30/01/18

Programación de actividades 2018

Informamos da programación das actividades que a Asociación Monte Pindo Parque Natural prevé desenvolver neste curso. Todo o seguinte pode sufrir variacións importantes polo que che recomendamos estar pendente da nosa web www.montepindo.gal e das nosas redes sociais Facebook e Twitter para non perderte nada.

TODO O ANO

Mesa de Toponimia do Monte Pindo. A comisión rectora da Asociación Monte Pindo acordou a creación dunha mesa de traballo destinada a recopilar e recuperar a microtoponimia do Monte Pindo para plasmar nunha guía e un mapa. Para inscribirte manda un correo a info@montepindo.org.

Conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. A nosa Asociación celebrará as actividades deste evento de alcance europeo levando o patrimonio aos centros de ensino da bisbarra. Asi, en principio temos previsto desenvolver ao longo do ano charlas informativas cando menos nos institutos de Carnota, Muros e Cee, da man dunha persoa experta nos valores patrimoniais do Monte Pindo e da comarca.

FEBREIRO
Presentación do Proxecto Trekker Monte Pindo, grazas ao cal a Asociación mapeou para a aplicación Google Maps a práctica totalidade das rutas de sendeirismo do Concello de Carnota. O acto incluirá a presentación do proxecto con Google, visita virtual polas rutas recollidas, e a proxección dun documental sobre a iniciativa. Dúas datas:
MARZO
Asemblea Xeral Ordinaria. Sábado 17 de marzo no Salón de Actos do Concello de Carnota. Pódese asistir en calidade de convidado/a preavisando á Asociación.

5º aniversario do Irmanamento Monte Pindo - Monte Alto. Con subida ao Olimpo Celta desde as 10:00 horas, e á tarde-noite foliada e festa popular na praza da Solaina (O Pindo - Carnota). Prevese dispor de servizo de autobuses desde a cidade da Coruña.

ABRIL
Subida nocturna ao Monte Pindo. Organizaremos unha subida nocturna da man de Fins Eirexas destinada a contemplar a bóveda celestial e aprender a facer fotografías astronómicas e nocturnas. Esta actividade, prevista inicialmente para a fin de semana do 14-15 de abril, depende estrictamente da dispoñibilidade de Fins e de que o ceo esté despexado polo que aconsellamos estar pendentes da nosa web www.montepindo.gal ou das nosas redes sociais Facebook e Twitter por se hai cambios de última hora.

MAIO
Roteiro micolóxico polo Monte Pindo. Da man de expertos da asociación ceense Pan de Raposo, descubriremos que hai cogumelos todo o ano, non só en outono. Tamén trataremos de localizar o lirio de monte (Iris boissieri), fermosa especie en risco crítico de extinción a nivel mundial que sobrevive no Monte Pindo. O mes pode variar en función da abundancia ou escaseza de cogumelos.

XUÑO
Voluntariado no Monte Pindo (VIII). Limparemos un dos tres camiños do Monte Pindo que detectamos que necesitan tarefas urxentes de conservación: Pindo-Pedra Cabalgada, Fervenza-Portela Ventosa e Penafiel-Cova da Xoana.

XULLO
VI Simposium Monte Pindo. Sábado 21 de xullo na Casa da Cultura de Cee. 6ª edición destas xa tradicionais xornadas de investigación e divulgación científica monográficas sobre o Monte Pindo que se desenvolven por primeira vez fóra do Concello de Carnota.

SETEMBRO
Roteiro circular polo Monte Pindo. Desenvolveremos o tradicional e exitoso roteiro circular, de certa esixencia física (unhas 8 horas de camiñada) pero que percorre a práctica totalidade dos puntos de interese do Monte Pindo: San Xurxo, Penafiel, Cova da Casa Xoana, Laxe da Moa, etc...

NOVEMBRO
Día do Patrimonio. Participaremos un ano máis nas actividades que coordina a Rede de Patrimonio Cultural, da que formamos parte, en conmemoración do Día Internacional do Patrimonio, cunha visita guiada o sábado 17 de novembro aos restos do Castelo de Penafiel, da man dun experto.

Agardando que estas actividades sexan do teu interese, recibe un saúdo cordial da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural.