12/12/16
Máis de 200 persoas acuden ao Olimpo Celta con motivo do Día Internacional das Montañas
Sección |
Actividades
Resposta masiva ao chamamento da Federación Galega de Montañismo e da Asociación Monte Pindo Parque Natural, para celebrar onte, 11 de decembro, o Día Internacional das Montañas 2016 no Olimpo Celta. Máis de duascentas persoas déronse cita onte ás 11 da mañá no lugar do Fieiro, dispostas a disfrutar dun día que se presentaba espléndido no Monte Pindo.
Despois da presentación por David Pérez Araújo, responsábel da Escola Galega de Alta Montaña da FGM, tomou a palabra a comisión rectora da Asociación Monte Pindo, representada no evento por Mario Maceiras Dosil e Daniel Fernández Longueira. Estes agradeceron o interese que xerara a iniciativa, e que a organización decidira optar polo Monte Pindo para esta cita, que se celebrou simultaneamente en só catro puntos da Península Ibérica.
O percorrido de carácter circular (con saída e chegada ao mesmo punto) transcrurriu sen incidentes para os sendeiristas, entre os que reinou o bo ánimo e o compañeirismo; porén ao chegar ao Campo de Cortes para xantar tivo lugar cecáis o único momento negro da xornada, con ao menos 3 motoristas facendo da Laxe da Moa a súa pista particular, sen amilanarse ante a mirada atónita de case 200 amantes da natureza. Ese episodio demostra ata que punto 6 anos despois de nacer unha entidade esixindo protección para o Monte Pindo, e atopándose coa versión oficial de que xa está suficientemente protexido, a situación sobre o terreo segue ser a de absoluta impunidade dos infractores das xa escasas disposicións legais que o deberan protexer, e demostrou a vixencia dunha loita, a do Parque Natural do Monte Pindo, que é máis necesaria que nunca.
Deixando isto aparte, as entidades FGM e Monte Pindo demostraron a súa boa sintonía para seguir colaborando no futuro, unha colaboración que se podería concretar axiña en proxectos como a homologación das rutas do Monte Pindo e a organización en Carnota dunhas xornadas dedicadas á actividade do montañismo. Por outra parte a FGM e os 9 clubs que se adheriron á iniciativa manifestaron o seu apoio pleno á declaración do Monte Pindo coma Parque Natural, apoio que esperamos que pronto sexa extensivo a todos os clubs e colectivos federados.