06/06/16

A Xunta despacha o Monte Pindo para logo das eleccións decepcionando a movemento social, propietarios e mundo académico

A nova directora xeral de conservación da natureza descoñecía a existencia do carballo anano
Ana Mª Díaz, directora xeral de Conservación da Natureza
O pasado venres foi a data sinalada para o encontro que o colectivo veciñal que loita pola declaración do Monte Pindo como Parque Natural solicitara en outubro do ano pasado coas recén nomeadas Conselleiras de Medio Ambiente e de Medio Rural, Beatriz Mato e Ánxeles Vázquez. Finalmente, só asistiu en representación da Conselleria de Medio Ambiente Dona Ana Mª Díaz López, directora xeral de Conservación da Natureza, quen recibiu no seu despacho á delegación conformada por Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, presidente e secretario de Monte Pindo Parque Natural, en representación do movemento social; Ramón Noceda e Xan Lestón, alcalde de Carnota e membro da CMVMC Caldebarcos - San Cibrán, respectivamente, en representación da propiedade do Monte Pindo; e Manuela Costa e Javier Amigo, profesora de xeografía e profesor de botánica, respectivamente, da USC, en representación do mundo académico e científico, que avala a nosa proposta. Malia que tamén estaba prevista a asistencia de Serafín González, presidente da SGHN, finalmente non puido participar por problemas de axenda.

A reunión plantexárase para comprobar a sensibilidade das novas responsabilidades da Xunta para co medio ambiente galego, que ao noso entender merecían unha marxe de confianza, toda vez que na configuración anterior da Consellería estaba totalmente supeditada aos intereses urbanísticos, e tamén e nomeadamente sondear a súa disposición a adoptar medidas concretas no terreo do Monte Pindo, coma a súa declaración como Parque Natural e outras iniciativas coma o levantamento do veto autonómico ás nosas actividades de repoboación.

Na primeira cuestión é certo que detectamos un mellor talante na nova directora xeral que a súa insensíbel antecesora Verónica Tellado que fora moito máis irrespectuosa -mesmo cruel- co trato que nos dispensara. Tamén notamos que esta administración asegura ter un maior interese polo medio ambiente que os seus predecesores; mesmo recoñeceu que ata o momento a Xunta tratou o medio ambiente coma unha cuestión secundaria e que elas pretenden cambiar iso, asunción que a honra.

Sen embargo, en canto ás cuestións de fondo da reunión non podemos destacar unha actitude moi diferente á dos seus predecesores no cargo, relegando os problemas do Monte Pindo a despois das eleccións e negándose a adoptar ningún tipo de medida nesta lexislatura. Esta vez a única excusa esgrimida para non facer nada é, precisamente, a proximidade das Eleccións, que segundo a dirixente lles impide tomar ningunha decisión nos vindeiros meses. Estaremos moi atentos a outras decisións de importancia que si adopten sen importar a proximidade da cita coas urnas; o que quedou claro é que o Monte Pindo non estará entre elas.

Decepción entre propietarios, axentes sociais e mundo académico
Mato de Quercus lusitanica, onte no Monte Pindo
Despois de hora e media a representación social, veciñal e académica abandonamos a reunión compartindo unha profunda sensación de decepción, ao non obter nin un só compromiso firme da nova administración da Consellería, á que demos un amplo marxe de respecto pola súa situación transitoria, ata o punto de agardamos pacientemente nove meses este encontro, que finalmente nin se axustou ao solicitado. Porén, obter por toda resposta o recordatorio de que estamos en vésperas dun proceso electoral só supón botar balóns fóra e non fai xustiza nin demostra unha maior vontade de atender os problemas medioambientais galegos que os seus predecesores, por moito que as palabras sexan máis comedidas.

Por último temos que lamentar profundamente o descoñecemento sobre a situación do Monte Pindo, sobre todo tratándose da ex-delegada territorial de Medio Ambiente, pois asegurou que descoñecía a existencia dunha especie única en Galicia no Monte Pindo, o carballo anano (Quercus lusitanica), especie protexida pola Xunta (cando menos na teoría) que se está vendo ameazada pola proliferación de milleiros de eucaliptos a consecuencia do incendio de 2013, como temos denunciado en reiteradas ocasións.

Monte Pindo lanzará unha rolda de contactos coas demáis forzas políticas para refrescar o seu compromiso
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, organización que cohesiona as aspiracións de 210 entidades sociais e do 73,3% da sociedade que apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural, ademais dos propietarios e do mundo académico que inequivocamente tamén avalan esta medida, seguiremos loitando con paso firme para vencer a última resistencia coa que se atopa xa a nosa reivindicación: o bloqueo do partido no goberno da Xunta. Para logralo, despois de consultado o PP, abriremos unha rolda de contactos coas demais forzas políticas galegas, a maioría das cales xa se teñen pronunciado a favor da declaración do Monte Pindo como Parque Natural, para lograr que efectivamente a partir da cita electoral de outubro o absurdo veto co que nos encontramos unha e outra vez por parte dun goberno que debería guiarnos e acompañarnos se convirta nunha mala memoria do pasado, e que o veto ao Monte Pindo se convirta en votos ao Monte Pindo.