Xa temos publicado que durante a Idade Media existiu un Condado de Carnota, que comprendía aproximadamente o espazo situado entre os ríos Xallas e Tambre, e que parecía corresponderse co mesmo territorio dominado pola antiga tribo prerromana dos Celtici Supertamarci, ou celtas de enriba do Tambre, que lindaban (e litixiaban) cos nerios (enriba do Xallas) e prestamarcos (debaixo do Tambre). O espazo comprendería cando menos os territorios ocupados actualmente polos municipios de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos, con lindes algo máis difusos polo interior.
Mapa completo |
Este mapa preséntanos unha realidade territorial cos seus lindes moito máis vencellados aos accidentes xeográficos que os actuais. No mesmo, como dicimos, sinálase con toda claridade o Partido do Pindo, con capital en La Sierra (Serra de Outes), probabelmente pola proximidade da capital relixiosa do arciprestado de Entíns. Isto significa que hai só 200 anos o macizo do Monte Pindo era o referente simbólico que daba nome á comarca e ao partido, do mesmo xeito que Santiago e Fisterra llo prestaban ás comarcas veciñas. Tamén sitúa, destacado, o Monte Pindo no seu lugar, e os lugares carnotáns de Carnota, Lira e Lariño. A comarca aparece ben delimitada polos ríos Xallas ao norte ata as súas fontes en Castriz e polo Tambre ao sur, o Océano Atlántico ao oeste, e por primeira vez, o mapa permite fixar o linde polo leste no río Dubra, o que supón que esta división histórica e natural comprendería as vilas de Santa Comba e Negreira.
Non debeu tardar moito tempo Muros en gañar protagonismo neste taboleiro, pois poucas décadas despois xa comezou a aparecer esa denomincación do Partido. Porén probabelmente estemos ante a proba máis irrefutábel de que a comarca natural á que pertencemos ocupa case 850 quilómetros cadrados do territorio sito entre o Xallas ata o Tambre e polo interior ata Castriz e Negreira, división que se mantivo practicamente intacta durante dous mil anos, desde antes da chegada dos romanos ata hai só douscentos anos, chamarase territorio dos Célticos Supertamáricos, Condado de Carnota ou Partido do Pindo.
Sen dúbida isto engade un punto de vista novo e moi interesante ao debate aberto sobre a comarcalización do noso país e a fusión dos concellos, un legado dos tempos en que as cousas se facían cos pes na Terra e non con artificios políticos e localistas.
Traslación ao mapa actual