21/04/16

O Monte Pindo deu nome á comarca natural sita entre os ríos Xallas e Tambre

Aparece un mapa de 1812 no que o macizo daba nome a unha comarca con capital na Serra de Outes


Xa temos publicado que durante a Idade Media existiu un Condado de Carnota, que comprendía aproximadamente o espazo situado entre os ríos Xallas e Tambre, e que parecía corresponderse co mesmo territorio dominado pola antiga tribo prerromana dos Celtici Supertamarci, ou celtas de enriba do Tambre, que lindaban (e litixiaban) cos nerios (enriba do Xallas) e prestamarcos (debaixo do Tambre). O espazo comprendería cando menos os territorios ocupados actualmente polos municipios de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos, con lindes algo máis difusos polo interior.

Mapa completo
Agora un novo dato apuntala a vixencia desta cohesión territorial ata hai apenas dous séculos. Trátase dunha cartografía de 1812, obra de Luis López Ballesteros, denominada Mapa geográfico del Reyno de Galicia que manifiesta particularmente la antigua provincia de Santiago dividida en 13 partidos de primera instancia y 2 incompletos: dispuesto por la Comisión particular de la Provincia de Santiago con arreglo a lo dispuesto por la ley de 9 de Octubre de 1812.

Este mapa preséntanos unha realidade territorial cos seus lindes moito máis vencellados aos accidentes xeográficos que os actuais. No mesmo, como dicimos, sinálase con toda claridade o Partido do Pindo, con capital en La Sierra (Serra de Outes), probabelmente pola proximidade da capital relixiosa do arciprestado de Entíns. Isto significa que hai só 200 anos o macizo do Monte Pindo era o referente simbólico que daba nome á comarca e ao partido, do mesmo xeito que Santiago e Fisterra llo prestaban ás comarcas veciñas. Tamén sitúa, destacado, o Monte Pindo no seu lugar, e os lugares carnotáns de Carnota, Lira e Lariño. A comarca aparece ben delimitada polos ríos Xallas ao norte ata as súas fontes en Castriz e polo Tambre ao sur, o Océano Atlántico ao oeste, e por primeira vez, o mapa permite fixar o linde polo leste no río Dubra, o que supón que esta división histórica e natural comprendería as vilas de Santa Comba e Negreira.

Non debeu tardar moito tempo Muros en gañar protagonismo neste taboleiro, pois poucas décadas despois xa comezou a aparecer esa denomincación do Partido. Porén probabelmente estemos ante a proba máis irrefutábel de que a comarca natural á que pertencemos ocupa case 850 quilómetros cadrados do territorio sito entre o Xallas ata o Tambre e polo interior ata Castriz e Negreira, división que se mantivo practicamente intacta durante dous mil anos, desde antes da chegada dos romanos ata hai só douscentos anos, chamarase territorio dos Célticos Supertamáricos, Condado de Carnota ou Partido do Pindo.

Sen dúbida isto engade un punto de vista novo e moi interesante ao debate aberto sobre a comarcalización do noso país e a fusión dos concellos, un legado dos tempos en que as cousas se facían cos pes na Terra e non con artificios políticos e localistas.

Traslación ao mapa actual

11/04/16

O Geolodía 2016 será no Monte Pindo


Desde hai uns anos o Monte Pindo, macizo granítico de 350 millóns de anos, vense consolidando coma un referente nacional e mundial da disciplina científica da xeoloxía, ata o punto de que unha tese doutoral dedicada case integramente a este espazo natural defende que o Olimpo Celta ten unhas formacións xeolóxicas cuxo interese nada ten que envexar ás arquicoñecidas formacións do parque Yosemite en California (EUA), Castle Rock en Idaho (EUA), ou Kangaroo Island en Australia. De feito, os espeleotemas das súas grotas graníticas están sendo estudados actualmente pola NASA. Por todo isto é merecedeiro actualmente da catalogación de Punto de Interese Xeolóxico (PIG-C-115) e firme candidato a converterse no primiro Xeoparque galego, complementariamente á -esperada- futura declaración de Parque Natural.

Cartel
Pois ben, a referencialidade xeolóxica do Olimpo Celta acaba de dar un novo salto. Cada ano a Sociedad Geológica de España adica un día á organización dunha xornada de divulgación xeolóxica chamada Geolodia, e para celebrar a edición correspondente ao 2016 elixiron o Monte Pindo, macizo granítico de 350 millóns de anos que constitúe un referente nacional e mundial da xeoloxía, e por onde un equipo de xeólogos do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal van guiar o domingo 8 de maio ao público que queira asistir polos seus sendeiros revelándonos todos os secretos do granito e da propia conformación xeolóxica do noso territorio e desta paisaxe sen igual. Contarán para este obxectivo coa nosa colaboración.

Para poder participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo a xeoloxia@udc.es.

Organizan a iniciativa o Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, da Universidade da Coruña, e a Asociación Monte Pindo Parque Natural. Coordinan, ademais da xa mencionada Sociedad Geológica de España, a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT) e o Instituto Geológico y Minero de España (IGME), do Ministerio de Economía e Competitividade, do Goberno de España. A iniciativa ademais conta coa financiación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), institución dependente tamén do Ministerio de Economía e Competitividade.

Pregunta de xeoloxía
Aproveitando que imos falar de xeoloxía, a nosa Asociación lanzou na súa páxina de Facebook unha pregunta aos seus membros: cal é o fenómeno xeolóxico que máis che chamou a atención nas túas visitas ao Monte Pindo? De momento vai gañando a Laxe da Moa, seguida pola Fervenza do Ézaro e o Xigante da Mina.

06/04/16

Google xa promociona o Monte Pindo como parque natural


Dicía Castelao que os costumes serán leis. Por iso, habitualmente atopámonos con que moitas das persoas que nos visitan están totalmente convencidas de que o Monte Pindo xa é parque natural, e mesmo fican perplexas cando lles explicamos que aínda non, que levamos 5 anos pedíndoo pero que a Xunta non quere: ninguén o entende. O mesmo acontece con moitas guías turísticas, algunhas de moito renome, que hai anos que anuncian o atractivo turístico e natural do Olimpo Celta coma se fose un parque natural máis da nosa comunidade. A nosa reivindicación aínda non callou no DOG, pero si na mentalidade colectiva do noso pobo.

Mais a asunción da nosa reivindicación foi moito máis aló agora que o xigante de Internet Google xa publicita o Monte Pindo coma parque natural, decisión que tiveron a xentileza de comunicarnos hai xa uns meses mediante unha chamada á nosa entidade desde as oficinas centrais de Google para Europa, radicadas en Dublín, a capital irlandesa.

Por iso, cando agora introduces no famoso buscador "Monte Pindo", o primeiro resultado é unha ficha do espazo natural cun mapa da zona, valoracións dos usuarios, información sobre o macizo... onde o espazo xa se clasifica como "parque natural". De momento isto só pasa cos resultados en español; en galego aparece como "reserva natural".

Unha simpática curiosidade que sen embargo nos axuda e moito a divulgar a nosa loita.

O apoio social á declaración do Monte Pindo como Parque Natural supera as 200 entidades

Poucas causas aglutinaron nas últimas décadas tantos apoios no tecido asociativo galego como é a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, que superaron esta semana as 200 entidades, fito alcanzado coa adhesión da Fundación Universidade da Coruña.

A captación deste tipo de apoios é, estatutariamente, unha das prioridades da Asociación Monte Pindo Parque Natural. E a súa acción este eido só pode calificarse de exitosa: desde a última Asemblea Xeral, que tivo lugar en novembro de 2012, os apoios colectivos incrementáronse un 111,34%, é dicir, o ritmo de adhesión non só non se enfriou con respecto á novidosa irrupción da nosa entidade no panorama, senón que aínda se dispararon.

Ademais, estes apoios proceden dos sectores máis variados. Aparte do agardado apoio das entidades relacionadas co ecoloxismo, produciuse a incorporación da totalidade das organizacións que funcionan no entorno do Parque Natural, incluíndo as propietarias do territorio afectado, o Concello de Carnota e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caldebarcos - San Cibrán. Ademais, recollemos multitude de apoios científicos e académicos, de organizacións deportivas e culturais... pero tamén do tecido empresarial, destacando a adhesión da totalidade das organizacións patronais que operan no ámbito comarcal da Costa da Morte. En total, a día de hoxe son 205 as organizacións sociais que nos teñen apoiado.

Neste mesmo tempo, nin unha soa asociación se ten pronunciado en contra da idoneidade da figura do Parque Natural como resposta ás problemáticas medioambientais do Monte Pindo de xeito que repercuta na mellora da calidade de vida da veciñanza, coa única excepción do Partido Popular, que empregou a súa maioría absoluta para tumbar a iniciativa ata en catro ocasións no Parlamento.

O gran volume de apoios colectivos de organización que representan a moitos miles de persoas, apuntalan unha loita que podería finalizar con éxito moi pronto.

04/04/16

A loita polo primeiro parque natural da Costa da Morte encara a recta final

A Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Monte Pindo Parque Natural desenvolta o pasado sábado no Concello de Carnota, serviu para, logo de 5 anos de traxectoria, promover unha gran renovación do máximo órgano de decisión, a Comisión Rectora.

Asemblea Xeral de Monte Pindo Parque Natural (CC)
Pero ademais, o debate que se viviu ao redor desta cita serviu para fixar os alicerces dunha loita que, coincidimos, afronta a súa recta final, ao agardarse que no prazo dun ano, cun posible cambio da correlación de forzas na Xunta, poida prosperar a ansiada declaración do Parque Natural. Consigo traerá a necesaria protección e desenvolvemento dun dos espazos naturais máis coñecidos e senlleiros do noso País, dun xeito que redunde na mellora socioeconómica das condicións de vida de toda a veciñanza do Olimpo Celta e do sur da Costa da Morte.

Valoramos os últimos anos de traballo e identificamos os deberes pendentes
Os informes de xestión e de finanzas defendidos pola Comisión Rectora saínte debullou a etapa 2013-2015 da Asociación, marcada pola súa consolidación como unha das entidades medioambientais e veciñais máis activas e referenciais non só a nivel local e comarcal senón mesmo a nivel nacional, e tamén polo protagonismo adquirido durante a catástrofe ecolóxica vivida no Monte Pindo en setembro de 2013, na que a entidade exerciu de auténtica portavoz da xente afectada.

Imaxe da última visita organizada ao Olimpo Celta (CC)
Nesta etapa a afiliación medrou un 20% con respecto ao periodo anterior, mentras que os apoios colectivos de organizacións e entidades disparáronse nun 80%. Asi mesmo produciuse neste tempo a maior constatación do gran nivel de apoio social á nosa reivindicación: a primeira enquisa sobre a nosa iniciativa, que reflectiu que arredor dun 75% da sociedade está a favor ou moi a favor da declaración do Monte Pindo coma Parque Natural, por só un 2,2% que di estar en contra.

Neste periodo a Asociación desenvolviu multitude de actos e iniciativas de divulgación e reivindicación do Monte Pindo, que foron valoradas tamén positivamente, ao igual que o altísimo nivel de coñecemento social e de proxección mediática que acadou a nosa entidade e as súas iniciativas. De cara o futuro marcámonos un dobre reto: reforzar o coñecemento das nosas iniciativas no eido máis próximo, o dos lugares sitos no entorno do Monte Pindo, e tamén deseñar actividades dirixidas a incrementar a sensibilidade medioambiental de nenos e nenas, pois aí está o futuro incipiente do Olimpo Celta e do medio ambiente galego.

Asi mesmo, valorouse necesario refrescar o compromiso co Monte Pindo das distintas forzas políticas que operan na nosa comunidade á marxe do PP -cuxa negativa a sumarse é de sobras coñecida-, e nomeadamente, as do arco parlamentario, para que pasadas as Eleccións galegas o Parque Natural sexa pronto unha realidade.

Finalmente, ambos Informes de Xestión e de Finanzas foron aprobados pola unanimidade das persoas asistentes.

Unha nova Rectora que tentará traballar máis e mellor
A única candidatura presentada pola afiliación de Monte Pindo Parque Natural para ocupar os postos da Comisión Rectora ampliada a 15 membros, e que supoñía unha renovación do 60% dos postos da directiva, obtivo a unanimidade dos apoios.

Asi, en adiante a Comisión Rectora pasará a estar conformada polas seguintes persoas:
  1. Xilberto Caamaño Beiro
  2. Mario Maceiras Dosil
  3. Merche Díaz Mayán
  4. Jorge Pérez González
  5. Xoán Lestón González
  6. Manuela Costa Casais
  7. Daniel Fernández Longueira
  8. Santiago Llecha Galiñanes
  9. Belén Pérez Martínez
  10. Juan Ramón Vidal Romaní
  11. Xosé Domínguez Caamaño
  12. Laura Caamaño Casais
  13. Juan Louro Cambeiro
  14. Sven Schwebsch
  15. Manuel Souto Barreiro
SUPLENTES
  1. Daniel Antonio Rodríguez Figueira
  2. Martiño-Fiz López Lindoso
A nova Comisión Rectora (CC)
A nova dirección componse por persoas naturais (13) ou de adopción (2) de lugares veciños do Monte Pindo que nos últimos anos estiveron moi activas e comprometidas coa protección do Olimpo Celta, sendo ou non da entidade. Unha vez elixida a nova Comisión Rectora reuniuse por primeira vez para propoñer a Xilberto Caamaño, Mario Maceiras e Merche Diaz para ocupar respectivamente presidencia, secretaría e tesoureiría da Asociación.

Adaptamos os nosos Estatutos aos novos tempos
Planta do local
A Asemblea Xeral da Asociación Monte Pindo retocou varios apartados dos seus Estatutos para axeitalos á realidade dunha loita que, cinco anos despois, superou as expectativas máis optimistas dos 10 membros fundadores. Asi, adoptou por unanimidade a decisión de incrementar ao nivel galego o ámbito unha Asociación concebida como local, dando asi resposta á maior dimensión actual da loita.

Asi mesmo, cambiamos a sede social, inicialmente radicada nun local particular, a un novo local cedido desinteresadamente polo Concello de Carnota e radicado na Praza da Solaina do lugar do Pindo. O local, que xa levamos meses acondicionando para converterse na nosa sede, ocupa a vivenda da docente da antiga escola unitaria, motivo polo que o denominamos cariñosamente Casa da Mestra.

A loita polo 1º parque natural da Costa da Morte encara a recta final
O Monte Pindo desde Fisterra (CC)
A sensación xeralizada dos asistentes é que a día de hoxe o éxito do noso leit motiv fundamental, a declaración do Parque Natural, só depende xa dun cambio político no timón da Xunta que pode estar por vir en poucos meses, pois as demais forzas do arco parlamentario, PSOE, BNG e as forzas que compoñen a coalición AGE, xa se teñen adherido publicamente á iniciativa, ao igual que a maioría das forzas que no 2012 non acadaron representación parlamentaria.

Porén xa temos máis que decidido que mesmo despois de obtermos a vitoria de ver publicado no DOG o Decreto que declare por fin o Parque Natural do Monte Pindo, a nosa entidade seguirá sendo necesaria, para lograr que a posta en marcha desta figura e os seus organismos se fagan do mellor xeito para evitar que se repitan os erros de base que se cometeron noutros parques naturais galegos, e para garantir que os investimentos e ferramentas de xestión se elaboren coa premisa de conservar os valores xeolóxicos, ecolóxicos, arqueolóxicos... pero tamén que redunden nunha máis que necesaria mellora da calidade de vida da veciñanza carnotá e do sur da Costa da Morte, pois estamos nun medio rural en franca regresión pola escasa industrialización e a falta de oportunidades de traballo.

En efecto un Parque Natural é unha figura de protección que -ao contrario das outras, que non deixan de ser de papel- obriga á administración a dedicarlle un investimento anual, e a constituir órganos de dirección, mantemento e garda do espazo natural. Isto suporía que sen incrementar as restriccións que xa ten impostas a veciñanza coa figura da Zona de Especial Conservación (ZEC, antigo LIC), o Monte Pindo e a súa área limítrofe verían unha xeración inmediata de postos de traballo directos e participarían no reparto duns dous millóns de euros anuais que hoxe levan os 6 parques naturais existentes. Unha mínima parte desta dotación servirían para resolver definitivamente varios dos problemas do Monte Pindo e do seu entorno, nomeadamente a falta de atención que o leva a sufrir periodicamente incendios completamente brutais, e a profusión de especies invasoras coma o eucalipto e as mimosas.  Pero, ademais, serviría para desenvolver substentábelmente toda a zona, cun incremento exponencial do turismo de calidade, a mellora de rutas e accesos, ou as subvencións á veciñanza para rehabilitar as súas vivendas e investir en novas oportunidades de negocio turísticas, deportivas, de ocio ou mesmo apícolas e de silvopastoreo, sen conlevar absolutamente ningún novo prexuízo nin para a veciñanza, os municipios nin os axentes sociais.

Nese obxectivo común convidamos a que se sume toda a veciñanza, axentes socioeconómicos e institucións que ainda non o fixeran pois neste proxecto no que cabemos todos temos moitísimo que gañar e absolutamente nada que perder.