11/05/16

Nace a Biblioteca do Monte Pindo apadriñada por Alfredo Eiras

Alfredo Eiras e Laura Caamaño, xunto coas obras que nos doou o escritor
Á mesma hora en que nacía na rede a Biblioteca do Monte Pindo, que xa é desde hoxe accesíbel en Internet no enderezo biblioteca.montepindo.gal, en Betanzos o escritor Alfredo Eiras entregaba a Laura Caamaño, membra da Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural, unha impresionante colección de obras literarias dedicadas total ou parcialmente ao Olimpo Celta, e en especial ao seu aspecto máis mítico e máxico.

Eiras dedicounos as súas obras
Alfredo Erias (Abegondo, 1954) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Arquiveiro bibliotecario do Concello de Betanzos e director do Museo das Mariñas, e autor dunha prolífica serie de obras literarias, ben en títulos propios ou ben en obras colectivas coma o Anuario Brigantino, obra referencial da divulgación histórica galega que dirixiu durante máis de 20 anos. Tamén destacou na súa faceta de debuxante e pintor. Agora sumou á súa brillante traxectoria ser o padriño involuntario do nacemento da Biblioteca do Monte Pindo, unha das primeiras coleccións literarias do País dedicada a un espazo natural e nacida desde e para a sociedade.

Coas achegas de Alfredo Erias o catálogo de obras literarias que temos a disposición da sociedade xa medra ata preto dos 25 exemplares, se ben agardamos seguir sumando progresivamente máis obras que xa relacionamos nun listado de máis de medio cento de exemplares que aspiramos conseguir a curto e medio prazo, todo un reto tendo en conta o elevado custo de moitas destas obras e que a colección finánciase ao 100% con fondos propios da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Para ampliar e mellorar a colección pedimos a axuda de todo o mundo, que pode colaborar a través dun formulario de achegas.

Nace contendo xa case o máis importante
O Monte Pindo, presente na súa obra
Porén, as obras de referencia e á vez máis difíciles de adquirir, e sen as cales esta biblioteca perdería moito do seu sentido, xa están afortunadamente entre os fondos: Antigüidades de Galicia, de Barros Silvelo; Los Montes do Pindo, de Barreiro Barral; Galicia Incógnita, de Pedro Marfany; a Guía de Galicia, de Otero Pedrayo... xa están a disposición do público xeral para a súa consulta física no noso local no Pindo (consulta mediante cita previa coa Asociación en info@montepindo.org), para o que a entidade veciñal habilitou unha sala de estudos no seu local. Tamén se permitirá o préstamo temporal das obras no caso das persoas asociadas á Asociación Monte Pindo Parque Natural, unha afiliación que custa 13 euros ao ano.

Grazas, Alfredo, pola túa axuda. Animamos a outros autores e editores no noso País a colaborar tamén coa construción desta colección única de obras literarias relacionadas co Monte Pindo, pois só desde o coñecemento podemos poñer en valor un patrimonio, o Monte Pindo, que nos faga seguir soñando.