
Hoxe cúmprense 1.000 días do
devastador incendio declarado o 11 de setembro de 2013, que rematou devastando 2.500 hectáreas de espazo natural que inclúen a integridade da superficie proposta á Xunta para acoller o séptimo parque natural galego, e o primeiro da Costa da Morte. Mil días en que as medidas de restauración desenvolvidas pola entidade xestora do espazo, a Xunta, non só foron completamente insuficientes, senón que mesmo
vetaron medidas que desde a sociedade pretendían suplir ese baleiro, coma a iniciativa
SOS Monte Pindo.

Hoxe en día, coma a natureza é sabia reclama o terreo que lle foi arrebatado, o verde recuperou a súa predominancia sobre o negro. Sen embargo, 4 especies arbóreas invasoras aproveitan as pésimas condicións do espazo para medrar absolutamente descontroladas por doquier, colonizando centos de hectáreas. Trátanse da
acacia (
Acacia dealbata), a
acacia negra (
Acacia melanoxylon), a
albicia (
Paraserianthes lophantha) e o
eucalipto (
Eucalyptus globulus), que están a infestar a un ritmo imparábel as zonas queimadas do Monte Pindo e aledaños, estendéndose descontroladamente desde as zonas baixas e habitadas, ladeira arriba. No caso do eucalipto tamén están colonizando as cotas altas e inaccesíbeis. Cada semana que pasa é moito máis dificil erradicalas, pola maior superficie que afectan, as maiores dimensións que acadan e a crecente dificultade de acceder ás zonas afectadas con medios mecánicos. Ademais, este mes entramos nun momento crítico pois varias destas árbores producirán inflorescencias e dispersarán millóns de novas sementes que, empurradas polo vento, colonizarán zonas novas sen apenas oposición. Nunha situación extrema atópase o
carballo anano, que só podemos atopar no Monte Pindo, e en cuxo único hábitar está a sufrir a competencia dunha praga do eucalipto. Pero
diso xa levamos anos alertando.

A Asociacion Monte Pindo reclama á Xunta que comecen a obrar de inmediato na erradicación urxente das especies descritas, e nomeadamente as poboacións de acacias e albicias presentes nas ladeiras do Monte Pindo que dan a San Cibrán, Quilmas e ao sur do Pindo, antes de que florezan e agraven aínda máis a situación. Se deciden facelo terán toda a nosa colaboración.
Monte Pindo colabora coa USC nun estudo europeo para investigar as consecuencias do lume de 2013

Esta semana o
Grupo de Ecoloxía do Lume (GEFUSC) da
USC e a
Asociación Monte Pindo Parque Natural acordaron colaborar no
GESFIRE, un estudo científico de financiación estatal e europea que investiga as consecuencias que o incendio de 2013 sobre o Monte Pindo a través do estudo de varios indicadores naturais, un estudo científico que está a desenvolverse simultaneamente en espazos naturais queimados en distintas partes da Península Ibérica, e que
tamén anunciou recentemente que detectaron un forte incremento das especies invasoras no Monte Pindo.

Froito desta colaboración o GEFUSC, representado polas profesoras Otilia Reyes e Mercedes Casal, comprométese a compartir os datos e resultados froito das súas investigacións coa entidade veciñal e tamén o compromiso de colaborar coa identificación e eliminación de especies invasoras. Pola súa parte a Asociación Mone Pindo Parque Natural, representada polo secretario Mario Maceiras a quen lle amosaron as instalacións e os laboratorios do proxecto, comprométese a colaborar e cede desinteresadamente á USC o
Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), un inxente traballo de inventariado da biodiversidade presente neste espazo natural, o único que conta cun estudo destas características feito desde a sociedade e en permanente revisión, e que na actualidade xa inclúe
preto de 700 especies das que unhas 150 contan con algún nivel de protección segundo a lexislación vixente.
 |
Mercedes Casal, Mario Maceiras e Otilia Reyes |