Moita xente coñece a mítica foto na que ducias de veciños de Lira, tomada no ano 1936, arroupaban ao médico, político e artista rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, durante a campaña de petición do voto favorábel para un Estatuto de Autonomía que se viría violentamente truncado só días despois da súa aprobación polo golpe de estado fascista. Esta foto lembra este día en moitos fogares e negocios do noso concello e alén, e mesmo preside unha praciña conmemorativa que o Concello de Carnota inaugurou o ano 2000, no lugar exacto onde se pronunciara un discurso para a historia.
Mítica foto de Castelao en Lira coas Mocedades Galeguiistas |
Tan feliz redescubrimento débese a unha achega de Moncho Ermida, un dos conferenciantes que nos acompañará este sábado durante o V Simposium Monte Pindo: a Memoria dos Fuxidos, e quen intervirá a partir das 17:45h cunha palestra titulada «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra» dedicada, precisamente, a contextualizar a situación política na época e nomeadamente a explicar como era a organización o Partido Galeguista de Carnota e Muros.
Os orixinais da imaxe forman parte da colección dedicada a Castelao depositada no Museo de Pontevedra.