo máis necesaria que nunca, agora que a obtención do seu principal obxectivo da declaración do Monte Pindo Parque Natural só depende do cambio de vontade do goberno da Xunta. Repasamos o traballo feito nesta etapa, destacando o pioneiro proxecto Trekker Monte Pindo que vimos de presentar en sociedade e que ocupou case en exclusiva o último ano de traballo da nosa entidade, permitíndonos lograr algo único: converter Carnota no primeiro municipio que ten os seus camiños dixitalizados para visitar virtualmente calquera persoa en calquera parte do mundo. Hoxe a Asociación Monte Pindo converteuse nunha entidade referencial para moitísima xente e colectivos, e non só en Carnota e na comarca senón en todo o País.

Monte Pindo segue medrando e espallándose
Neste bienio produciuse un moderado medre da Asociación, tanto a nivel do número de persoas asociadas (+9%), como das entidades sociais adheridas á iniciativa para a declaración do Parque Natural (+24%) chegando ás 223 actuais, destacando as novas incorporacións do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (primeiro colexio oficial estatal que o fai), da Fundación Universidade da Coruña ou da Federación Galega de Montañismo. Porén chamamos a seguir ampliando a base desta esta demanda social xusta, tanto a nivel de afiliación individual coma doutros colectivos.

Por outra parte é impresionante o medre que experimentamos nas redes sociais, chegando ás 15.500 persoas en Facebook (+10,7%, converténdonos nunha das maiores entidades sociais galegas aí), 3.000 en Twitter (+15,4%), 2.700 en LinkedIn (+675%), 600 en Instagram (+100%), e nada menos que 350.000 visitas únicas na nosa páxina web www.montepindo.gal (+52,17%). Asi mesmo, puxemos en marcha un perfil en TripAdvisor, aínda en fase de probas, co que agardamos chegar a novos públicos a través da principal rede social turística do mundo.

Ingresos moi dependentes das cotas e gastos equilibrados
Tras aprobar o informe de xestión por unanimidade, Monte Pindo fixo o mesmo co seu informe de finanzas e co orzamento para este ano. Ambos documentos reflicten que as finanzas de Monte Pindo Parque Natural dependen en exclusiva das cotas de afiliación e da venda directa de material, non tendo percibido nin un só euro de subvención pública nin privada neste tempo, polo que se ve moi importante seguir incrementando a afiliación para poder seguir tendo ingresos cos que facer fronte aos gastos e mesmo obter un pequeno remanente. Os gastos consisten principalmente no seguro de responsabilidade civil e accidentes que proporcionamos gratuitamente aos asistentes ás nosas actividades, o dominio web e a edición de material informativo e divulgativo. Ademais conxelouse a cota de afiliación nos 13€ anuais.

Ambicioso programa de actividades
Plan de actividades 2018
Por último, Monte Pindo aprobou o seu plan de actividades para o ano 2018 que inclúe actividades para case cada mes do ano. Entre estas, destacan a creación da Mesa da Toponimia do Monte Pindo, destinado a recopilar a microtoponimia do espazo granítico antes de que desaparezan os seus últimos testemuñas, un certame fotográfico sobre o Olimpo Celta que se fallará en decembro, un roteiro fotográfico nocturno polo Monte Pindo o 9 de xuño, un roteiro micolóxico o 16 de xuño en Vadebois, o VI Simposium Monte Pindo o 21 de xullo en Cee, ou varias actividades de voluntariado e divulgación, entre as que destacan varias charlas sobre patrimonio nos institutos de Carnota, Muros e Cee, con motivo do Ano Europeo do Patrimonio, promovido aquí pola Rede do Patrimonio Cultural.