20/06/16

Os xeólogos de toda España súmanse á declaración do Monte Pindo como Parque Natural

O Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (ICOG), organización profesional dos xeólogos de todo o estado español, vén de comunicarnos a través do seu delegado galego, Pablo Núñez, a súa adhesión á iniciativa para declarar o Monte Pindo como Parque Natural, o que supón un impulso definitivo a esta reivindicación social que cada día subscita un apoio social e académico máis unánime, mesmo alén do territorio galego. Non é a primeira vez que contamos coa adhesion dun Colexio Oficial, pero si o primeiro que o fai que opera a nivel estatal.
O Monte Pindo durante o luar do solsticio de verán deste 2016. Foto: David Trillo Gallego
Este interese do mundo da xeoloxía polo Olimpo Celta non é casual. Cómpre lembrar que precisamente é a xeoloxía un dos valores máis importantes do Monte Pindo, pois sitúano na vangarda non só galego senón a nivel estatal e internacional. Tampouco foi casualidade que fose recentemente designado o Monte Pindo como espazo natural referencial ao que se dedicou o recente Geolodía 2016, evento que contou cun notábel éxito de asistencia e desenvolvemento. Asi mesmo non é coincidencia ver que se comezan a dedicar ao Monte Pindo todo tipo de estudos científicos do ámbito da xeoloxía, protagonizando mesmo unha Tese doutoral e incluso sendo motivo de debate e interese nun recente congreso en Porto. Mesmo a NASA fixouse na curiosa microbioloxía das nosas grotas graníticas para avanzar na busca de vida alén do noso planeta. Este incipiente interese débese en gran parte grazas ao esforzo investigador e divulgador do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, dependente da UDC, e en especial á constancia do seu director, o profesor Juan Ramón Vidal Romaní, gran colaborador e directivo da nosa entidade.

Vidal Romaní durante o exitoso Xeolodía 2016
Como vemos no Monte Pindo hai todo un universo por descubrir detrás de cada pedra e penedo, un potencial que ata agora en Galiza déuselle moi pouca importancia, algo que agora comeza a mudar; de feito, abriuse xa o debate sobre as propostas para nomear os primeiros Xeoparques da Península Ibérica, unha figura de recoñecemento internacional dependente da UNESCO, á que o Monte Pindo aspira como firme candidato, unha candidatura que xa estamos a preparar coa máxima ilusión por seguir situando o Monte Pindo e a nosa bisbarra no mapamundi.

Nace unha nova casa de turismo rural no Cucurujú
Seguindo coas boas noticias, vén de entrar en funcionamento unha nova casa de turismo rural, Cucurujú Aloxamento, que colle prestado o curioso e distintivo nome do lugar onde está ubicado. Trátase dunha fermosa casiña de pedra tradicional situada en plena ladeira do Monte Pindo, rehabilitada con moito gusto por Sabela Romar que agora a vén de abrir ao público, e quen xa nos comunicou o seu interese en sumarse á nosa entidade para a Costa da Morte o seu primeiro Parque Natural.

Estas instalacións veñen a ampliar a oferta de aloxamento de calidade no entorno do Monte Pindo, algo polo que non podemos máis que felicitarnos e desexarlle o maior dos éxitos para seguir, entre todos, xerando oportunidades de vida e traballo para que este recuncho tradicionalmente deprimido da Costa da Morte teña cada vez máis e mellor futuro.