20/03/18

Nace a Mesa da Toponimia do Monte Pindo

O coñecemento da toponimia do Olimpo Celta segue a ser escaso e en moitos casos erróneo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural anuncia a creación da Mesa da Toponimia do Monte Pindo, unha ambiciosa iniciativa encamiñada a recuperar os nomes do macizo granítico antes de que desapareza ao ritmo de que o fagan os seus últimos testemuñas e depositarios, xente moi maior en gran parte.

Para salvar toda a información que aínda estemos a tempo, a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo decidiu poñer en marcha esta iniciativa que estará coordinada por Manolo Souto Barreiro, profesor do Colexio de Carnota recén xubilado, e que tentará sumar a toda a xente do entorno que por profesión ou vocación teña información sobre a microtoponimia do Monte Pindo e do entorno, polo que estará totalmente aberta á incorporación de toda a sociedade con interese en botar unha man.

A primeira reunión da Mesa da Toponimia terá lugar o sábado 31 de marzo ás 12:00 horas no Salón de Actos do Concello de Carnota, no marco da mostra de promoción local de Carnota Víndemo Ver. As persoas interesadas tamén se poden inscribir en info@montepindo.org.

O proxecto conxugará o uso das novas tecnoloxías (aplicacións móbiles e cartográficas), a análise da documentación e traballos xa existentes, e a recollida directa do saber popular mediante entrevistas persoais á xente que coñeza ben a toponimia do Monte Pindo, e que desgrazadamente en demasiadas ocasións xa non poden acceder a pe ao espazo natural para sinalarnos os nomes, pero si o poden ver nunha aplicación dixital ou incluso nos percorridos recollidos recentemente no proxecto Trekker.

Google Maps converteuse nunha ferramenta de primeira orde para a recollida de microtoponimia
O destino dos datos recopilados será unha publicación impresa e un mapa do Monte Pindo moito máis exacto e completo que os que xa existen, nos que se solventen os topónimos deturpados ou de invención moderna.

Máis información: http://www.montepindo.gal/p/toponimia.html

19/03/18

Asemblea da Asociación Monte Pindo: Corrixindo erros, renovando vontades, facendo futuro


A Asociación Monte Pindo Parque Natural desenvolviu esta fin de semana a súa Asemblea Xeral Ordinaria, que serviu para tomar o pulso da loita social polo Parque Natural e tamén do que se estivo facendo ben e non tan ben nos últimos dous anos. Coincidiu a asistencia en que a entidade segue sendo máis necesaria que nunca, agora que a obtención do seu principal obxectivo da declaración do Monte Pindo Parque Natural só depende do cambio de vontade do goberno da Xunta. Repasamos o traballo feito nesta etapa, destacando o pioneiro proxecto Trekker Monte Pindo que vimos de presentar en sociedade e que ocupou case en exclusiva o último ano de traballo da nosa entidade, permitíndonos lograr algo único: converter Carnota no primeiro municipio que ten os seus camiños dixitalizados para visitar virtualmente calquera persoa en calquera parte do mundo. Hoxe a Asociación Monte Pindo converteuse nunha entidade referencial para moitísima xente e colectivos, e non só en Carnota e na comarca senón en todo o País.

Monte Pindo segue medrando e espallándose
Neste bienio produciuse un moderado medre da Asociación, tanto a nivel do número de persoas asociadas (+9%), como das entidades sociais adheridas á iniciativa para a declaración do Parque Natural (+24%) chegando ás 223 actuais, destacando as novas incorporacións do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (primeiro colexio oficial estatal que o fai), da Fundación Universidade da Coruña ou da Federación Galega de Montañismo. Porén chamamos a seguir ampliando a base desta esta demanda social xusta, tanto a nivel de afiliación individual coma doutros colectivos.

Por outra parte é impresionante o medre que experimentamos nas redes sociais, chegando ás 15.500 persoas en Facebook (+10,7%, converténdonos nunha das maiores entidades sociais galegas aí), 3.000 en Twitter (+15,4%), 2.700 en LinkedIn (+675%), 600 en Instagram (+100%), e nada menos que 350.000 visitas únicas na nosa páxina web www.montepindo.gal (+52,17%). Asi mesmo, puxemos en marcha un perfil en TripAdvisor, aínda en fase de probas, co que agardamos chegar a novos públicos a través da principal rede social turística do mundo.

Ingresos moi dependentes das cotas e gastos equilibrados
Tras aprobar o informe de xestión por unanimidade, Monte Pindo fixo o mesmo co seu informe de finanzas e co orzamento para este ano. Ambos documentos reflicten que as finanzas de Monte Pindo Parque Natural dependen en exclusiva das cotas de afiliación e da venda directa de material, non tendo percibido nin un só euro de subvención pública nin privada neste tempo, polo que se ve moi importante seguir incrementando a afiliación para poder seguir tendo ingresos cos que facer fronte aos gastos e mesmo obter un pequeno remanente. Os gastos consisten principalmente no seguro de responsabilidade civil e accidentes que proporcionamos gratuitamente aos asistentes ás nosas actividades, o dominio web e a edición de material informativo e divulgativo. Ademais conxelouse a cota de afiliación nos 13€ anuais.

Ambicioso programa de actividades
Plan de actividades 2018
Por último, Monte Pindo aprobou o seu plan de actividades para o ano 2018 que inclúe actividades para case cada mes do ano. Entre estas, destacan a creación da Mesa da Toponimia do Monte Pindo, destinado a recopilar a microtoponimia do espazo granítico antes de que desaparezan os seus últimos testemuñas, un certame fotográfico sobre o Olimpo Celta que se fallará en decembro, un roteiro fotográfico nocturno polo Monte Pindo o 9 de xuño, un roteiro micolóxico o 16 de xuño en Vadebois, o VI Simposium Monte Pindo o 21 de xullo en Cee, ou varias actividades de voluntariado e divulgación, entre as que destacan varias charlas sobre patrimonio nos institutos de Carnota, Muros e Cee, con motivo do Ano Europeo do Patrimonio, promovido aquí pola Rede do Patrimonio Cultural.

16/03/18

Última hora: Cambio de lugar da Asemblea Xeral

Por motivo de atoparse en obras de reforma o Salón de Actos da casa do Concello de Carnota, local inicialmente previsto para desenvolver a Asemblea Xeral Ordinaria da nosa entidade, vémonos obrigados a facer un cambio de última hora, e trasladar a Asemblea á Confraría de Pescadores do Pindo. Mantense a data e hora, este sábado 17 de marzo ás 17:30 horas en primeira convocatoria (ou ás 18:00 horas, en segunda convocatoria), asi coma a ORDE DO DÍA:
  • Lectura e aprobación do informe de xestión
  • Estado e aprobación do informe de finanzas
  • Aprobación do orzamento para o ano 2018
  • Fixación de cotas
  • Plan de actividades 2018
  • Rogos e preguntas
A esta Asemblea poderán asistir con voz e voto todas as persoas afiliadas coa cota de 2017 (13€) actualizada. As persoas que non teñan domiciliado o recibo aínda, ou non lle pasaran o recibo por algún motivo, poden facer o ingreso na nosa conta ES56 2080 0025 4330 4000 1120 (ABANCA), ou aboar as cotas en man antes do inicio da Asemblea.

Lembrade que a cota de afiliación é a nosa única fonte de ingresos e que nos permite seguir funcionando.

A esta Asemblea poderán asistir en calidade de convidadas (sen voz nin voto) as persoas simpatizantes que o soliciten previamente á Asociación.

09/03/18

A procesionaria invade Carnota

Niños no monte de Peralbar (San Mamede)
Unha praga de Thaumetopoea pityocampa, oruga máis coñecida coma a procesionaria, infesta xa os piñeiros carnotáns, contándose por ducias os seus niños.

A pesar dos chamamentos veciñais ao distrito forestal para que interveña na problemática antes de que sexa demasiado tarde, ao parecer foron infructuosos e aínda non se achegaron ao noso municipio para coñecer o alcance da invasión e estudar como poñerlle remedio.

A Asociación Monte Pindo leva anos avisando dos múltiples perigos (tamén biolóxicos) que ameazan a biodiversidade do noso medio natural, coma os eucaliptos e outras especies invasoras que ateigan o Monte Pindo ameazando ao mesmísimo carballo anano, ou a vespa velutina que está a minguar a imprescindíbel poboación de abellas.