Impresionante aspecto que ofrece o macizo (Foto: Miguel Caamaño) |
Se ben a dirixente matizou que esta medida «debe contar co aval científico, técnico e social», este aval está máis que demostrado coa propia documentación que lle entregamos á directora xeral na reunión mantida o pasado mes de xuño, na que puido contrastar o moi maioritario seguemento social da iniciativa (a única enquisa sobre este asunto, elaborada en 2014 polo Instituto Sondaxe, constatou que o 73,3% da sociedade está a favor ou moi a favor da iniciativa; ademais, tamén a secundaron 212 entidades de todo tipo, sen que unha soa se destacase en contra. Pola parte científica, cabe destacar a trintena de académicos asinantes da iniciativa, ademais das distintas entidades neste eido que xa de adheriron formalmente, destacando a Universidade da Coruña. E pola parte técnica, existe un informe encargado polos anteriores mandatarios do mesmo departamento no cal non desbota a proposta de declarar o Monte Pindo como Parque Natural e ademais enténdea xustificada.
Polo tanto, e como vimos dicindo durante anos, o único obstáculo que segue habendo á proclamación do Monte Pindo como Parque Natural foi e é a negativa da Xunta, que agora e con estas declaracións tamén queda en entredito. Desde a entidade veciñal volvemos a pedir que se estime a nosa iniciativa e se publique no Diario Oficial de Galicia, antes de rematar a actual lexislatura, o decreto polo cal se declare o Monte Pindo como Parque Natural. É de xustiza histórica.