28/02/18

Patrimonio e tecnoloxía alíanse para abrir as portas de Carnota e do Monte Pindo a millóns de persoas

A mochila Trekker descansa no porto de Lira, sede da presentación do proxecto
Lira e Compostela acolleron esta semana a dupla presentación en primicia do proxecto Trekker Monte Pindo, que permitiu á nosa entidade -da man dunha ducia de persoas voluntarias- percorrer coa mochila Trekker e incorporar a Google 169 quilómetros de roteiros de sendeirismo do Monte Pindo e do resto do Concello de Carnota, convertíndoo no primeiro municipio que dixitaliza as súas rutas para permitir percorrelas virtualmente en calquera momento e desde calquera parte do mundo.



Desde agora un total de 50 rutas están xa accesíbeis nas aplicacións cartográficas de Google, principalmente Maps, Earth ou Street View. As dúas primeiras permiten acceder directamente aos percorridos soltando sobre calquera punto dos mesmos o bonequiño amarelo Pegman. Google Street View, porén, funciona como unha especie de catálogo dos enclaves que se poden visitar en todo o mundo. E aí, ao mesmo nivel que o Machu Picchu, a cidade de Petra, o Taj Mahal e ducias doutros emblemas mundiais, xa está inmortalizado tamén o Monte Pindo, con acceso directo a 20 lugares do Olimpo Celta e do noso Concello que cremos que merece a pena descubrir, primeiro virtualmente e logo a poder ser en persoa, pois Carnota ten moitísimo que ofrecer a veciñanza e visitantes: paisaxe, natureza, patrimonio, gastronomía, deporte, lecer... son só algúns dos motivos para elixir o noso Concello como un destino cultural e de calidade. Por iso é que animamos a administracións, sector turístico e empresariado a explotar esta nova e magnífica ferramenta que xa teñen á súa disposición para resaltar o interese turístico de Carnota e do inigualábel entorno da Costa da Morte.

Pero á marxe do valor que esta iniciativa terá para os operadores socioeconómicos, cumprimos outro dos obxectivos fundamentais cando decidimos embarcarnos nesta iniciativa: permitir que a xente maior, emigrada ou impedida por calquera motivo para visitar o Monte Pindo, poderán cumprir o seu soño desde a comodidade do seu fogar: desde agora o Olimpo Celta xa está ao alcance da vosa man.

Só nos resta agradecer a Google, ao Concello e sobre todo á ducia de voluntarias e voluntarios que prestaron a súa colaboración desinteresada para converter este proxecto nunha realidade.

Lanzado un documental sobre o proxecto e a entidade
Despois de máis dun ano dedicado a esta iniciativa, faise difícil resumir en poucas liñas o longo proceso que nos levou a facer este proxecto realidade; e como unha imaxe vale máis que mil palabras, decidimos encargar un documental sobre este proxecto a Miguel Mariño, flamante director da Academia Galega do Audiovisual, e a Guillermo Ascanio, que souberon plasmar en só 10 minutos a filosofía do proxecto Trekker Monte Pindo e tamén da nosa entidade. Este documental, que contou coa colaboración do Concello de Carnota, xa está accesíbel na nosa canle de Youtube (con posibilidade de subtítulos) ou ben nas nosas redes sociais Facebook e LinkedIn.



O acto de Compostela converteuse nun alegato da unión de patrimonio e novas tecnoloxías
O Hostal dos Reis Católicos acolliu esta mesma mañá a presentación dos resultados do proxecto Trekker en Compostela, cun acto que se convertiu nun auténtico alegato da necesidade de contar coas novas tecnoloxías para divulgar unha zona e o seu patrimonio, multiplicando así a experiencia para veciñanza e visitantes.

Santi Llecha, promotor e voluntario do proxecto Trekker
Despois das intervencións por parte da entidade e do voluntariado, en boca de Mario Maceiras, responsábel técnico do proxecto, e Santi Llecha, voluntario e ideólogo da iniciativa, e da proxección do audiovisual, tomou a palabra Iván Franco, concelleiro de Turismo, Patrimonio, Medio Ambiente, Deportes e Comunicación e Novas Tecnoloxías de Carnota. Iván explicou que o proxecto Trekker encaixa á perfección na liña de traballo que vén desenvolvendo nos últimos anos o municipio carnotán para a posta en valor do seu patrimonio cultural e a súa divulgación en Internet, partindo dos proxectos Torre dos Mouros e Castro de Mallou, seguindo polo Museo Aberto de Carnota e tendo como referencia máis recente a campaña promocional "Carnota é túa", que supuxo a renovación integral da presenza web municipal, o lanzamento dun folleto turístico e a presentación dun video de promoción municipal que en poucos días entrará en circulación e que de seguro cambiará para sempre a percepción do noso Concello entre propios e alleos.

Por último e desde logo non menos importante, o encargado de clausurar o acto foi Manuel Gago, profesor da USC, experto en comunicación e responsábel de plataformas web como culturagalega.org ou patrimoniogalego.net, e quen precisamente estivera detrás do éxito comunicativo dos proxectos Torre dos Mouros e Castro de Mallou, explicou que foron esas experiencias as que nos levaron a  entender a necesidade de repensar o papel das novas tecnoloxías na promoción cultural e patrimonial, e de superar dunha vez a concepción museística do noso patrimonio servíndonos de novas tecnoloxías coma os propios percorridos virtuais que vimos de presentar, as representacións tridimensionais ou mesmo a realidade aumentada.

20/02/18

Monte Pindo lanza en Google os roteiros de sendeirismo de Carnota

Carnota convértese asi no primeiro Concello que dixitaliza os seus roteiros
Xil Caamaño intérnase no Monte Pindo portando a mochila Trekker
A Asociación Monte Pindo Parque Natural presenta publicamente os froitos do seu ambicioso proxecto Trekker Monte Pindo, que nos permitiu, grazas á colaboración con Google, mapear virtualmente a práctica totalidade das rutas de sendeirismo de Carnota para poñelos á disposición de todo o mundo a través de plataformas coma Google Street View ou Google Maps.

A presentación terá lugar en dúas xornadas: a primeira, orientada á veciñanza, o vindeiro sábado 24 de febreiro ás 18:00 horas na Lonxa Vella de Lira, e a segunda, orientada a medios de comunicación, entidades e TICs, o mércores 28 de febreiro ás 11:00 horas no Salón Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Nestas xornadas contaremos coas explicacións e sensacións das persoas responsábeis técnicas do proxecto Trekker e do voluntariado que participou na captura das imaxes, e tamén proxectaremos un espectacular documental de 10 minutos sobre como se fixo este proxecto, producido por Guillermo Ascanio e por Miguel Mariño, colaborador da nosa entidade e quen acaba de ser proclamado flamante director da Academia Galega do Audiovisual, e coa colaboración do Concello de Carnota.

Proxecto Trekker: do soño á realidade
En verde, resumo dos camiños percorridos
A idea de mapear os camiños do Monte Pindo xurdiu a finais de 2016 a proposta de Santi Llecha, membro da directiva de Monte Pindo. Santi propuxo nunha Comisión Rectora solicitar a nosa participación no programa Trekker Loan de Google que permite ás entidades facer uso dun sofisticado equipo Trekker durante un tempo para incorporar ás súas plataformas cartográficas Maps, Earth ou Street View camiños que os famosos coches da marca non poden percorrer. A proposta foi aprobada e inmediatamente puxémonos mans á obra. Sobra dicir que tanto Google coma o Concello de Carnota recibiron a proposta con entusiasmo, e logo de varios meses de negociacións, finalmente a equipación Trekker arribou a Carnota xa non só co obxectivo inicial de mapear os camiños do Monte Pindo inicialmente previstos, senón de facer todos os do municipio de Carnota que nos dera tempo.

Felizmente a iniciativa tamén tivo moi boa acollida por parte da xente, e axiña vimos sumarse ao proxecto unha ducia de voluntarios e voluntarias entusiastas e dispostas a percorrer os camiños de sendeirismo de Carnota portando a pesada carga da mochila Trekker, que pesa uns 20 quilos sen contar as baterías e memorias. En pouco máis dun mes remataba a fase de traballo de campo, cun resultado total de 160 quilómetros percorridos distribuidos nuns 50 roteiros distintos incluíndo as súas variantes e incluso un espectacular percorrido costeiro nun barco pilotado polo propio alcalde de Carnota, Moncho Noceda.

M. Maceiras na Braña dos Aguillóns
Aí rematou a nosa tarefa e entrou en acción o equipo de Google Street View, quen comezou a avaliar as imaxes rexistradas, determinando que a práctica totalidade delas reunía os estrictos requisitos de calidade que a marca esixe antes de incorporar as imaxes aos seus sistemas, polo que só podemos calificar os resultados do proxecto coma un éxito apabullante e realmente impensable cando comezamos a xestar esta iniciativa.

Carnota é o primeiro concello que permite percorrer virtualmente os seus camiños
Ita na ponte de Vadebois
Hoxe só nos queda poñer a guinda ao pastel presentando publicamente unha iniciativa que ocupou case por completo o último ano da traxectoria da Asociación Monte Pindo Parque Natural, que non estivo exenta de contratempos nin dificultades, pero que só podemos calificar de éxito total: hoxe Carnota é o primeiro concello que permite percorrer virtualmente a práctica totalidade dos seus roteiros de sendeirismo, nunha aposta decidida pola revalorización do medio rural e pola promoción dun territorio partindo do estricto respecto ao medio ambiente e do desenvolvemento substentábel da zona pensando na mellora da calidade de vida da veciñanza, filosofía que sempre caracterizou á nosa entidade. Convidamos a Concello, entidades e empresariado a aproveitar esta circunstancia que contribúe a destacar aínda un chisco máis o noso fermoso Concello no mapa.

Pero ademais cumplimos outro obxectivo que sempre foi fundamental para nós: Permitir que aquelas persoas que por cuestión de distancia ou por dificultades físicas non poden achegarse a coñecer os fermosos camiños e paisaxes do noso municipio, poidan disfrutalos aló onde estén, desde a comodidade do seu fogar. Desde agora os duros camiños do Monte Pindo son tamén vosos.

Por suposto temos que rematar agradecendo a colaboración de todas e todos os que tiveron algo que ver con este proxecto: a Miguel Mariño, Guillermo Ascanio e Roberto Pita que foron quen de crear unha xoia audiovisual partindo dun orzamento axustado; ao Concello de Carnota pola súa colaboración; a Google e moi particularmente a Alina Przybyla, Anna Roberta Liccardi e Jon Ander Erkoreka Jauregi; e sobre todo, moi sobre todo, ao voluntariado: Javier Barrientos Oreiro, María Luísa Beiro Agulleiro, Xilberto Beiro Caamaño, María José Blanco Lago, Iván Franco Caamaño, Antía Insua Lema, Manuela Lestón Agulleiro, Santiago Llecha Galiñanes, Mario Maceiras Dosil, Emilio Meleiro Fernández, Ramón Noceda Caamaño e Manuela Rodríguez López. Vós sodes a alma e o corazón deste proxecto do que vos debemos todo.

Por último, como anécdota divertida, o algoritmo automático de Google que difumina as persoas para facelas irrecoñecibles, difuminou accidentalmente o Xigante da Mina, demostrando que os nosos ancestros non ían tan mal encamiñados cando explicaban que as curiosas figuras antropomorfolóxicas do Monte Pindo só podían ser feitas pola man do home.