Fragmento orixinal da vasilla |
Un dos restos mellor conservados e máis interesantes consiste no labio dunha vasilla cerámica decorada de tipo campaniforme, estilo que definiu toda unha cultura dentro do Neolítico, e que xa foi datada entre 6 e 8 mil anos de antigüidade polo método da termoluminiscencia (TL) no Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, cuxos resultados publicaron no traballo Datación por termoluminiscencia de cerámicas de cuevas y cavidades graníticas en el NW de la Península Ibérica, que demostraba ademais que o Monte Pindo estivo habitado case continuamente. Esta, ademais, sería a primeira cova granítica da provincia da Coruña cun xacemento arqueolóxico.
Agora, a reprodución do aspecto que puido ter orixinalmente a vasilla chega ás nosas mans grazas ás proxeccións de Vidal Romaní e do ceramista Manuel Miranda, que asumiron o reto de devolver á vida un anaco importante da nosa Historia máis remota. Ademais, á vista do interese xerado pola reprodución nas redes sociais, a Asociación abrirá un prazo limitado para que quen o desexe poida facerse cun exemplar desta reprodución, o que se poderá facer presentando unha reserva na páxina tenda.montepindo.gal ata o 15 de marzo de 2016.
Vidal Romaní fala da peza en V Televisión (minuto 25:50)