28/02/18

Patrimonio e tecnoloxía alíanse para abrir as portas de Carnota e do Monte Pindo a millóns de persoas

A mochila Trekker descansa no porto de Lira, sede da presentación do proxecto
Lira e Compostela acolleron esta semana a dupla presentación en primicia do proxecto Trekker Monte Pindo, que permitiu á nosa entidade -da man dunha ducia de persoas voluntarias- percorrer coa mochila Trekker e incorporar a Google 169 quilómetros de roteiros de sendeirismo do Monte Pindo e do resto do Concello de Carnota, convertíndoo no primeiro municipio que dixitaliza as súas rutas para permitir percorrelas virtualmente en calquera momento e desde calquera parte do mundo.



Desde agora un total de 50 rutas están xa accesíbeis nas aplicacións cartográficas de Google, principalmente Maps, Earth ou Street View. As dúas primeiras permiten acceder directamente aos percorridos soltando sobre calquera punto dos mesmos o bonequiño amarelo Pegman. Google Street View, porén, funciona como unha especie de catálogo dos enclaves que se poden visitar en todo o mundo. E aí, ao mesmo nivel que o Machu Picchu, a cidade de Petra, o Taj Mahal e ducias doutros emblemas mundiais, xa está inmortalizado tamén o Monte Pindo, con acceso directo a 20 lugares do Olimpo Celta e do noso Concello que cremos que merece a pena descubrir, primeiro virtualmente e logo a poder ser en persoa, pois Carnota ten moitísimo que ofrecer a veciñanza e visitantes: paisaxe, natureza, patrimonio, gastronomía, deporte, lecer... son só algúns dos motivos para elixir o noso Concello como un destino cultural e de calidade. Por iso é que animamos a administracións, sector turístico e empresariado a explotar esta nova e magnífica ferramenta que xa teñen á súa disposición para resaltar o interese turístico de Carnota e do inigualábel entorno da Costa da Morte.

Pero á marxe do valor que esta iniciativa terá para os operadores socioeconómicos, cumprimos outro dos obxectivos fundamentais cando decidimos embarcarnos nesta iniciativa: permitir que a xente maior, emigrada ou impedida por calquera motivo para visitar o Monte Pindo, poderán cumprir o seu soño desde a comodidade do seu fogar: desde agora o Olimpo Celta xa está ao alcance da vosa man.

Só nos resta agradecer a Google, ao Concello e sobre todo á ducia de voluntarias e voluntarios que prestaron a súa colaboración desinteresada para converter este proxecto nunha realidade.

Lanzado un documental sobre o proxecto e a entidade
Despois de máis dun ano dedicado a esta iniciativa, faise difícil resumir en poucas liñas o longo proceso que nos levou a facer este proxecto realidade; e como unha imaxe vale máis que mil palabras, decidimos encargar un documental sobre este proxecto a Miguel Mariño, flamante director da Academia Galega do Audiovisual, e a Guillermo Ascanio, que souberon plasmar en só 10 minutos a filosofía do proxecto Trekker Monte Pindo e tamén da nosa entidade. Este documental, que contou coa colaboración do Concello de Carnota, xa está accesíbel na nosa canle de Youtube (con posibilidade de subtítulos) ou ben nas nosas redes sociais Facebook e LinkedIn.



O acto de Compostela converteuse nun alegato da unión de patrimonio e novas tecnoloxías
O Hostal dos Reis Católicos acolliu esta mesma mañá a presentación dos resultados do proxecto Trekker en Compostela, cun acto que se convertiu nun auténtico alegato da necesidade de contar coas novas tecnoloxías para divulgar unha zona e o seu patrimonio, multiplicando así a experiencia para veciñanza e visitantes.

Santi Llecha, promotor e voluntario do proxecto Trekker
Despois das intervencións por parte da entidade e do voluntariado, en boca de Mario Maceiras, responsábel técnico do proxecto, e Santi Llecha, voluntario e ideólogo da iniciativa, e da proxección do audiovisual, tomou a palabra Iván Franco, concelleiro de Turismo, Patrimonio, Medio Ambiente, Deportes e Comunicación e Novas Tecnoloxías de Carnota. Iván explicou que o proxecto Trekker encaixa á perfección na liña de traballo que vén desenvolvendo nos últimos anos o municipio carnotán para a posta en valor do seu patrimonio cultural e a súa divulgación en Internet, partindo dos proxectos Torre dos Mouros e Castro de Mallou, seguindo polo Museo Aberto de Carnota e tendo como referencia máis recente a campaña promocional "Carnota é túa", que supuxo a renovación integral da presenza web municipal, o lanzamento dun folleto turístico e a presentación dun video de promoción municipal que en poucos días entrará en circulación e que de seguro cambiará para sempre a percepción do noso Concello entre propios e alleos.

Por último e desde logo non menos importante, o encargado de clausurar o acto foi Manuel Gago, profesor da USC, experto en comunicación e responsábel de plataformas web como culturagalega.org ou patrimoniogalego.net, e quen precisamente estivera detrás do éxito comunicativo dos proxectos Torre dos Mouros e Castro de Mallou, explicou que foron esas experiencias as que nos levaron a  entender a necesidade de repensar o papel das novas tecnoloxías na promoción cultural e patrimonial, e de superar dunha vez a concepción museística do noso patrimonio servíndonos de novas tecnoloxías coma os propios percorridos virtuais que vimos de presentar, as representacións tridimensionais ou mesmo a realidade aumentada.