Presentamos 25 alegacións á Lei de Patrimonio Natural, coa que a Xunta busca poñer máis trabas aínda á protección de novos espazos, tras 15 anos sen novos parques naturais
|
A actual desprotección do Monte Pindo foi un factor clave no brutal incendio de 2013 |
Baixo o pretexto de refundir nunha única norma distintas normativas medioambientais, a Xunta lanzou o borrador do
anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un conxunto de normas e disposicións que fixeron saltar todas as alarmas do ecoloxismo galego ao supoñer un ataque frontal aos nosos espazos naturais protexidos, e dificultar aínda máis a declaración de espazos novos, incluso baixo aquelas figuras que nin sequera son competencia da Xunta.
O borrador, cuxo prazo de participación pública remata hoxe, xa recibiu máis de 120 escritos de alegacións, entre as que figura a nosa entidade, que denuncia que o PP lexisle arbitrariamente, sen ter en conta criterios técnicos nin científicos, retorcendo a figura do Parque Natural ata o extremo de imposibilitar a aprobación das candidaturas máis sólidas a facerse con este recoñecemento (destacando a do Monte Pindo) e mesmo impediría declarar ningún dos xa existentes. Isto choca frontalmente co imperativo europeo de declarar novos espazos protexidos que veñan a corrixir o déficit histórico destas figuras na nosa comunidade, e chega
cando a Xunta cumpre 15 anos sen aprobar ningún novo parque natural.
A Asociación Monte Pîndo Parque Natural esixe a retirada das restricións adicionais para crear estes espazos que non existen na lexislación vixente, coma o estabelecemento arbitrario dunha superficie mínima de 10.000 hectáreas para promover novos Parques Naturais; o Monte Pindo quedaría asi moi lonxe dun criterio alleo a ningún fundamento técnico e científico, tan absurdo que faría inelixíbeis hoxe a 5 dos 6 parques naturais galegos, pois só o da Serra do Xurés cumpriría ese novo requisito. De feito,
se aplicamos de forma retroactiva o texto, ningún dos parques galegos reunirían hoxe as condicións para selo, feito que a propia Xunta recoñece cunha disposición adicional que ten que matizar que os parques naturais actuais seguirán existindo aínda que non reúnen eses requisitos.
Outras adicións envelenadas son a que define os Parque Naturais coma áreas "pouco transformadas polas actividades humanas", a que exclúe os núcleos urbanizados dos espazos protexidos, a xeralización de condicionantes máis propios dos Parques Nacionais, e un conxunto de artigos que veñen a relaxar e mesmo subvertir normas nacionais e internacionais de maior rango, o que cremos que podería incluso constituír unha ilegalidade. Practicamente todo o articulado coxea no mesmo aspecto: antepoñer criterios políticos e económicos ao único criterio que debe imperar nunha norma deste tipo: os obxectivos de conservación dos espazos naturais galegos máis valiosos, e lonxe de facilitar o incremento da superficie galega protexida, como esixen os axentes sociais e as autoridades europeas, dificúltao e mesmo imposibilítao.
Por iso a Asociación Monte Pindo anuncia que manterase vixilante co documento definitivo que presente o goberno da Xunta ao Parlamento, pois de persistir nas súas intencións de vetar a declaración do espazos coma o Monte Pindo coma Parque Natural, unha medida que demandan masiva e unanimemente
comunidade científica, entidades sociais e
sociedade, chegaremos a onde faga falta para evitar que este goberno submeta o noso medio natural ao servizo dos seus intereses políticos.