Unha das xoias biolóxicas de Galiza, o
Quercus lusitanica, coñecida popularmente como carballo anano ou añón, e que só atopa a día de hoxe acubillo no Monte Pindo, xa ten o seu futuro asegurado grazas a un proxecto de investigación nacido a raíz da colaboración de varias entidades científicas e que tamén contou coa nosa asociación.
A noticia transmitíunola Elena Corredoira do
Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG), dependente do
Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), quen veñen de presentar os resultados dunha revolucionaria iniciativa destinada a conservar mediante técnicas de laboratorio esta fuxidía especie que na actualidade só pervive a duras penas nunha ínfima porción do Olimpo Celta,
o que lle valiu no ano 2011 o estatus legal de especie vulnerábel a petición do núcleo de persoas do que acabaría nacendo a Asociación Monte Pindo Parque Natural.
Precisamente foi a sinerxia entre distintas entidades a que posibilitou que, logo de contactaren os do CSIC con nós en 2012 para pedirnos colaboración no seu proxecto para a creación dun banco de xermoplasma do carballo anano, acabou implicando tamén a Emilio Carral Vilariño da Escola Politécnica de Lugo, quen tamén contactara con nós para pedirnos apoio a un proxecto que á súa vez estaba desenvolvendo. Esta combinación de esforzos, coñecementos e recursos posibilitou o éxito dun proxecto para a creación dun
banco de xermoplasma para garantir o futuro do carballo anano, mediante un innovador proceso de biotecnoloxía vexetal baseado no cultivo
in vitro. Xa se está a estudar a reintrodución dos novos plantóns producidos por esta técnica no seu hábitat natural, para reforzar a presenza da especie no Monte Pindo e seguir estudando a súa evolución, coa ollada posta no obxectivo claro da súa supervivencia.
Denuncia da situación actual
|
Praga de eucaliptos en pleno hábitat do Q. lusitanica |
A análise da situación da especie revelou ata que punto o carballo anano está moi ameazado mesmo no seu único hábitat galego, pois logo dos terríbeis incendios das últimas décadas e debido ao desinterese da administración autonómica quen ignorou
reiteradas denuncias por parte da nosa entidade, soporta unha auténtica praga de eucalipto que xa colonizou o seu espazo natural e que, de non facerse algo por remedialo, ameazará en grao similar ou mesmo maior que os incendios a esta especie única. Neste senso a Asociación Monte Pindo insiste na urxencia e a necesidade de erradicar os eucaliptos e outras especies invasoras que están colonizando a marchas forzadas o Olimpo Celta e ante o que nós como sociedade nada podemos facer, pois
no ano 2013 a Xunta mandou paralizar coa ameaza de sancións as nosas actividades de repoboación con voluntariado na zona, veto que a día de hoxe, 4 anos despois, aínda non levantou.
Agora que estamos novamente en pleno debate sobre a política incendiaria e as respostas sociais, non está de máis lembrar que no Monte Pindo foi a propia Xunta quen nos prohibiu canalizar a enorme ola de solidariedade e voluntariado que se puxera á nosa disposición para rexenerar os restos aínda fumegantes do Olimpo Celta.