A Comisión Rectora saínte (CC) |
Esta Asemblea servirá para escoller os novos membros que integrarán a nova Comisión Rectora, máximo organismo de decisión da entidade veciñal carnotá, que ademais se proporá ampliar de 10 a 15 membros. Rematou esta tarde o prazo de presentación de candidaturas coa presentación dunha soa lista conformada por 17 persoas, das cales só 6 aspiran a repetir á fronte da entidade, o que supón unha renovación do 60%. Asi, a entidade busca recoñecer e dar entrada na súa dirección a un grupo de persoas que nos últimos anos estiveron moi activas nas cuestións que ocupan ao Olimpo Celta, sen ser da Comisión Rectora ou nin sequera socias.
Na Asemblea ollaremos atrás para debater o Informe de Xestión 2013-2015, un período que estivo moi marcado polo catastrófico incendio de setembro de 2013 no que Monte Pindo Parque Natural tivo que asumir un inusitado protagonismo público, e que centrou máis dun ano da nosa traxectoria. No acto tamén se valorará o Informe de Finanzas 2013-2015 e importantes modificacións estatutarias, coma a ampliación da Asociación do ámbito local ao ámbito galego, máis acorde coa nosa dimensión, ou o traslado do noso domicilio social á Casa da Mestra, na antiga escola unitaria do Pindo (Carnota). O local foi cedido desinteresadamente polo Concello de Carnota e estámolo acondicionado para local social da nosa entidade desde hai meses.
Apoio social á declaración do Parque Natural (Fonte) |
Finalmente, a afiliación do Monte Pindo deberá trazar o seu futuro inmediato, coa confianza de que as vindeiras eleccións autonómicas que se prevén este mesmo ano resultarán nun cambio na correlación de forzas políticas no goberno galego, e poder rematar asi coa cerril negativa política do PP a sumarse á declaración do Monte Pindo como Parque Natural, iniciativa que vetou ata 4 veces no Parlamento (1, 2, 3 e 4), malia que a única estadística sobre este asunto (Instituto Sondaxe, 2014) reflicte que preto do 75% da poboación signifícase a favor ou moi a favor da idea, por tan só un 2,2% que di estar en contra. No mesmo sentido, a proposta rexistrou xa 181 adhesións de entidades de todo tipo, por só unha (o propio Partido Popular) que se postulou publicamente en contra. A saída do goberno galego do único axente social que impide o éxito da nosa proposta, só pode significar que no espazo duns meses o Monte Pindo se convirta, por fin, no 1º Parque Natural da Costa da Morte.