23/06/17
05/06/17
O tecido asociativo de Galiza crea a Rede de Patrimonio Cultural
Sección |
Actualidade
Máis de cincuenta asociacións participan nesta iniciativa para vertebrar a defensa e promoción do noso patrimonio material e inmaterial
“A cultura é a identidade do noso pobo”. Con esta premisa, máis de cincuenta entidades culturais e patrimoniais de toda Galiza abriron o proceso para a creación da Rede polo Patrimonio Cultural Galego, unha entidade cuxo principal obxectivo será velar pola protección, a divulgación e a defensa do patrimonio cultural do país. 33 delas estiveron presentes na xuntanza fundacional da Rede no museo do Pobo Galego este sábado 3 de xuño. Nas vindeiras semanas, as asociacións que refrenden os acordos tomados constituirán xa formalmente esta Rede de Patrimonio Cultural.
A rede servirá coma un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan dela e tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si soas, lles resulta difícil acceder.
54 entidades de gran diversidade territorial e sectorial
54 entidades de todo o país, que reúnen desde grupos culturais de carácter local ou comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de carácter profesional uníronse no que é a primeira rede vinculada ao patrimonio cultural que se crea en Galiza, un país onde a cultura e o patrimonio constitúe unha importante fonte de riqueza tanto social como económica e un valioso activo cara o futuro. As entidades participantes na rede manterán a súa independencia, aínda que participarán do seu calendario común de actividades.
Unha planificación anual
A Rede polo Patrimonio Cultural Galego realizará campañas –dúas ou tres por ano--, que afecten a aspectos económicos, lexislativos, administrativos, sociais ou educativos relativos ao patrimonio cultural, á súa conservación, protección e promoción. Ademais, as entidades participantes acordaron impulsar mecanismos e compartir recursos para divulgar o patrimonio, especialmente na ensinanza, co obxectivo de que os máis pequenos crezan cos valores do amor a súa historia e a súa cultura.
Por outra banda, consciente de que forma parte dun espazo cultural e histórico concreto, a rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galiza territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas como a de Ponte das Ondas.
A Rede polo Patrimonio Cultural Galego conta xa coa web redepatrimonio.gal para difundir as súas actividades e a de todas as entidades participantes e creará unha intranet para as comunicacións internas.
A creación desta nova entidade de defensa do patrimonnio é froito de semanas de contactos entre distintas entidades. Máis de 50 de toda Galiza amosaron o seu interese en participar nela e 33 ratificaron os acordos para impulsala nunha xuntanza que tivo lugar este sábado no Museo do Pobo Galego, en Santiago.
Entidades participantes
- A Gentalha do Pichel
- ADEGA
- Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde
- Asociación Amigos dos Castros
- Asociación Betula
- Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!
- Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional
- Asociación Monte Pindo Parque Natural
- Asociación Nordés
- Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego
- Asociación profesional CRG da Conservación e Restauración de bens culturais de Galicia
- Asociación profesional de guías de turismo de Galicia
- Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial
- Colectivo A Rula
- Colectivo defensa Patrimonio A FORNEIRIÑA
- Colectivo defensa territorio ANOVATERRA
- Comunidade de Montes de Baroña
- Fundacion Eira
- Fundación Terra Termarum Castrolandín
- Grupo de Investigación Roda
- Irmandade Illa de Tambo
- Liga Céltica Galaica
- Mariña Patrimonio
- Noutrora
- O Colado do Vento
- O Sorriso de Daniel
- O Suído
- Patrimonio dos Ancares
- patrimoniogalego.net
- Plataforma pola recuperación do Sar
- Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)
- Sos Arte Rupestre
- Umia Vivo
- Historiadegalicia.gal
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)