04/03/16

A falta de mantemento das tubaxes de Ferroatlántica ameaza as visitas á Fervenza

Nas últimas datas de choivas producíronse na parte baixa da bacia do río Xallas, xa logo do seu celebérrimo salto ao mar, unhas fortísimas escorrentías que causan un grave risco xeolóxico que afecta a zona de visitas na que conflúen cada ano centos de miles de visitantes para contemplar este magnánime espectáculo da natureza. Logo de seren analisadas por expertos, a conclusión é que as escorrentías non se deben a causas naturais senón que son provocadas por Ferroatlántica debido ao pésimo estado de conservación das tubaxes polas que a empresa conduce a auga que lle substrae ao río para producir enerxía, e cuxas numerosas fugas e deficiencias provocan en época de choivas auténticas riadas que comprometen a seguridade na zona, danando a pasarela pública que permite achegarse ao enclave e a provocando un risco xeolóxico grave de desprendementos de rochas que calquera día poden causar unha auténtica desgraza ás persoas que visitan o enclave, e que son por completo alleas ao perigo real que pende sobre as súas cabezas.

As tuberías brancas que conducen a auga con destino á producción hidroeléctrica por Ferroatlántica foron polémicas desde o mesmo momento da súa instalación, pois durante a mesma non se tivo en conta o impacto medioambiental e visual dunhas infraestructuras que transformaron unha paisaxe natural única dun incalculábel valor medioambiental e turístico nunha paisaxe industrial. Tradicionalmente circularon propostas para cando menos disimular os tubos, pintándoas dunha cor máis acorde co entorno ou cubríndoas cunha cuberta vexetal. Sen embargo a empresa nunca tivo en conta estas peticións a pesar da súa facturación multimillonaria.

Aspecto que ofrecía antigamente a Fervenza
Asi, volvemos comprobar como en pleno século XXI unha empresa parece ter carta blanca para facer o que lle da a gaña co noso medioambiente, destruir o patrimonio público, secar o río cando lle interesa poñendo horario de apertura a un fenómeno natural único en Europa, e incluso por en risco innecesariamente ás persoas que tentan disfrutar da nosa natureza.

Urxe tomar medidas
A Asociación Monte Pindo Parque Natural urxe á empresa Ferroatlántica a poñerse a traballar de inmediato para subsanar estas cuestións, con cando menos cinco medidas necesarias:
  • Reparación das fugas das tuberías e reforzo do seu mantemento para que non se repitan no futuro.
  • Avaliación do risco de desprendementos de rochas na ladeira e instalación de mallas tensionadas de protección nos tramos con perigo inminente.
  • Reparación dos danos provocados á pasarela da fervenza e ao patrimonio da zona.
  • Nova sinalización advertindo do perigo de avalanchas e escorrentías no Ézaro en época de choivas abondosas.
  • Posta en marcha dun plan de redución do impacto visual e paisaxístico das tuberías.
Nin o bo facer dun profesional pode disimular os tubos. Autor.
Desde logo con parte dos pingües beneficios da actividade que Ferroatlántica desenvolve no lugar son máis que suficientes non só para facerse cargo dos danos senón para financiar todas estas actuacións que sen dúbida mellorarían non só a calidade medioambiental do entorno do coaduiro do Xallas senón tamén o potencial de desenvolvemento turístico e socioeconómico de Carnota e Dumbría principalmente; un custe mínimo que a empresa debería estar disposta a pagar á veciñanza en compensación por que lle presten un dos seus recursos turísticos máis valiosos para a produción de enerxía.

Vidal Romaní denunciou a situación en España Directo
O xeólogo e colaborador de referencia da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xoán Ramón Vidal Romaní, expuxo a situación no programa "España Directo" da televisión pública estatal a partir do minuto 7:30 de programa.