|
Consello de Goberno da Xunta |
En 2007, tres anos antes de nacer Monte Pindo Parque Natural, a Xunta de Galicia
creaba a Rede de Parques Naturais de Galicia. Aínda chegaría a rexistrar marca e logotipos, e a constituir un ano despois o
Consello da Rede de Parques Naturais que elaborou un exhaustivo
informe de situación. Pouco despois o executivo autonómico cambiou de mans, accedendo ao goberno un Partido Popular que deixou este asunto nun caixón. Pois ben, case unha década despois, en vésperas dun inminente proceso electoral, a Xunta presenta a "
primeira Rede de Parques Naturais de Galicia" que
"permitirá unha xestión coordinada" destes espazos e
"garantirá a súa conservación".
|
O anuncio da "creación" da Rede de parques naturais |
Este anuncio feito polo propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, xusto despois do Consello da Xunta do 19 de maio de 2016, publicitaba algo que en realidade fora creado
nun Consello da Xunta do 19 de xuño de 2007, o que subscitou de inmediato a reacción do ecoloxismo galego. Este foi o caso da
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que saiu á palestra para criticar un anuncio que tildan con moita retranca de "
milagreiro renacemento", para despois calificar de
"pouco racionais" as políticas da Xunta nesta materia nos últimos anos, para o que poñen coma exemplo o
"adiamento sine die
das propostas para a creación de novos parques"
, coma o do Monte Pindo.
|
Logotipo rexistrado en 2008 |
Cabe lembrar que
a SGHN foi piar desde o inicio da loita polo Parque Natural do Monte Pindo, unha reivindicación que, en efecto,
o PP impediu prosperar ata en 4 ocasións no Parlamento sen aducir ningunha razón sensata. Tamén temos que lembrar a actitude da Xunta de Feijóo coa nosa entidade.
Hai dous anos e medio que vetou todas as actividades de repoboación do Monte Pindo baixo a ameaza de sancións.
Faltaron ao respecto a toda a veciñanza á que acusaron sen probas de estar detrás do incendio de 2013.
Negáronse a escoitar e atender as nosas propostas, ideas e suxerencias, que
logo se demostraron atinadas.
Vulneraron 5 leis galegas, españolas e europeas ao negarnos información que
só logramos obter a través do Valedor do Pobo. Nin sequera temos aínda data para unha
reunión que lle solicitamos hai 9 meses, nada máis tomar posesión as novas conselleiras de medio ambiente e medio rural. E ó que é peor,
a nivel local o PP pasou de defender os parques naturais a combatilos inventando e difundindo entre a poboación carnotá falsos
prexuízos dos parques naturais para as vidas da veciñanza, mentiras que outros nos esforzamos cada día en desmontar para defender a boa imaxe dos Parques Naturais e das restantes medidas e normas das que os galegos e galegas nos dotamos para conservar o noso medio natural para as xeracións vindeiras.
Este é o trato que o goberno de Feijóo, tan preocupado agora polos Parques Naturais, dispensa á hora da verdade á primeira Asociación da historia do noso País que xurde desde a veciñanza local para pedir que un espazo natural se declare Parque Natural, despois de nada menos que
14 anos sen ningún novo parque natural galego, comportándose non só coma un goberno
pouco racional, como ben di a SGHN, senón tamén irresponsable; un goberno que trata de ocultar dez anos de abandono dos espazos naturais galegos sacando do caixón unha iniciativa que nunca se dignou a aplicar e que agora presenta coma novidosa, vendéndonos fume cando para esta Xunta os parques naturais galegos foron, son e seguirán sendo a última das súas preocupacións.