Parte da inscrición |
Esta é a primeira hipótese sobre a transcrición deste gravado granítico, que desde o principio pensamos que debía corresponderse coa data fundacional ou refundacional da ignota capela. É responsabilidade de Helena Gimeno, experta epigrafista da Universidad de Alcalá, para quen a lectura do texto podería indicar "† ERA 1140", é dicir, ano 1102 da nosa era. A experta, que consultamos grazas á mediación do licenciado en Historia e doutorado en Historia Medieval pola USC, José Carlos Sánchez Pardo, amosouse interesada en confirmar esta lectura in situ.
Sobre o feito de que a inscrición se atope ao revés, coma se fixese falta un espello para podela ler correctamente, o que acrecenta o misterio en torno ao gravado, a experta da Universidade de Alcalá amosouse desconcertada, asegura que é a primeira vez que ve unha inscrición similar e que a única explicación que se lle ocurre é que se deba a un erro da persoa encargada de gravar o texto.
Unha nova hipótese sobre a ermida parece cobrar forza
Se a lectura é correcta, o que quedaría pendente dunha comprobación sobre o terreo, a ermita tería cando menos nove séculos de historia e situaríase coherentemente coa auxe do Monte Pindo e do Condado de Carnota na Idade Media, e nomeadamente coas primeiras referencias ao Castelo de San Xurxo. De feito, esta cronoloxía da forza a unha nova e plausíbel hipótese de traballo sobre a ermida.
Mapa de 1623 no que aparece "S. Pedro pin." |
Restos da ermida |
En calquera caso, son boas novas para os amantes do Monte Pindo e da Historia galega. A Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra esta nova pista sobre unha ermida da que pouco ou nada se sabía, toda vez que nunca foi investigada desde un punto de vista arqueolóxico nin histórico, o que agardamos que aconteza axiña pois non se comprende que desde as administracións que todos financiamos para velar polo noso patrimonio sigan impasíbeis ante o seu abandono e que teña que ser a sociedade civil quen supla o que debería facer persoal especializado que está cobrando un soldo público para isto.