23/02/16

A enigmática inscrición da ermida do Pindo podería sinalar o ano 1102

Parte da inscrición
A xa famosa inscrición descuberta pola Asociación Monte Pindo Parque Natural a carón dos restos arqueolóxicos da ermida do Monte Pindo, e que xerou gran interese na comunidade científica por ser única e estar escrita ao revés, sinalaría o ano 1102.

Esta é a primeira hipótese sobre a transcrición deste gravado granítico, que desde o principio pensamos que debía corresponderse coa data fundacional ou refundacional da ignota capela. É responsabilidade de Helena Gimeno, experta epigrafista da Universidad de Alcalá, para quen a lectura do texto podería indicar "† ERA 1140", é dicir, ano 1102 da nosa era. A experta, que consultamos grazas á mediación do licenciado en Historia e doutorado en Historia Medieval pola USC, José Carlos Sánchez Pardo, amosouse interesada en confirmar esta lectura in situ.

Sobre o feito de que a inscrición se atope ao revés, coma se fixese falta un espello para podela ler correctamente, o que acrecenta o misterio en torno ao gravado, a experta da Universidade de Alcalá amosouse desconcertada, asegura que é a primeira vez que ve unha inscrición similar e que a única explicación que se lle ocurre é que se deba a un erro da persoa encargada de gravar o texto.

Unha nova hipótese sobre a ermida parece cobrar forza
Se a lectura é correcta, o que quedaría pendente dunha comprobación sobre o terreo, a ermita tería cando menos nove séculos de historia e situaríase coherentemente coa auxe do Monte Pindo e do Condado de Carnota na Idade Media, e nomeadamente coas primeiras referencias ao Castelo de San Xurxo. De feito, esta cronoloxía da forza a unha nova e plausíbel hipótese de traballo sobre a ermida.

Mapa de 1623 no que aparece "S. Pedro pin."
En 1109, só sete anos despois da inscrición, Pedro Froilaz de Traba, patriarca da Casa de Traba, testifica coma Conde de San Xurxo e Marítima: Petrus Froilaz comes in Sancto Iurgio et in (Mari)tima, confirmat. Existe consenso de que San Xurxo sería o castelo sito no veciño pico do Pedrullo, mandado erixir por orde de Sisnando II no seu proxecto de fortificación das costas galegas das continuas incursións piratas. Asi pois, se este doou o castelo ao nobre Pedro Froilaz, parece plausíbel pensar que este dedicara ao seu propio santo, San Pedro, unha ermida nas proximidades. De feito, San Pedro da nome aínda hoxe á praia da localidade, foi o nome que tivo a igrexa construída séculos despois no mesmo lugar do Pindo ata a construción da igrexa de San Clemente. Outro dato que podería confirmar esta hipótese é un mapa de 1623 no que aparece unha igrexa de "San Pedro" situado ben separado da costa, e que podería sinalar esta ermida.

Restos da ermida
Pola contra, un dato que parece sinalar que a ermida foi construída moito antes é cando no ano 830 aparece na relación de igrexas de Abade Tructinio do reino de Afonso II: "in Carnota ecclesia Pintani in Sentes". De tratarse da mesma edificación, a inscrición de 1102 podería sinalar máis ben unha reconstrución da ermida.

En calquera caso, son boas novas para os amantes do Monte Pindo e da Historia galega. A Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra esta nova pista sobre unha ermida da que pouco ou nada se sabía, toda vez que nunca foi investigada desde un punto de vista arqueolóxico nin histórico, o que agardamos que aconteza axiña pois non se comprende que desde as administracións que todos financiamos para velar polo noso patrimonio sigan impasíbeis ante o seu abandono e que teña que ser a sociedade civil quen supla o que debería facer persoal especializado que está cobrando un soldo público para isto.

16/02/16

Preséntase a reprodución dunha vasilla de 7 mil anos atopada no Monte Pindo

O profesor Xoán Ramón Vidal Romaní e un ceramista lucense veñen de materializar a reprodución dunha vasilla campaniforme neolítica, datada por termoluminiscencia en 7.050 (+/-860) anos, e cuxos restos apareceron durante unha excursión hai xa oito anos do propio profesor e o Clube Espeleolóxico Maúxo nunha cova do Monte Pindo, entre outras pezas cerámicas que están depositadas fóra do espazo visitábel do Museo Arqueolóxico da Coruña.

Fragmento orixinal da vasilla
Trátase dos restos arqueolóxicos máis antigos descubertos no Monte Pindo ata o momento, e confirmaría a presenza humana nas grotas do Olimpo Celta cando menos desde o Neolítico.
Un dos restos mellor conservados e máis interesantes consiste no labio dunha vasilla cerámica decorada de tipo campaniforme, estilo que definiu toda unha cultura dentro do Neolítico, e que xa foi datada entre 6 e 8 mil anos de antigüidade polo método da termoluminiscencia (TL) no Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, cuxos resultados publicaron no traballo Datación por termoluminiscencia de cerámicas de cuevas y cavidades graníticas en el NW de la Península Ibérica, que demostraba ademais que o Monte Pindo estivo habitado case continuamente. Esta, ademais, sería a primeira cova granítica da provincia da Coruña cun xacemento arqueolóxico.

Agora, a reprodución do aspecto que puido ter orixinalmente a vasilla chega ás nosas mans grazas ás proxeccións de Vidal Romaní e do ceramista Manuel Miranda, que asumiron o reto de devolver á vida un anaco importante da nosa Historia máis remota. Ademais, á vista do interese xerado pola reprodución nas redes sociais, a Asociación abrirá un prazo limitado para que quen o desexe poida facerse cun exemplar desta reprodución, o que se poderá facer presentando unha reserva na páxina tenda.montepindo.gal ata o 15 de marzo de 2016.

Vidal Romaní fala da peza en V Televisión (minuto 25:50)