10/10/16

Videoactas do V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos

A Asociación Monte Pindo Parque Natural ten o pracer de liberar ao ben común na súa canle de Youtube as videoactas do «V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos», celebrado o pasado 1 de outubro no Pósito dos Pescadores do Pindo, que por primeira vez tiveron carácter monográfico sobre a cuestión dos centos de fuxidos no Monte Pindo durante os primeiros compases do golpe de estado de 1936 e a brutal represión franquista que se iniciou a continuación.

Inauguración
Merche Díaz inaugura o Simposium
Merche Díaz, secretaria dunha Confraría de Pescadores do Pindo abarrotada para a ocasión, e tesoureira da Asociación Monte Pindo Parque Natural, foi a nomeada para inaugurar o V Simposium Monte Pindo. Por suposto, organización do evento nun local destas características non foi casual: o mesmo espazo foi ocupado no ano 1936 polos falanxistas e militares para servir de centro de mando dos golpistas desde onde se dirixiu un intensivo operativo de busca e captura dos veciños fuxidos no Monte, e tamén onde se torturou e extorsionou a vítimas e familiares para obter información que axudara a capturar a aqueles que se rebelaran contra o golpe.



Proxección "A Mariñeira" e charla-coloquio
Darío Xohán Cabana e Antón Dobao
A proxección do filme A Mariñeira, a piques de cumprirse 10 anos da súa estrea, ateigou o local do Pósito de veciñanza e visitas ansiosas por coñecer a historia de María, unha humilde mariñeira de Quilmas que, logo do alzamento fascista do 36, ten que sacar adiante soa as súas fillas cando o seu home fuxe ao Monte Pindo, e que tivo que enfrontarse as autoridades oficiais e fácticas do franquismo que usaron absolutamente todos os resortes ao seu alcance -legais e ilegais- para levar á Mariñeira a revelar o paradoiro do seu compañeiro escapado. Para explicar os procesos creativos que levaron un relato de poucas páxinas como é A Mariñeira de Quilmas á gran pantalla, organizamos unha charla-coloquio con Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952), autor do texto, e Antón Dobao (Lugo, 1963), director do filme, baseado nun guión de Xabier Cordal.



Palestra «Evasións por mar na Guerra Civil. Os fuxidos do Pindo»
Eliseo Fernández
Continuou a xornada coa conferencia «Evasións por mar na Guerra Civil. Os fuxidos do Pindo» a cargo de Eliseo Fernández (Ferrol, 1967), historiador especializado na Guerra Civil e nomeadamente no compoñente anarquista e obreiro da resistencia, quen documentou profusamente os episodios das fuxidas por mar na costa galega, destacando no noso entorno a rocambolesca captura da lancha As, a mans de 13 veciños fuxidos no Monte Pindo, e grazas ao cal lograron chegar a Bristol. Eliseo fixo entrega á nosa asociación de varios recortes de prensa da época, descoñecidos cando menos para nós, documentando profusamente o impacto que tivera este acontecemento na prensa inglesa ao revelar o verdadeiro alcance do drama humano que se estaba a vivir nas zonas do estado español que caían en mans dos insurrectos.







Palestra «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo»
Luis Lamela
Despois de xantar no restaurante da pensión A Morada do Pindo, xa pola tarde tocou o turno dunha das palestras máis agardadas, «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo» a cargo do xubilado de banca e historiador de vocación Luis Lamela (Corcubión, 1942), considerado unha das figuras pioneiras da recuperación da memoria histórica do noso País. Luis, autor do libro "Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón" fixo gala do seu profundo coñecemento da documentación histórica e da hemeroteca ilustrando con ela a convulsión que supuso o alzamento fascista do 36 para as prácidas vilas do sur da Costa da Morte», enumerando os episodios máis coñecidos e mellor documentados de fuxidos no Monte Pindo e tamén as persoas e organizacións sociais, políticas e sindicais máis importantes na altura e os seus papeis na contenda bélica.



Palestra «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra»
Xosé Ramón Ermida
A continuación foi Xosé Ramón Ermida (Foz, 1973) quen se puxo ao timón do Simposium para recuperar unha historia moi pouco coñecida aínda nos nosos días: o papel do nacionalismo no contexto do alzamento golpista, moi solapado no relato oficial da contenda, que recuperou no libro Mortos por amor á terra que vén de presentar hai unhas semanas tras 20 anos de investigación. Moncho centrou a súa palestra «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra» no Partido Galeguista de Carnota e Muros, sorprendentemente activo e nutrido na época para tratarse dunha poboación preponderantemente rural, demostrando o seu dominio da documentación que lle permitiu enunciar non só as actividades máis notorias da agrupación local, senón o seu organigrama interno e boa parte do seu censo de militantes. Foi este persoeiro quen nos permitiu devolver á vida unha pouco coñecida imaxe do celebérrimo mitin de Castelao en Lira.



Debate aberto e clausura 
Luis Lamela e Moncho Ermida
O debate aberto, habitual en todos os Simposium Monte Pindo para dar a palabra aos asistentes, permitiu a moitas persoas clarificar as súas dúbidas a respecto da catarse social e política que supuxo o golpe de estado fascista na nosa bisbarra, e tamén expresar as súas opinións. Ocuparon o atril durante este espazo de libre expresión os propios Luis Lamela e Moncho Ermida, que deixaron patentes as súas propias discrepancias sobre as diferentes lecturas que se poden facer do conflito e dos seus actores principais.

Finalmente, foi a encargada de clausurar o V Simposium Monte Pindo a concelleira de memoria histórica do Concello de Carnota, Carme Armendariz, quen saudou en nome do executivo municipal esta iniciativa e invitou a seguir organizando proxectos de recuperación da memoria histórica no noso municipio e bisbarra.

A Asociación Monte Pindo quere agradecer en primeiro lugar ao conxunto dos ponentes a súa participación completamente altruísta e desinteresada nesta iniciativa, e todos os coñecementos que deitaron nun Simposium que contribuiu a engrandecer a historia do Monte Pindo e tamén a honrar e dignificar a memoria dos nosos veciños que deron a vida pola liberdade de Galiza. Por outra parte, queremos expresar a nosa satisfacción pola excelente acollida que tivo esta programación entre veciños e visitantes, pois durante algun momento chegouse a rozar o aforo máximo do local. Isto certifica o acerto de organizar unha actividade divulgativa en torno a unha temática que poucas veces se ten afrontado tan de fronte, e convida a seguir organizando iniciativas nesta liña.