É por iso que desde a Federación Galega de Montañismo (FGM), a maior organización galega dos e das montañistas e dos colectivos dedicados a esta disciplina deportiva, decidiron dedicar o Día Mundial das Montañas 2016 ao Monte Pindo, a través dunha andaina para a que contaron coa Asociación Monte Pindo Parque Natural. Farano a través dun roteiro circular con saída e chegada no lugar do Fieiro, que comezará o vindeiro domingo, 11 de decembro, a partir das 11:00 horas, por unha duración prevista de entre 3 e 4 horas, na cal visitaremos os lugares máis emblemáticos do Olimpo Celta.
Emblema da FGM |
É a primeira vez que ambas entidades colaboran, o que desde a veciñanza de Carnota sensibilizada co medio ambiente, e particularmente desde a directiva de Monte Pindo Parque Natural, agardamos que supoña o inicio dunha longa e proveitosa relación, polo ben dun deporte tan nobre como é o montañismo e tamén do medio ambiente. Asi mesmo saudamos que con esta actividade a Federación Galega de Montañismo se comprometa firmemente coa iniciativa para a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural,ao igual que o conxunto das súas entidades federadas, algunhas das cales participarán no roteiro: Sociedade de Montaña Ártabros, Club Montaña Ferrol, Club Montañeiros Celtas, Club Pena Trevinca - Montañeiros de Galicia, AROMON Club Montañeiros Pontevedra A Roelo, Club de Montaña e Escala Azimut, Club de Montaña Xistra, Club Alpino Ourensán, e a Agrupación Montañeiros Independentes. A todos eles agradecemos o seu interese e apoio que nos axudará a continuar, firmes, no noso obxectivo de acadar para o Monte Pindo a única figura legal que fai xustiza aos seus valores: o Parque Natural.