Asemblea Xeral de Monte Pindo Parque Natural (CC) |
Valoramos os últimos anos de traballo e identificamos os deberes pendentes
Os informes de xestión e de finanzas defendidos pola Comisión Rectora saínte debullou a etapa 2013-2015 da Asociación, marcada pola súa consolidación como unha das entidades medioambientais e veciñais máis activas e referenciais non só a nivel local e comarcal senón mesmo a nivel nacional, e tamén polo protagonismo adquirido durante a catástrofe ecolóxica vivida no Monte Pindo en setembro de 2013, na que a entidade exerciu de auténtica portavoz da xente afectada.
Imaxe da última visita organizada ao Olimpo Celta (CC) |
Neste periodo a Asociación desenvolviu multitude de actos e iniciativas de divulgación e reivindicación do Monte Pindo, que foron valoradas tamén positivamente, ao igual que o altísimo nivel de coñecemento social e de proxección mediática que acadou a nosa entidade e as súas iniciativas. De cara o futuro marcámonos un dobre reto: reforzar o coñecemento das nosas iniciativas no eido máis próximo, o dos lugares sitos no entorno do Monte Pindo, e tamén deseñar actividades dirixidas a incrementar a sensibilidade medioambiental de nenos e nenas, pois aí está o futuro incipiente do Olimpo Celta e do medio ambiente galego.
Asi mesmo, valorouse necesario refrescar o compromiso co Monte Pindo das distintas forzas políticas que operan na nosa comunidade á marxe do PP -cuxa negativa a sumarse é de sobras coñecida-, e nomeadamente, as do arco parlamentario, para que pasadas as Eleccións galegas o Parque Natural sexa pronto unha realidade.
Finalmente, ambos Informes de Xestión e de Finanzas foron aprobados pola unanimidade das persoas asistentes.
Unha nova Rectora que tentará traballar máis e mellor
A única candidatura presentada pola afiliación de Monte Pindo Parque Natural para ocupar os postos da Comisión Rectora ampliada a 15 membros, e que supoñía unha renovación do 60% dos postos da directiva, obtivo a unanimidade dos apoios.
Asi, en adiante a Comisión Rectora pasará a estar conformada polas seguintes persoas:
SUPLENTES
- Xilberto Caamaño Beiro
- Mario Maceiras Dosil
- Merche Díaz Mayán
- Jorge Pérez González
- Xoán Lestón González
- Manuela Costa Casais
- Daniel Fernández Longueira
- Santiago Llecha Galiñanes
- Belén Pérez Martínez
- Juan Ramón Vidal Romaní
- Xosé Domínguez Caamaño
- Laura Caamaño Casais
- Juan Louro Cambeiro
- Sven Schwebsch
- Manuel Souto Barreiro
- Daniel Antonio Rodríguez Figueira
- Martiño-Fiz López Lindoso
A nova Comisión Rectora (CC) |
Adaptamos os nosos Estatutos aos novos tempos
Planta do local |
Asi mesmo, cambiamos a sede social, inicialmente radicada nun local particular, a un novo local cedido desinteresadamente polo Concello de Carnota e radicado na Praza da Solaina do lugar do Pindo. O local, que xa levamos meses acondicionando para converterse na nosa sede, ocupa a vivenda da docente da antiga escola unitaria, motivo polo que o denominamos cariñosamente Casa da Mestra.
A loita polo 1º parque natural da Costa da Morte encara a recta final
O Monte Pindo desde Fisterra (CC) |
Porén xa temos máis que decidido que mesmo despois de obtermos a vitoria de ver publicado no DOG o Decreto que declare por fin o Parque Natural do Monte Pindo, a nosa entidade seguirá sendo necesaria, para lograr que a posta en marcha desta figura e os seus organismos se fagan do mellor xeito para evitar que se repitan os erros de base que se cometeron noutros parques naturais galegos, e para garantir que os investimentos e ferramentas de xestión se elaboren coa premisa de conservar os valores xeolóxicos, ecolóxicos, arqueolóxicos... pero tamén que redunden nunha máis que necesaria mellora da calidade de vida da veciñanza carnotá e do sur da Costa da Morte, pois estamos nun medio rural en franca regresión pola escasa industrialización e a falta de oportunidades de traballo.
En efecto un Parque Natural é unha figura de protección que -ao contrario das outras, que non deixan de ser de papel- obriga á administración a dedicarlle un investimento anual, e a constituir órganos de dirección, mantemento e garda do espazo natural. Isto suporía que sen incrementar as restriccións que xa ten impostas a veciñanza coa figura da Zona de Especial Conservación (ZEC, antigo LIC), o Monte Pindo e a súa área limítrofe verían unha xeración inmediata de postos de traballo directos e participarían no reparto duns dous millóns de euros anuais que hoxe levan os 6 parques naturais existentes. Unha mínima parte desta dotación servirían para resolver definitivamente varios dos problemas do Monte Pindo e do seu entorno, nomeadamente a falta de atención que o leva a sufrir periodicamente incendios completamente brutais, e a profusión de especies invasoras coma o eucalipto e as mimosas. Pero, ademais, serviría para desenvolver substentábelmente toda a zona, cun incremento exponencial do turismo de calidade, a mellora de rutas e accesos, ou as subvencións á veciñanza para rehabilitar as súas vivendas e investir en novas oportunidades de negocio turísticas, deportivas, de ocio ou mesmo apícolas e de silvopastoreo, sen conlevar absolutamente ningún novo prexuízo nin para a veciñanza, os municipios nin os axentes sociais.
Nese obxectivo común convidamos a que se sume toda a veciñanza, axentes socioeconómicos e institucións que ainda non o fixeran pois neste proxecto no que cabemos todos temos moitísimo que gañar e absolutamente nada que perder.