Moitas veces tense descrito patrimonio arqueolóxico do cal non queda máis que rastro na memoria, ou mesmo se teñen adscrito á imaxinación dos nosos devanceiros, coma a
dobre espiral de Barreiro Barral da cal xa falamos nesta páxina, ou dos supostos petróglifos na Laxe da Moa que algúns testigos aseguran ter visto, mais que ninguén que nós saibamos conseguiu localizar nin sinalar. Porén hai outros elementos patrimoniais que, se ben tampouco podemos velos, todo parece indicar que nalgún momento si existiron. É o caso do
dolmen do Monte Pindo.
No ano 1875 Ramón Barros Silvelo publicou a súa obra
Antigüedades de Galicia que viría a converterse nun tratado sobre as incipientes -e precarias- investigacións arqueolóxicas daquela altura en Galiza. Nesta obra coma todos saben tocou o Monte Pindo, e ademais de deixarnos a primeira cita histórica do famoso
Medallón das Sete Pitas aparecido nunha excavación no Monte Pindo e unha descrición da
Torre Fiel (Castelo de Penafiel), deixounos para a historia outro elemento moito máis ignoto: un dolmen debuxado con todo luxo de detalles:
O pe da ilustración, presentada xunto con outros megalitos salientábeis da nosa xeografía que si chegaron aos nosos días, non deixa lugar a dúbidas:
«Dolmen de la vertiente oriental del monte Pindo». Porén no texto que acompaña a ilustración sitúa este elemento nun punto bastante distante do Olimpo Celta mesmo para os nosos días, nada máis e nada menos que en Colúns, a unhas dúas horas e media a pe por vías modernas. O autor, facendo referencia á hipótese de que os dolmens en realidade puidesen servir a función de aras sacrificiais, describe o megalito deste xeito:
«Más propio para el uso de los sacrificios, es el [dolmen] de las inmediaciones del antiguo Claudionerium -Coluns,- en las avenidas del monte Pindo, por mas que en el completo trastorno que alguna catástrofe parcial produjo en aquella peñascosa ladera, sea dificil aseverar, si se debe á la ciega casualidad, ó á la creencia religiosa del druida. La estension de la plancha derecha superpuesta, mide un metro siete decímetros; la jamba derecha seis decímetros y cinco escasos la opuesta.»
Ramón Barros Silvelo, Antigüedades de Galicia (1875)
Colúns é unha localidade do Concello de Mazaricos á cal certos historiadores quixeron dar certa relevancia na nosa cronoloxía, habendo quen incluso se atreveu a situar nel o Claudionerium romano que outras voces situaron en Brandomil, tamén identificada á veces coa
mansio Grandimirum da via XX do
Itinerario de Antonino. Descoñecemos se existe outra memoria ou referencia da existencia dun dolmen neste lugar ou o seu destino, e nese caso agradecemos calquera información que nos axude a seguir aclarando a historia deste megalito.
Interesantemente esta cita agasállonos paralelamente con outra lenda típica: a de que un terríbel terremoto azoutou o Monte Pindo no ano 1217 ou 1272 (segundo a fonte) causando as curiosas formas graníticas do espazo e desviando o río Xallas, que pasou de verter na praia de Carnota a facelo na súa espectacular desembocadura actual no Coaduiro. Esta lendaria catástrofe natural, inverosímil desde o punto de vista xeolóxico segundo os expertos, acadou tanta forza que
La Voz de Galicia relatouna en 1885 coma un feito verídico, e Manuel Murguía referiuna na súa
Historia de Galicia, ao igual que Camilo José Cela na obra
Madera de Boj.