|
Algúns dos persoeiros que visitaron o Monte Pindo, sinalados nunha foto de 1928 (fonte: Galipedia) |
Seguimos a coñecer máis sobre o interese que o Olimpo Celta xeraba aos nosos devanceiros, que escrutaban os seus misterios coa mesma curiosidade con que nós o facemos hoxe. E podemos dar máis datos sobre a exploración do macizo feita polos membros do
Seminario de Estudos Galegos en 1936, da cal xa tiñamos constancia grazas á publicación do enigmático
poema en alemán escrito conxuntamente por
Otero Pedrayo e
Vicente Risco, nada máis e nada menos, que integraban aquela comitiva de exploradores.
|
Emblema do grupo |
Hoxe sabemos que aquela visita quedou narrada nun documento divulgado recentemente por
Grial, Revista Galega de Cultura, nº 207, quen se fixo eco á súa vez da publicación en xullo de 1936 dunha crónica no diario vigués
El Pueblo Gallego enviada desde a Costa da Morte por un mozo de 21 anos chamado
Xaime Illa Couto. O artigo de 6 páxinas, titulado «
O Seminario de Estudos Galegos en Fisterra», narraba extensa e precisamente a visita do grupo de intelectuais á Costa da Morte no verán do 36, durante a que os sorprendería o fatídico golpe de estado que sumiría a Galiza e a España nunha dictadura de corte fascista durante catro décadas.
|
Recorte do artigo |
Pois ben, e volvendo ao asunto que tratamos, neste relato descríbese a exploración do Olimpo Celta por varias das seccións que compoñían o Seminario de Estudos Galegos nunha época en que os seus aproveitamentos mineiros e gandeiros estaban a pleno rendemento, parte dos seus castelos aínda en pe, e cando aínda o franquismo non modificara para sempre o seu aspecto mediante sucesivos decretos que primeiro erradicaron toda a fauna autóctona que puidera supoñer unha ameaza para o gando, e logo tamén o propio gando que puidera supoñer unha ameaza para as repoboacións masivas con piñeiro de Monterrei,
levando á extinción dunha especie de cabra propia do Monte Pindo. Segundo o xornalista as calidades do espazo natural carnotán subscitou un «
gran interese» para eles e de feito «
o Monte Pindo xustificaría hoxe por si propio unha campaña de investigacións».
Na comitiva, ademais dos xa citados Xaime Illa, Vicente Risco e Otero Pedrayo, participaron tamén persoeiros coma o xeólogo
Isidro Parga Pondal, o sacerdote e arqueólogo
Xesús Carro García, o historiador, arqueólogo e antropólogo
Xosé Filgueira Valverde (homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015), o científico
Luís Iglesias... entre outros. Tristemente as súas investigacións víronse truncadas por un inoportuno temporal cando exploraban
Penafiel e que nos privou -de seguro- de moi valiosa información sobre como era o Monte Pindo naquel tempo. Ante a frustrada exploración, ao seu retorno, foron homenaxeados por un concerto da Coral de Cee no colexio Fernando Blanco.
Exploración del monte Pindo
Mientras que los miembros de la sección de Psicotecnia trabajaban en las escuelas de Ameixenda y Brens, los miembros de las demás secciones escalaron el Monte Pindo. Los resultados de esta difícil exploración no fueron tan completos como sería de esperar porque el temporal del miércoles sorprendió a los miembros del Seminario en los picos de Penafiel y les obligó a suspender sus trabajos. Sin embargo, la exploración ha tenido un gran interés y el monte Pindo justificaría hoy por sí solo una campaña de investigaciones.
Xaime Illa Couto, en "El Pueblo Gallego" (Vigo, xullo de 1936)
Esta información vén de ser divulgada polo noso socio e colaborador
Miro Villar na súa bitácora
As Crebas e tamén no dixital
Que Pasa na Costa.