16/12/15

Compatibilizar usos, a clave do Olimpo Celta do futuro: Crónica do IV Simposium

Un momento do debate aberto con todos os poñentes
O sábado tivo lugar no Pindo o IV Simposium Monte Pindo. Neste acto ao que asistiron en distintos momentos da xornada preto dun cento de persoas en total, participaron expertos de todos os eidos con diferentes puntos de vista, que se encargaron de remarcar o enorme potencial socioeconómico que ten o noso monte en si mesmo senón e por todo o que emblemáticamente representa na historia do noso País.

Cada intervención fixo especial fincapé nunha área, pero sendo tamén coñecedores dos outros valores do Olimpo Celta. dando lugar a profundizar en cuestións moi diversas mais complementarias entre si para acadar o desenvolvemento e a protección do Monte Pindo. A sensación que se percibiu ao remate é que ao longo do Simposium se ían debullando diferentes obxectivos que se perseguen e que é necesario compatibilizar polo ben común do medio ambiente e da veciñanza.

Luis Costa foi o mellor antídoto contra a desinformación
A mesa formárona Manuela Costa, veciña do Pindo e profesora de Xeografía pola USC, que expuxo o valor xeolóxico do monte na súa esencia: a pedra, para o que propuxo desenvolver a figura internacional do Xeoparque, que sería única en Galicia. Jorge Pérez, veciño do Ézaro e enxeñeiro de montes, analisou o potencial forestal do noso monte no contexto da actual situación derivada do lume e da eucaliptización do Monte Pindo. Luis Costa, traballador do Parque Natural das Fragas do Eume do que foi director ata hai dous anos e que tivo a xentileza de acudir a este acto a título personal como mostra de solidariedade, fixo a labor de formador e explicou de maneira clara e concisa o que é un Parque Natural e o que esta figura representa para toda a poboación, asi coma os enormes beneficios económicos que esto suporía para a veciñanza coa creación de varios postos de traballo (no caso de Fragas do Eume son 16 dos que máis da metade son naturais da zona), ou as axudas a veciños e aproveitamentos económicos que no caso das Fragas ascenderon a case 800.000 euros o último bienio. Asi, este funcionario da Consellería de Medio Ambiente converteuse nun auténtico antídoto contra os prexuízos divulgados interesadamente entre a veciñanza sobre supostos problemas dos parques naturais para os veciños, pois simplemente non existen. O ceense César Pérez, veterinario e experto en silvicultura, puxo a ollada nas posibilidades que o silvopastoreo ofrece para crear emprego, economía e valorización dos nosos montes, o que ilustrou con varias explotacións que xa están funcionando satisfactoriamente na nosa bisbarra. A palestra da enxeñeira técnica agrícola ceense Belén Pérez non puido ter lugar por problemas de saúde, malia que quixo acompañarnos durante o evento, entre o público. Por último,  pero non por iso menos importante, cabe destacar a participación espontánea de José RodríguezPepe do Fieiro, gran referente por ser o último cabreiro vivo do Monte Pindo, tamén presente no público que e representa a memoria viva, a historia e o patrimonio inmaterial do noso monte, a veces o máis esquecido. O acto contou ademais coas intervencións de presidente e tesoureira de Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño e Merche Díaz que presentaron o acto, e foi clausurado polo alcalde carnotán, Moncho Noceda, que refrescou o compromiso da corporación municipal con esta causa.

En fin, o Simposium foi unha xornada na que se tratou de mostrar a inquedanza de moitas persoas de acadar a declaración de Monte Pindo como Parque Natural e de desenvolver o Olimpo Celta desde distintos puntos de vista para crear oportunidades económicas e de traballo para a xente do lugar.

O colofón foi un foro de debate aberto con participación de todos os poñentes que cumpriu o seu obxectivo de dar a palabra á veciñanza e poñer de manifesto as diferentes posturas existentes en torno á cuestión do Olimpo Celta, e deixou claro que é posible o entendemento e o consenso entre todas as partes se todos colaboremos co noso pequeno “gran de area” para acadar un desexo que absolutamente toda a veciñanza comparte, que se lle recoñeza o Monte Pindo o inmenso valor que posee en todos os seus aspectos.
Entrevista en "Hora 14" da Cadena SER

10/12/15

Monte Pindo agarda que o seu cuarto Simposium despexe definitivamente as dúbidas da veciñanza

Cartel do IV Simposium Monte Pindo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural confía en que o IV Simposium Monte Pindo que se celebrará este sábado 12 desde as 11:00h no Pósito do Pindo, servirá para despexar definitivamente as dúbidas e prexuízos que parte da veciñanza aínda poida ter sobre o Parque Natural.

Cinco anos despois as enquisas amosan un apoio social practicamente unánime e segue sen alzarse unha soa voz autorizada en contra desta medida que xa conta co respaldo de 181 entidades de todo tipo; de feito a negativa limítase exclusivamente ao PP, quen ademais de tumbala ata catro veces no Parlamento Galego orquestou durante anos unha campaña difamatoria na localidade sobre os propios Parques Naturais e as propostas e motivacións da nosa entidade veciñal, campaña que aínda ten o seu pouso entre parte da veciñanza que segue a ver con receo e prexuízos unha iniciativa que só pretendeu desde o seu inicio o progreso do núcleo do Pindo, do municipio de Carnota e de todo o seu entorno da Costa da Morte.

Precisamente neste sentido iniciativas coma o Simposium Monte Pindo, que se celebra por cuarta ocasión despois de visitar en edicións anteriores as localidades de Carnota, Caldebarcos e Lira, forma parte do inxente esforzo por socializar e debatir as propostas do colectivo de defensa do Monte Pindo para informar sen intermediarios á veciñanza das súas propostas, e desmontar as mentiras e manipulacións que determinadas persoas politicamente interesadas no fracaso da iniciativa veciñal puxeron a circular sobre este asunto.

Neste aspecto a entidade veciñal Monte Pindo agarda que o Simposium servirá para desmontar definitivamente mitos coma que o Parque Natural suporá limitacións adicionais á veciñanza (cando polo nivel de protección actual xa lle aplican todas as limitacións posibles, pero sen os beneficios dun Parque Natural) e tamén vai demostrar que esa proposta non pretende pechar ningunha porta senón abrir todas as das múltiples oportunidades económicas e de emprego que pode supoñer para a veciñanza, e non só as directas derivadas da xestión dun Parque Natural, senón as indirectas para a hostalería derivadas do exponencial incremento que se prevé nas visitas, ou das posibilidades de que calquera veciño poida dedicarse ao aproveitamento dos seus valores xeolóxicos, forestais, silvícolas, apícolas, e mesmo para a práctica do deporte e o lecer na natureza.

Para iso contaremos cun nutrido elenco de expertos, destacando unha forte presenza de persoas naturais do municipio e do entorno, entre os que podemos destacar, aparte dos directivos da Asociación Merche Díaz Mayán e Xilberto Caamaño Beiro que presentarán e explicarán a traxectoria da mesma, á profesora de xeografía tamén natural do Pindo, Manuela Costa Casais, que falará sobre como se pode xestionar o inmenso valor xeomorfolóxico da zona, o veciño do Ézaro e enxeñeiro de montes Jorge Pérez González para explicar o seu potencial forestal e madeireiro, ou os irmáns Belén e César Pérez Martínez de Cee, enxeñeira técnica agrícola e veterninario respectivamente, que explicarán o potencial que ten o Olimpo Celta a nivel silvícola e agrogandeiro. Porén, unha das ponencias clave da xornada será sen dúbida a intervención de Luis Costa Pérez, pois coma funcionario da Consellería de Medio Ambiente e Director e Conservador do Parque Natural das Fragas do Eume entre 2006 e 2012 coñece mellor que ninguén os entresixos da xestión dun Parque Natural e as oportunidades directas que suporá a nivel de xeración directa de emprego.

Por suposto, outro dos momentos máis agardados será o debate aberto de rigor onde calquera asistente pode plantexar as súas dúbidas, suxerencias e críticas á Asociación ou a calquera dos poñentes, e que nos últimos actos da entidade veciñal serviu para sumar moitísimos novos apoios a esta reivindicación histórica da veciñanza de Carnota, pois seguimos cinco anos despois sen escoitar nin un só argumento irrebatible que desaconselle a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. Moderará este debate o secretario da entidade, Mario Maceiras Dosil, natural de Lira.

Coa despedida por parte do alcalde de Carnota Ramón Noceda Caamaño, activo defensor desta proposta veciñal desde o seu retorno á política en 2011, daremos por clausurada unha xornada que agardamos sirvan para reforzar os cimentos de un proxecto veciñal que seguimos a construir entre todas e todos os que teñamos amor polo pobo e queiramos deixar aos nosos descendentes un Monte Pindo máis coidado, protexido, bonito e desenvolvido para o ben de veciñanza e visitantes.

Só cabe lembrar que a participación nesta actividade é totalmente aberta, libre e gratuita.
Cuña de radio

03/12/15

IV Simposium Monte Pindo: O Olimpo Celta a debate

Cartel do IV Simposium Monte Pindo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, en colaboración co Concello de Carnota e a Confraría de Pescadores do Pindo, comprácese en convidarte a participar o vindeiro sábado 12 de decembro, a partir das 11:00 horas, no Pósito do Pindo, ao IV Simposium Monte Pindo: o Olimpo Celta a debate.

Esta xa cuarta edición do Simposium Monte Pindo centrarase especialmente, nesta ocasión, nas novas oportunidades económicas e de emprego que o Monte Pindo e o futuro primeiro Parque Natural da Costa da Morte xerarán no seu entorno. Para iso contaremos coas intervencións dun variado elenco de especialistas (cabendo salientar unha nutrida presenza de naturais do Pindo e entorno) que afrontarán esta temática tan interesante para o público xeral desde as distintas perspectivas, coma poden ser as oportunidades que un Olimpo Celta protexido e desenvolvido permitirá para o aproveitamento substentabel agrogandeiro, forestal e madeireiro, turístico, histórico e xeolóxico... e por suposto os postos de traballo e beneficios directos derivados da declaración do Parque Natural.

Coma sempre, ademais das charlas, proxeccións e audiovisuais, a cita destinará un tempo para o debate para que todo quen o desexe poida dirixir as súas dúbidas, preguntas ou suxestións á Asociación ou a calquera dos intervintes.

A participación é -coma vén sendo habitual nas actividades da Asociación Monte Pindo- libre e gratuita, se ben pídese que quen desexe participar no xantar llo comunique á Asociación con suficiente antelación para prever o número de comensais.

Con este evento a Asociación Monte Pindo Parque Natural refresca a súa aposta pola Ciencia pois só dun máis amplo do coñecemento do Monte Pindo pode partir o respecto polos seus valores e por tanto a súa posta en valor de xeito que beneficie a toda a sociedade, e renova o seu compromiso coa información e a participación veciñal, pois a veciñanza é precisamente a destinataria de todos os seus esforzos.
PROGRAMA
-11:00h. Introdución e presentación: Merche Díaz Mayán (O Pindo) Secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo e tesoureira de Monte Pindo Parque Natural
-11:15h. A nosa traxectoria: Xilberto Caamaño Beiro (O Pindo) Presidente de Monte Pindo Parque Natural
-11:45h. O estado forestal do Monte Pindo e as oportunidades de futuro na madeira: Jorge Pérez González (Ézaro) Enxeñeiro de Montes, máster de Medio Ambiente e Recursos Naturais, ex-xefe de Brigada Forestal e directivo da Asociación Monte Pindo Parque Natural
-12:30h. Descanso
-13:00h. Como é un Parque Natural? Luis Costa PerezDoutor en Ciencias Biolóxicas. Funcionario da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (Xunta de Galicia). Director-Conservador no Parque Natural Fragas do Eume (2006-2012).
-14:00h. Xantar
-16:30h. Valoración e xestión do patrimonio xeomorfolóxico do Monte Pindo: unha paisaxe como símbolo de identidade: Manuela Costa Casais (O Pindo) Profesora no Departamento de Xeografía, na área de Xeografía Física. Facultade de Xeografía e Historia. Universidad de Santiago de Compostela
-17:15h. O Silvopastoreo no Monte Pindo e outras oportunidades económicas no futuro Parque Natural: Belén Pérez Martínez (Cee) Enxeñeira técnica agrícola pola Universidad de Santiago de Compostela e César Pérez Martínez (Cee) Veterinario pola Universidad de Santiago de Compostela, traballa en proxectos de gandeirías en extensivo galegas
-18:15h. DEBATE ABERTO Modera: Mario Maceiras Dosil Secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural
-19:00h. Acto de clausura. Ramón Noceda Caamaño Alcalde de Carnota

29/10/15

A UDC adhírese á loita polo Parque Natural

Logo da UDC
A Universidade da Coruña (UDC) acaba de comunicarnos a súa adhesión oficial á iniciativa para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. O acordo, trasladado á nosa entidade polo seu secretario xeral Carlos Amoedo, adoptouse no Consello de Goberno o pasado 27 de outubro.

Contido do acordo
A UDC convírtese asi na primeira das tres universidades galegas que apoia oficialmente a declaración do Parque Natural, aínda que agardamos que en breve o fagan tamén a USC e a UVIGO que o tratarán proximamente nos seus órganos de goberno. A nivel individual xa teñen apoiado unha trintena de académicos das tres institucións asi coma varios grupos universitarios.

A Asociación Monte Pindo celebra esta adhesión crucial para a loita do Parque Natural que para nós supón un recoñecemento a cinco anos de traballo e que nos permitirá colocar o emblemático logo da prestixiosa universidade herculina na portada das nosas iniciativas. Asi mesmo agardamos que o acordo sente as bases dunha futura colaboración co colectivo de defensa do Olimpo Celta en diversas iniciativas de recuperación e posta en valor do Espazo Natural Protexido.

28/10/15

J. Figueroa Domenech: "Un gran salto de auga. Os misterios do Pindo" (1924)

Luis Lamela. Fonte: Galipedia
Por cortesía de Luis Lamela, historiador e posuidor dun extraordinario arquivo histórico da Costa da Morte, e que se prestou a colaborar coa Asociación Monte Pindo Parque Natural no que ao Olimpo Celta poida abranguer da súa extensa hemeroteca, hoxe temos a honra de presentar unha das primeiras descricións do Monte Pindo na que o seu narrador realmente percorriu os sendeiros do escarpado macizo carnotá. Dicimos isto porque a maior parte dos testemuños dos que quedou constancia escrita non chegaran a subir ao espazo, senón que o describiron por referencias e historias que lle contaron. Isto confire un valor excepcional ao artigo que estades a piques de ler.

Trátase dun artigo de prensa titulado "Un gran salto de agua. Los misterios del Pindo", asinado en Madrid e publicado no Ideal Gallego do 22 de setembro de 1924 por J. Figueroa Domenech, natural do Pindo que xa editara en México Guía general descriptiva de la República Mexicana en 1899 e Veinte meses de anarquía en 1913. Publicamos respectando a grafía tal e coma a transcribiu Lamela.
Un gran salto de agua. Los misterios del Pindo.
Revista Alborada, (Buenos Aires, 1931). Cortesía de Luis Lamela
Cuando los azares de mi vida, que no las bienandanzas, me llevan al querido rincón donde yo nací y mis padres murieron, prefiero llegar a él por el mar a recorrer los noventa y ocho kilómetros de triste y retorcida carretera que median entre Corcubión y La Coruña; y no lo prefiero tan solo por la mayor comodidad del medio locomotivo, sino también por gozar del grandioso panorama que ofrece la amplia rada de Finisterre.
Al poniente, el cabo de Finisterre, yergue y recorta su lomo en el horizonte con lineas de fuego cuando el Sol desciende al ocaso y entristece el ánimo con el silencio de las lontananzas; pero al Este la imponente mole granítica del Pindo, retumba incesantemente repitiendo con los ecos el estruendo de la cascada del Ezaro.
Nada hay comparable en España a este magnífico salto de agua, ya que se le mire desde el punto de vista estético de la Naturaleza, ya que se le contemple con los ávidos ojos del ingeniero industrial que persigue el hallazgo de fuerzas mecánicas. Es una masa líquida inmensa que se precipita por un tajo del Pindo a más de 50 metros de altura, y forma en el suelo un profundo y ancho río que apenas recorre 300 metros para llegar al mar. Al choque formidable de sus aguas se eleva una nube de vapor que en las rocas más altas se condensa y resbala de nuevo hasta el fondo en multitud de argentados hilos.
Contemplando este salto desde donde no llega su continuo rumor de trueno, parece una cascada de grandes y blancos copos de algodón que ruedan incesantemente al precipicio; y cuando en la tarde los rayos del Sol la hieren oblicuamente, aparecen sobre las espumas los brillantes colores del Iris, como si la Naturaleza quisiera ofrecer en aquel fenómeno una bellísima alegoría de la Paz y el Trabajo.
La cumbre de donde se desprende la catarata es una montaña de muy poca base por el lado del mar y de grande elevación, formada por aglomeraciones de rocas graníticas de colosales dimensiones en su mayor parte, que ofrecen formas caprichosas y aparentan variados objetos. Allí se admira la “Nave y el busto de Carlos III”, monolitos enormes que se mantienen en extraño equilibrio y que vistos desde el pie de la montaña justifican su nombre. Muchas de estas rocas suelen rodar a impulsos del rayo que aquellas faldas casi verticales, hasta hundirse en el mar; y la montaña misma, con su verticalidad tan extremada, parece, cuando vuelan por el cielo rápidamente las nubes que se vuelca sobre el observador.
Su punto más culminante es una meseta de cincuenta o sesenta metros por cada lado, constituida por una sola roca aplanada con anfractuosidades que imitan la corona tuberculosa de una muela, y “moa” se llama en el dialecto del país. Su altura, midiendo muchos centenares de metros sobre el nivel del mar, que es su propia base, y sus faldas casi perpendiculares al suelo, desafían la acerada musculatura del más famoso alpinista, y por esto no es frecuente que la visiten más que los pastores cuando persiguen alguna extraviada res. De personas ilustres, cuyos talentos hicieron útil la ascensión y que la hayan emprendido, sólo tengo noticias de don Gaspar M. de Jovellanos, que exploró ligeramente aquellas cumbres, encontrando algunos objetos célticos que regaló a los museos. Después de este sabio, si alguien escaló tales alturas, fue únicamente buscando la emoción estética que produce un panorama de 100 millas de radio que se distingue desde la cúspide.
Yo también “tuve el honor” de ascender a la Moa y de profanar, casi inconscientemente, con mi planta, los numerosos dólmenes que se encuentran por aquellos sitios guardando, seguramente, antiquísimos huesos humanos, más para llegar a ellos, tuve que escalar restos de ciclopeas murallas, inexpugnables fortificaciones construidas quien sabe por quién, en qué tiempos y en defensa de qué enemigos... ¡Lástima que mis escasos conocimientos, entonces aún más escasos que ahora, no me permitieran sacar fruto científico de aquella fatigosa jornada.
Mis exploraciones juveniles por tales riscos, vericuetos y precipicios, al hacerme ver la aridez y pobreza aparente del país, pusieron en mi mente una pregunta que ni los hombres ni los textos, ni las tradiciones, pudieron contestarme todavía.
¿A qué vinieron allí tantas y tan variadas inmigraciones?
Fenicios, griegos, cartagineses, romanos y turcos, arribaron en muchas ocasiones a las playas del Pindo y Finisterre, desembarcaron y permanecieron temporadas más o menos largas en aquellos sitios, y aun lucharon entre sí por su conquista, como lo demuestran los vestigios de poblaciones destruidas y de fortificaciones en la Moa; siendo curioso observar que Corcubión no fue fundado por aquellos pueblos antiguos que despreciaron su abrigado puerto para quedarse en las costas bravas y rompientes playas del Pindo y Finisterre, donde fundaron y poblaron Duyo, Estorde, Pindo, Carnota, Lira, Quilmes y otros lugares que hoy son tan solo míseras aldeas, y cuyos nombres helénicos demuestran que fueron los griegos los que durante más tiempo permanecieron en aquellos lugares ásperos y desolados.
¿Por qué tan extraña conducta?
Es indudable que el país encerraba entonces grandes riquezas naturales que atraían a gentes aventureras, riquezas que debieron ser de naturaleza mineral, bien que consistieran en metales finos o tal vez en piedras preciosas, porque no es creíble que desde los confines remotos del Mediterráneo vinieran los griegos y los fenicios a pescar sardinas en la rada de Finisterre, única fuente de riqueza que hasta hoy habíamos conocido allí.
El monte del Pindo ofrece, pues, un secreto industrial y un misterio científico que fuera bueno descubrir. La tradición asegura que estuvo poblado de espeso bosque que un incendio formidable destruyó. Muchos indicios corroboran la tradición, como son las piedras, de blanco azulado al interior, ostentando por fuera el color de la calcinación; los abundantes retoños de robles u encinas que brotan entre las rocas y no se desarrollan por falta de humus y que parecen proceder de antiguas y profundísimas raíces; los troncos enormes de árboles completamente carbonizados y semipetrificados, que a veces suben a la superficie desde el fondo de la olla donde se precipita la cascada.
Pero este aspecto del Pindo debió ser muy anterior a las primeras inmigraciones; después un horrendo terremoto dislocó las capas, echó fuera las rocas y desprendió los vegetales que se secaron y fácilmente incendió el rayo. Los minerales quedaron así, sí los hay o los hubo, bajo el granito, y el interior de la montaña lleno de oquedades y grandes cavernas, guardando quizás, las ignoradas riquezas que a buscar venían las naves de los antiguos griego y fenicios.
El margen izquierdo de la cascada es un muro de granito, vertical y de superficie lisa, que mide más de 100 metros de altura y ofrece en su mitad un extraño fenómeno. Allí se ve disminuida por la altura en sus proporciones, la boca de una galería que por su forma llaman la Ventaña. Es accesible únicamente para las aves, y sin embargo, en una ocasión se vio en ella una cabra que balaba lastimeramente al borde del espantable precipicio. Para explicarse este hecho hay que suponer que la galería perfora toda la montaña y tiene alguna otra entrada oculta entre las rocas.
Hoy, a causa del admirable progreso de las ciencias, vuelve aquella región a ser valiosísima aun prescindiendo de las riquezas que pueda ocultar el subsuelo, porque los quince o veinte mil caballos de fuerza que ofrece la cascada empiezan a ser aprovechados para la industria.
Hace ya bastantes años que una compañía extranjera practicó una sangría en la cascada de 5.000 caballos de fuerza para mover una fábrica de carburo de calcio, sin que el grandioso aspecto del fenómeno sufriese disminución aparente. Y por eso suponemos que las múltiples empresas que andan en busca ansiosa de saltos de agua útiles a la industria moderna, no se habrán olvidado de aquel gigantesco motor natural.
Aparte el lado práctico que ofrece la cascada del Pindo, hay allí un secreto científico que descubrir, y ojalá el ingeniero industrial vaya acompañado del geólogo y del arqueólogo para que reconozca esa especie de sepulcro de civilizaciones muertas.


J. Figueroa Domenech. Madrid.
El Ideal Gallego, 22 de setembro de 1924

19/10/15

5 anos de forza dun pobo que non se rende

O Pindo, 17 de outubro de 2010: Unha docena de veciños e veciñas preocupados polo estado de abandono do Olimpo Celta reúnense na casa dunha delas no Pindo, onde determinan crear a Asociación Monte Pindo Parque Natural para pedir que a Xunta reconsiderara a súa negativa inicial á iniciativa dunha vintena de académicos das 3 universidades galegas. 5 anos despois, aquela idea converteuse nun movemento social referencial para milleiros de galegos e galegas e arquicoñecido a nivel galego e mesmo estatal, as maiores vilas e cidades do País ilumínanse de verde en apoio dun Olimpo Celta que é xa o 3º espazo natural máis coñecido e valorado da provincia da Coruña, e case 200 entidades e un masivo 73,3% da sociedade que apoian a idea de declaralo Parque Natural. Hoxe xa só falta por convencer á nova Conselleira.

José Rodríguez Ramos
Todo isto había que celebralo dalgunha maneira. E non podía facerse mellor que o día do noso 5º aniversario, subindo ao Olimpo Celta da man de quen mellor o coñece: o señor José Rodríguez Ramos, Pepe do Fieiro para quen o queremos e admiramos, foi o noso excepcional guía nesta aventura. E aos seus case 82 anos fíxoo cun espíritu propio dun rapaz de 20, brincando entre as pedras como as cabras que durante décadas pastoreou no Monte Pindo, e que o conduciron a coñecer os secretos de cada recuncho, o nome de cada pedra, cada historia e lenda, e en definitiva, converténdoo na auténtica Enciclopedia vivinte sobre o Olimpo Celta, pois ao seu lado cada paso por este monte sagrado agocha o agasallo dunha historia, unha memoria, unha chiscadela.

Con Pepe e ducias de persoas máis alcanzamos o gran Xigante pétreo que millóns de anos despois segue no Chan de Lourenzo vixiando a subida á Laxe da Moa desde o Pindo. Baixo a súa atenta mirada, percorremos a historia da Mina de Wolfram, a verdadeira historia do Castelo de San Xurxo onde a Raiña Lupa está soterrada co seu amante e o seu incalculable tesouro, as murallas do Castelo da Moa nas que tamén está enterrada a mesma raíña, a xerra medieval que o propio padre de Pepe atopou agochada nunha rocha, a Cova da Xoana onde as meigas da nosa comarca celebraban en San Xoán o seu famoso aquelarre, e tantas outras lendas e historias que os participantes foron capturando atentamente nos beizos dun home que -tamén- xa é lenda.

Ao volver, a iso das 19:00h, no Pindo agardaba aos asistentes que aínda tiñan forzas un extenso programa de actividades para conmemorar a onomástica de Monte Pindo Parque Natural, e que arrincaron cun breve saúdo do alcalde de Carnota Ramón Noceda, para expresar o seu apoio e ánimo para seguir adiante cunha loita que só pode acabar nunha vitoria. Xil Caamaño, veciño do Pindo e presidente da Asociación desde a fundación, presentou o acto chamando a unirse para lograr o mellor para o noso Monte e logo o secretario Mario Maceiras debullou os 5 anos da súa existencia, destacando que se ben o obxectivo fundacional non se puido acadar aínda, atravesáronse ducias de metas intermedias coas que nunca teríamos sequera contado, poñendo o Monte Pindo en boca de todas e todos.

A continuación o recital poético presentado pola nosa tesoureira e veciña do Pindo Merche Díaz encheu o acto de Versos no Olimpo, caldeando unha noite que se presentou fría e chuviosa. Varios autores das pezas publicadas na antoloxía poética do Monte Pindo leron as súas composicións, xunto con espontáneos e outros que quixeron presentar poemas inéditos de colleita propia.

Homenaxe a Pepe do Fieiro, quen se amosou emocionado
O momento máis emotivo e agardado foi a homenaxe popular a Pepe do Fieiro, último cabreiro vivo do Monte Pindo, a quen o propio presidente da Asociación presentou cunha biografía digna da súa persoa "que merece non unha senón moitas homenaxes", rematando por entregarlle un exemplar do Medallón das Sete Pitas, unha magnífica peza de arqueoloxía desaparecida que a nosa Asociación reproduciu. Pepe, que é unha caixa de sorpresas, ademais de agradecer a Asociación e veciñanza esta homenaxe que modestamente asegurou non merecer, sacou do peto unhas poesías e textos de colleita propia e, tras pedir educadamente permiso, dedicou á audiencia deixándonos, se cabe, coa boca un pouco máis aberta pola súa memoria e paixón polo noso.

Pedro Sestayo
Antes da cea o veciño do Pindo Pedro Sestayo Riveiro, que ademais dun excelente profesional é un gran colaborador da nosa Asociación, ofreceu unha degustación de cócteis: mojitos de sabores, gin tonics por cortesía de Gin Sea... e por suposto non podía faltar o seu famoso "Pindo, mar e monte", unha sofisticada preparación que lle serviu a Pedro para converterse no mellor cocteleiro de Galicia o ano pasado. 5 persoas que naceron, ao igual que a nosa Asociación, no mes de outubro, foron os afortunados que puideron degustar esta delicia irrepetible.

Imaxe do convivio
Despois da espectacular Cea popular servida pola Polbeira Porta da Estrada, que adoita colaborar con nós nestes eventos, o noso gran druída queimador César Cambeiro foi o encargado de preparar un inesquecible Conxuro da Queimada, que lle serviu para esconxurar as meigas que nos impiden lograr o noso obxectivo de lograr a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural.

Agardamos que o meigallo de César nos sirva para que o Parque Natural do Monte Pindo chegue por fin e sen obstáculos, cousa que agardamos aconteza pronto pois esta mesma semana o gabinete da Xunta acaba de informarnos que axiña nos recibirán nunha reunión as novas Conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Medio Rural, Ánxeles Vázquez. Asi parece confirmado que o colectivo de loita polo Monte Pindo volverá a San Caetano, de novo, coas faltriqueiras cargadas de razóns e de argumentos para que a Xunta tome dunha vez a decisión de acabar co abandono do Monte Pindo, para protexelo e desenvolvelo coma un espazo natural tan emblemático se merece, e como a veciñanza nos merecemos. Se finalmente aceptan, na Asociación Monte Pindo Parque Natural atoparán unha aliada. Porque 5 anos perdidos xa son demasiados, incluso para un monte sacro de 350 millóns de anos.

16/10/15

Galicia é verde!

Vilas e cidades galegas engalanáronse de verde esta noite en apoio á declaración do Monte Pindo coma Parque Natural! Publicamos un breve dossier fotográfico que iremos actualizando segundo vaiamos recibindo as imaxes desta xornada para a Historia non só do Olimpo Celta, senón do noso medio ambiente.

Compostela
A capital galega (95.800 habitantes) vestiu de verde a súa Casa Consistorial en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todos os santiagueses e santiaguesas!


Pontevedra
Asi anoitecía hoxe a Casa Consistorial da cidade de Pontevedra (82.946 habitantes) en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todos os pontevedreses e pontevedresas!


Carballo
A capital de Bergantiños (31.288 habitantes) vestiu de verde en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todos os carballeses e carballeesas!


Fisterra
A vila do Fin do Mundo (4.824 habitantes) vestiu de verde o seu Castelo de San Carlos en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todas as fisterrás e fisterráns!


Ferrol
A cidade departamental (70.389 habitantes) vestiu de verde a Casa Consistorial na praza de Armas en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todos os ferroláns e ferrolás!



Vimianzo
A capital soneirá (7.710 habitantes) vestiu de verde o seu Castelo en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todos os vimianceses e vimiancesas!



A Coruña
A capital provincial (244.810 habitantes) vestiu de verde a súa céntrica fonte de Catro Camiños en apoio ao Monte Pindo. Grazas a todas as coruñesas e coruñeses!


Lugo
A capital da Gallaecia romana (98.560 habitantes) vestiu de verde a súa milenaria muralla para apoiar a loita do Olimpo Celta. Grazas lugueses e luguesas!


Axiña máis...

15/10/15

O País vestirase de verde mañá polo Monte Pindo

Ás portas do 5º aniversario da fundación da Asociación Monte Pindo Parque Natural, espállase por todo o País unha onda de solidariedade coa loita do Olimpo Celta: moitas cidades e concellos vestiranse de verde para impulsar a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural, reivindicación que o sábado 17 de outubro cumprirá 5 anos de existencia, nos que a Xunta deu portazo unha e outra vez a unha iniciativa que conxugou un consenso inédito de sociedade (73,3% de apoio), ciencia (30 expertos) e entidades (174).

É por isto que o venres 16 de outubro pola noite, municipios tan dispares coma Carnota, A Coruña, Pontevedra, Compostela, Carballo, Lugo, Vimianzo, Ferrol... verán alumearse de verde os seus monumentos e edificios máis característicos coma xesto simbólico de apoio á loita do Monte Pindo, e unha chamada de atención á Xunta para que dunha vez se aveña á súa protección e desenvolvemento sostible.

Participantes confirmados
Actualizado o 16/10 ás 12:30h
  • Carnota: Hórreo de Carnota
  • Compostela: Pazo de Raxoi (Obradoiro)
  • A Coruña: Fonte de Catro Camiños
  • Carballo: O Artiluxio (escultura da rotonda de Vila de Negreira)
  • Ferrol: Casa Consistorial (Praza de Armas)
  • Fisterra: Castelo de San Carlos
  • Lugo: Muralla de Lugo (A Mosqueira)
  • Pontevedra: Casa Consistorial
  • Vimianzo: Castelo de Vimianzo
A asistencia ao Aniversario prevese ampla
Sempre e cando a meteoroloxía non xogue unha mala pasada a Asociación Monte Pindo manexa unhas previsións de asistencia amplas ás actividades do sábado 17 de outubro polo aniversario da loita do Olimpo Celta, que comezarán ás 10:00h cun roteiro ao cumio (A Moa, 627 m.) percorrendo a pintoresca subida tradicional desde o lugar do Pindo, incluída unha visita á lendaria Cova da Xoana ou Revertedemos, na que a tradición ubica ancestrais ritos pagáns.

Xa á tardiña, o colectivo completa esta xornada festiva e reivindicativa cun programa de actividades que inaugurará o alcalde de Carnota ás 19:00h na Praza da Solaina, e que incluirán varias intervencións, un recital poético ao Olimpo Celta, unha homenaxe popular a Pepe do Fieiro (último cabreiro do Monte Pindo e un dos maiores coñecedores vivos do espazo), unha degustación de cócteis a cargo do campión galego de coctelería e veciño do Pindo Pedro Sestayo, e non podía falar unha cea popular (polbo á feira e churrasco) nin unha merecida festa con actuacións musicais e o conxuro da queimada a cargo do druida veciño de Caldebarcos César Cambeiro, co que agardamos lograr esconxurar o desleixo das institucións co noso entorno. Por se o tempo non acompaña as actividades desenvolveranse baixo carpa, co que a festa para toda a familia está asegurada.

Agardamos que o acto se convirta nun encontro festeiro para todas e todos arredor do Monte Pindo.

09/10/15

Monte Pindo, 5 anos de loita! (2010-2015)

Xa podemos anunciar o Programa das actividades que desenvolveremos o vindeiro sábado 17 de outubro con motivo do V Aniversario da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Estades todas e todos convidados!

Subida á Moa (con visita á Cova da Xoana)
  • 10:00h. Saída da Igrexa do Pindo. Traer auga e xantar lixeiro, e roupa e calzado seguro e axeitado ás condicións meteorolóxicas do día.
Acto V Aniversario (Praza da Solaina)
  • 19:00h. Saúdo: Ramón Noceda (alcalde de Carnota)
  • 19:05h. Presentación: Xilberto Caamaño (presidente)
  • 19:15h. Monte Pindo, un lustro de loita: Mario Maceiras (Secretario)
  • 19:30h. Recital poético: Versos no Olimpo
  • 20:00h. Homenaxe popular a Pepe do Fieiro
  • 20:30h. Cea popular (a Pulpeira Porta preparará pulpo e churrasco para tod@s).
  • 21:30h. Degustación de cócteis: Pedro Sestayo (campión galego de coctelería). Sortearanse varios "Pindo's Sea & Mountain", Premio ao Mellor Cóctel de Galicia 2014.
  • 22:00h. Conxuro da Queimada: César Cambeiro (druída queimador)
O acto terá lugar baixo carpa e estará amenizado por unha agrupación musical.

Organiza: Asociación Monte Pindo Parque Natural
Colaboran: Concello de Carnota e Gin Sea.

07/10/15

O PP de Dumbría pide a dimisión de Ethel Vázquez por consentir ilegalidades nas obras das minicentrais no Xallas

O portavoz municipal do PP de Dumbría, Manuel Barcia, sorprendeu onte a propios e alleos ao pedir a dimisión da Conselleira Ethel Vázquez, do seu propio partido, asi coma do presidente de Aguas de Galicia, Gonzalo Mosquera, por consentir supostos delitos medioambientais nas obras de construción de 3 minicentrais hidráulicas no río Xallas á altura da devesa de Anllares, que é o bosque atlántico orixinario máis occidental de Europa, que conta con multitude de especies protexidas e que ademais está proposta para a ampliación da Rede Natura.

Estado das obras o pasado 11 de setembro (AMPPN)
As polémicas obras xa subscitaran varias controversias no Parlamento e mesmo recibiu un demoledor informe científico que denunciaba que as máquinas estaban obrando no hábitat de especies protexidas, algunhas das cales están en perigo de extinción. Estas alertas foron sistematicamente ignoradas pola Xunta, e agora resulta que son confirmadas incluso polos representantes do propio partido do goberno no Concello afectado.

As declaracións a un medio de comunicación non poden ser máis elocuentes, ao asegurar que levan «máis dun ano denunciando diante da Xunta de Galicia» os traballos que está realizando a empresa Ferroatlántica no dito río e que afectan aos concellos de Dumbría e Mazaricos, obras que nunca se deberon ter permitido e que, en todo caso, deberon ser paralizadas pola Xunta de Galicia, xa que afectan a especies protexidas, algunhas delas en perigo de extinción e, ademais, non se axustan ás autorizacións medioambientais concedidas».

Ademais o PP de Dumbría asegura ter probas de que a daquela conselleira de medio ambiente Ethel Vázquez (relevada esta semana), era coñecedora desas irregularidades máis que non fixo absolutamente nada. As probas consistirían, ao parecer, en correos electrónicos nos que Ethel Vázquez lle recoñecería ao propio Barcia a ilegalidade das obras, polo cal pide a súa dimisión. O PP de Dumbría anticipou o seu pleno interese en que se depuren responsabilidades e anunciou que vai presentar unha denuncia ante o Xulgado de Muros. Pola súa parte o BNG, que xa denunciou este asunto no Parlamento, vén de esixir a paralización das obras.

Monte Pindo instou á Fiscalía a actuar de oficio
Inmediatamente a Asociación Monte Pindo Parque Natural puxemos onte este asunto en coñecemento do fiscal de medio ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, instándoo a actuar de oficio e a examinar a documentación que obra en poder do señor Manuel Barcia para comprobar o alcance e punibilidade das actuacións presuntamente ilegais da administración autonómica neste asunto, e a súa afectación sobre o medio ambiente da devesa do Anllares e na cunca do Xallas.

04/10/15

Remodelación sorpresa da Xunta que afecta e moito ao Olimpo Celta

Este domingo o PP anunciou por sorpresa unha importante remodelación do executivo do goberno galego, destituindo a varios conselleiros e reasignando outros, cunha forte incorporación de candidatos populares ás eleccións municipais que non lograron ter uns bos resultados. Algunhas destas modificacións afectan gravemente ao medio ambiente galego en xeral e ao Monte Pindo en particular.

A declaración do Parque Natural do Monte Pindo cambia de mans
O PP vén de desintegrar a CMATI, e a antiga conselleira Ethel Vázquez cede Medio Ambiente, ou cando menos asi o fará no papel, pois a efectos reais nunca pareceu que chegara a ocuparse deste departamento pois desde a súa toma de posesión nunca dou a cara en materia medioambiental, preocupándose unicamente polo departamento de Infraestructuras, que constitúen a terceira parte da súa carteira. Cando menos asi o ratifican as súas aparicións públicas.

Desta área de Medio Ambiente pasará a ocuparse Beatriz Mato, quen ata agora foi conselleira de Traballo, e por tanto conta con nula traxectoria e experiencia nos asuntos relacionados coa natureza. Ela será a partir de agora quen terá a responsabilidade de declarar o Parque Natural do Monte Pindo. Para consultar a súa opinión a respecto desta iniciativa, solicitarémoslle en breve un encontro.

Será Beatriz Mato o nome da mandataria que pasará á historia por decretar a declaración do Parque Natural do Monte Pindo? Quen sabe. Pero o feito de que sexa a terceira persoa que dirixe este departamento en pouco máis dun ano só evidencia a nefasta xestión medioambiental da Xunta de Feijóo, controlada por persoas partidarias da eucaliptización do País, o que non fixo máis que acumular conflictividade e controversias: Monte Pindo, Valdoviño, Ría de Ferrol... convertindo este departamento nunha pataca quente que augura un papel difícil para Mato.
Agardamos que a nova mandataria resulte ser, cando menos, unha boa interlocutora e demostre ter unha mínima sensibilidade ambiental que nos seus antecesores, Agustín Fernández e Ethel Vázquez, se brillou foi pola súa ausencia.

Rosa Quintana cesa en Medio Rural en detrimento dunha ex-alcaldesa
O PP recupera a consellería de Medio Rural (creada en tempos do bipartito BNG-PSOE e que o propio Feijóo asimilara con Mar), que deixará de xestionar outra das mandatarias polémicas da Xunta, Rosa Quintana. A carteira pasa a mans da ex-alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez Mejuto, cuxos méritos e traxectoria nesta materia son absolutamente descoñecidos para nós, mais igual que no caso de Beatriz Mato, suporá unha mellora obstensible saber se cando menos ten vontade de diálogo cos axentes sociais, e se por exemplo levantará por fin o vergonzoso veto ás iniciativas de repoboación ecolóxica do Monte Pindo, bloqueo imposto pola Xunta no 2013.

Descoñecemos se estes cambios supoñen que por fin o PP recoñece o fracaso da xestión absolutamente chapuceira que desenvolveu á fronte de medio rural e ambiente galego, cousa que os axentes sociais lle levamos anos dicindo, ou se polo contrario están a empregar esas áreas unicamente a xeito de "cemiterio de elefantes" no que recolocar os seus candidatos fallidos. Sexa como sexa, ogallá nos equivoquemos de plano e Beatriz Mato e Ánxeles Vázquez resulten, se xa non ser excelentea xestoras, cando menos ter a vontade de diálogo cos axentes sociais que nunca tiveron os seus predecesores, e se preocupen minimamente polo medio natural e rural que os anteditos abandonaron á súa sorte.

29/09/15

Vidal Romaní augura que nun ano o Monte Pindo será Xeoparque

De entre os grandes valedores do Olimpo Celta, o catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní foi sempre un dos máis entusiastas e comprometidos coa protección deste espazo natural, desde unha perspectiva fortemente enraizada coas pedras deste macizo granítico carnotán.

Vidal Romaní acaba de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias, acto solemne no que tivo a honra de estar presente a directiva da nosa entidade e que saldaba unha débeda histórica con esta disciplina do coñecemento, vén de conceder unha ampla entrevista a El Correo Gallego na que fai gala do seu gran humor e enxeño, mais tamén da súa confianza no pronto avanzo do nivel de protección do Monte Pindo, ao que mesmo se atreve a sinalarlle data.

O tamén director do IUX Parga Pondal (UDC) ironiza na entrevista con que o espazo leva aí 350 millóns de anos "sen que se tiveran que gastar cartos", con só evitar que se destrúa con canteiras e minas ou se cubra con cascallos. E, inquirido polo medio sobre as posibilidades de velo declarado xeoparque, non dubida á hora de dicir que xa o sería se os responsables autonómicos foran xuizosos (sic), e que ademais non lles ocasionaría gastos. Por iso, confía que a arelada protección do espazo chegue en breve e mesmo atrévese a prognosticar que isto podería acontecer o próximo ano.

Romaní salienta que a xente ignora o valor da historia dos 1.160 millóns de anos que se acumulan debaixo dos nosos pes, e defende que o Monte Pindo xunto con outros lugares do País coma O Courel, Serra do Xurés, Manzaneda, Cañóns do Sil... conforman un patrimonio xeolóxico suficiente para desenvolver unha nova modalidade de turismo xeolóxico na nosa comunidade. Só hai que lembrar que o propio profesor dirixiu hai poucos anos a tese doutoral Génesis de cavidades graníticas en ambientes endógenos y exógenos (Juan Antonio Mayor Rodríguez,. 2011) na que se defende que o Monte Pindo é un dos sitios xeoloxicamente máis interesantes do mundio, ao nivel dos arquicoñecidos Yosemite, Castle Rock, ou Kangaroo Island en Australia.

Agardemos que os prognósticos do catedrático non anden moi desencamiñados, aínda que temos as nosas serias dúbidas sobre o carácter xuizoso que se lle presupón aos nosos responsables autonómicos.

21/09/15

O Monte Pindo prepárase para celebrar un lustro de loita


O 17 de outubro de 2010, un grupo de veciños e veciñas de Carnota, fartos da situación de abandono absoluto que vían no Monte Pindo e, estimulados pola iniciativa que viñan de presentar unha vintena de científicos das 3 universidades galegas para declarar este macizo como Parque Natural, deciden constituirse nunha asociación para reivindicar ese obxectivo, conseguir apoios e investimentos no espazo natural e tamén divulgar e seguir investigando os seus valores.

Pois ben, o sábado 17 de outubro de 2015, en menos dun mes, cumpriranse 5 anos daquela Asemblea Fundacional, onde unha docena de bos e xenerosos comprometéronse a sacrificar boa parte do seu tempo e folgos por un ben común: lograr da Xunta a creación do primeiro Parque Natural da Costa da Morte, que por un lado garanta o futuro do Monte Pindo e por outro permita o seu aproveitamento para lograr unha mellor calidade de vida e desenvolvemento nun entorno socioeconómico deprimido. 5 anos despois as adhesións disparáronse, as enquisas ratifican que un amplísimo 73,3% da sociedade apoia a medida por só un 2,2% que a rexeita, e o mellor de todo, xa ninguén dubida que o Monte Pindo é un dos montes máis valiosos, importantes e recoñecidos da xeografía galega.

Por isto, queremos agradecer a quen dun ou outro xeito puxo un gran de area no agreste camiño que nos leva con paso lento pero seguro cara á consecución dos nosos obxectivos, rendendo homenaxe a todas e cada unha das persoas socias, veciñas, investigadoras e -en fin- amantes do Monte Pindo, reuníndonos todos e todas coa excusa do 5º aniversario dunha loita medioambiental que só pode considerarse xa patrimonio común de todo o pobo galego.

5 anos ben merecen un brindis!
Os actos do sábado 17 de outubro comezarán -como non pode ser doutro xeito- cun Roteiro ata a Moa, con saída o  ás 10:00h desde a Igrexa do Pindo. A visita aproveitarase para visitar a mítica Casa da Xoana ou Cova Revertedemos, un dos espazos máxicos deste monte sacro dos nosos antergos. Ao descender, desenvolveremos varios actos culturais e lúdicos, e procuraremos que non falte a comida, a bebida e a festa. Aínda que o programa estase facendo xa está confirmada unha degustación de coctelería polo veciño Pedro Tomás Sestayo Riveiro, creador do Pindo`s Sea and Mountain (na foto), premiado mellor cóctel galego no 2014. E isto só é o principio!

A Asociación Monte Pindo Parque Natural convida a esta festa a todas as persoas interesadas nun mellor porvir para o Olimpo Celta e a toda a bisbarra.

11/09/15

Cúmprense dous anos do incendio que devastou o Monte Pindo, e a Xunta cerca o espazo natural con viraventos e minicentrais

Desolación dun operario ante o lume de 2013
Hoxe ás 21:36 horas cúmprense dous anos do tráxico momento no que na Cima da Arca rebrilaban as primeiras lapas do que remataría sendo o incendio máis grave do 2013 en Galiza e no estado español, tras consumir sen oposición 2.500 hectáreas, levando por diante o Monte Pindo, marismas de Caldebarcos, costa de Quilmas e canón do Xallas, causando ademais danos a vivendas e propiedades. A Xunta arriscou as vidas de centos de persoas nun operativo de extinción inútil para salvar un só metro cadrado do espazo natural que lle custou aos galegos 14 veces máis que todo o gastara en prevención. Un auténtico éxito da política forestal da Xunta...

Incendio de 2013 (NASA)
2 anos despois deste crime sen culpábeis, a Xunta non levou a cabo nin unha soa actuación de repoboación, restauración nin avaliación da situación. Pola contra, consentiu que o eucalipto colonizara ás súas anchas o espazo protexido e mesmo permitiu que testaferros de empresas madeireiras os plantaran en parcelas de antigo bosque autóctono. Consentiu o desenvolvemento de actividades ilegais na zona pese a sucesivas denuncias que nunca foron atendidas. E para colmo vetou todas as iniciativas cidadás que buscaban desesperadamente combatir o abandono deste espazo natural, coma o proxecto de voluntariado SOS Monte Pindo ou a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural... 4 veces.

A Xunta retoma o proxecto dun parque eólico 4 anos despois de que negara a súa existencia

En marzo de 2011 ADEGA e a Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncian públicamente que se estaban a tramitar a ampliación dos parques eólicos inmediatos ao Monte Pindo, unha nova agresión a este espazo natural e a súa área de influencia. Trátanse de varios parques eólicos cuxa concesión sen concurso tivera lugar nos estertores da era Fraga, arredor de 2005, e que logo de anos esquecidos, cando a sociedade comeza a demandar a declaración do Parque Natural, no 2011 volve á carga no seu intento de levalos adiante con permiso de Feijóo.

Marisol Piñeiro (PP) negaba asi a LVG os parques eólicos
Ao atoparse cunha resposta contundente contra estas actuacións, o PP apurou a negar que se foran a autorizar estes proxectos, de paso acusando aos seus detractores de «atacar ao Goberno galego xerando alarmas gratuítas». A deputada carnotá do PP, Marisol Piñeiro, lamentaba ademais que se «chegue ao extremo de insinuar que a Xunta vai autorizar este tipo de instalacións nunha zona de especial protección co único obxectivo de atacar ao Goberno galego».

Proxecto do novo parque
Todo era mentira. En pleno parón vacacional deste mes de agosto, con nocturnidade e alevosía, a Xunta reactivou a tramitación abrindo o prazo de alegacións do denominado proxecto "Ruña II" para a implantación de 7 novos aeroxeradores nas inmediacións do Monte Pindo. Trátase precisamente dun dos máis graves dos que o fraguismo tratou de crear, situase a escasos quilómetros do Monte Pindo e da cunca do Xallas, nos montes da Ruña, cunha afectación directa sobre 5 xacementos arqueolóxicos e sobre zonas propostas para incluír na Rede Natura 2000, coa que linda.

Un directivo de Monte Pindo Parque Natural estivo esta mañá en dependencias da Consellería consultando o proxecto, que é moi real e resulta ser o mesmo presentado en 2010, inzado de alegacións. O proxecto está á espera dos informes técnicos e do Estudo de Impacto Ambiental, mais cabe pouca dúbida do interese da Xunta en que se aprobe pola porta de atrás e canto antes.

Por iso non queren Parque Natural? A quen tenta enganar a Xunta? De verdade pensaba que no-la ían colar?

As máquinas arrasan a devesa de Anllares
Asi está hoxe o antigo bosque virxe de Anllares
Peor sorte correu a devesa de Anllares, último reduto de bosque atlántico da nosa bisbarra, e que resulta ser ademais o máis occidental destas características en Europa, vítima de 3 novos proxectos de minicentrais hidroeléctricas que están destruindo este espazo natural. Nos últimos anos desenvolvéronse varias talas indiscriminadas, apertura de camiños e tendidos eléctricos;  agora a Xunta consinte que maquinaria arrase tamén o bosque de ribeira, infrinxindo o artigo 45.3 da Ley 42/2007 que lle obriga a protexer este espazo e a Directiva 92/43/CEE pola presenza de especies de interese comunitario catalogadas no ZEC Carnota-Monte Pindo. O río Xallas reforza asi a súa pouco meritoria primeira praza coma río máis explotado de Galiza, pese a ser o 16º en lonxitude.

07/09/15

Polo retorno da vaca de Fisterra!

O Monte Pindo une a súa voz aos que reclaman que volva bruar a emblemática bocina do Faro de Fisterra tras 16 anos en silencio

Se non medrastes na Costa da Morte, seguramente non entendas o significado que para a xente de toda unha comarca ten o lonxano bruar da Vaca de Fisterra, apelativo cariñoso que se xeralizou na nosa bisbarra para denominar as bocinas do Faro de Fisterra, que desde 1889 se activaron ininterrumpidamente nos días de borraxeira para alertar -coa axuda do tamén mítico cono de luz destelleante- aos mariñeiros dos perigos inminentes que arreciaban contra os cantís dos nerios e supertamáricos. O seu son, grave e longuísimo, meteuse desde entón no imaxinario colectivo, fíxose lenda e poesía e mistificou o bruar procedente de alén do telón de néboa, rebotando entre os agrestes penedos do Monte Pindo, e en definitiva, confeccionando a conciencia colectiva de toda unha comarca salpicada desde tempos inmemoriais, precisamente, polo destino tráxico que agardaba ao mariñeiro incauto na rompente das ondas.

En 1996, tras 110 anos de vida e sen avisarnos, a vaca calou, silenciada polos avanzos tecnolóxicos de a bordo, e despois de que a Asociación Internacional de Sinalización Marítima recomendara métodos máis eficaces e modernos. Asi, ao saber que non era xa máis necesaria para orientar proas, permaneceu en silencio por primeira vez o último sinal sonoro de Europa, mais tamén desapareceu un símbolo da Costa da Morte.

O 19 de setembro a demanda sae á rúa
16 anos despois, unha acción auspiciada polos escritores, poetas e embaixadores da Costa da Morte Francisco X. Fernández Naval "Chisco", Modesto Fraga ou Xosé Iglesias, coa colaboración do consistorio fisterrán, reclama que remate este silencio, e que a bocina -perdón- a vaca volva bruarnos entre a borraxeira, para seguir edificando a idiosincrasia dunha comarca, e recordándonos para sempre onde está ela, e sobre todo quen somos nós. O 19 de setembro escenificarán esta reivindicación camiñando desde a lonxa de Fisterra ata o Faro.

A vaca de Fisterra é Patrimonio Inmaterial da nosa comarca, e desde o Olimpo Celta sumamos a nosa voz para que volva bruar dunha vez.

26/08/15

Un estudo sobre aves e a visita dun grupo de escolares en 1972 elevan en 70 as especies presentes no Olimpo Celta

O Catálogo de Especies do Monte Pindo supera as 730 especies
Tal e como tiñamos anunciado, a Asociación Monte Pindo Parque Natural retomou recentemente os traballos do Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), un ambicioso proxecto que busca compilar para un mellor coñecemento da biodiversidade neste espazo as especies naturais que nel existen, e que combina un traballo continuado de campo (con rexistro de avistamentos e fototrampeo) e tamén co estudo das fontes documentais e científicas que nos permiten a día de hoxe elevar ata 734 o reconto de especies naturais presentes no Olimpo.

Unhas 70 especies de aves aniñan no macizo carnotán
A bubela é unha das aves que aniñan no Monte Pindo
É precisamente neste último eido onde presentamos máis novidades, coa inclusión do Atlas de aves reproductoras de los LICs “Carnota e Monte Pindo” y “Monte e Lagoa de Louro", un profuso estudo sobre a presenza de aves na zona elaborado entre 2001 e 2002 polos investigadores Luis Enrique Rego Vale, Juan Domínguez Conde e María Vidal Malde. O informe, que non só detalla a presenza senón o lugar, a abundancia e mesmo se a especie cría ou está de paso, ubica no Monte Pindo un total de 80 aves, concluíndo que 70 das mesmas é seguro, probábel ou posíbel que críen no territorio do futuro Parque Natural.

Unha fermosa excursión escolar en 1972
Fotos da excursión publicadas en "O Pindo na memoria"

Asi mesmo, tivemos a oportunidade de coñecer a fantástica visita feita por un grupo de nenas e nenos do Instituto de Cee ao Monte Pindo en 1972, nunha excursión escolar por duración dunha semana acompañado polo profesorado do centro, que ben merecerían unha homenaxe por unha iniciativa que documentaron na obra titulada "O Pindo na memoria", editada por Manuel Quintáns Suárez e Alberto Rodríguez Rogina, que repasa non só a bioloxía senón a xeoloxía, a historia e as tradicións neste espazo natural mítico.

Un dos obxectivos daquela fermosísima experiencia foi documentar toda a vida natural que coñeceron ao longo desa -de seguro- intensa semana, que reflectiron no libro mediante a anotación dun total de 71 especimes, entre aves, mamíferos, anfibios, réptiles e plantas, das cales preto dunha trintena aínda non figuraban no noso Catálogo, o que demostra que á hora de coñecer o noso medio natural todos podemos ser moi útiles. Desde a entidade veciñal só podemos agradecer, 42 anos despois, a exemplar vocación demostrada polos docentes.

O fototrampeo da resultado
Vulpes vulpes
Outra das iniciativas para seguir ampliando o Catálogo de Especies, e nomeadamente no que implica aos escurridizos mamíferos, é o fototrampeo. Esta metodoloxía de inventariado xa ten dado interesantes froitos, pois opera mesmo de noite, cando este tipo de fauna é máis activa e confiada. Asi temos identificado varios raposos, unha garduña (Martes foina) e -curiosamente- un gato doméstico, non sabemos se aventureiro ou asilvestrado. Agardamos poder localizar pronto algún exemplar de gato bravo (Felis silvestris), pois hai testigos de avistamentos e mesmo atropelos na zona.



Por outra parte houbo que suprimir do Catálogo algunhas especies que foran ubicadas incorrectamente no macizo, coma o Malpolon monspessulanus, unha especie de cobra que non existe aquí, tal e como nos indicou un especialista recentemente.

24/08/15

Falece un home no Monte Pindo mentras practicaba barranquismo

O barranquismo fíxose habitual pola seca ilegal do río Xallas
A traxedia apodérase novamente no Monte Pindo por mor dun desgrazado accidente sufrido por Erich Moledo Troncoso, mozo de 33 anos natural de Bamio (Vilagarcía) no canón do Río Xallas, o maior cauce fluvial do Monte Pindo, mentras practicaba barranquismo por libre con tres amigos no treito do Xallas que transcorre encanonado entre o encoro de Santa Uxía e o Cadoiro, unha zona de altísimo valor ecolóxico, xeolóxico e paisaxístico moi famoso polas súas fondas pozas características.

Ao parecer ao fío das 12:50 horas da tarde de onte o experimentado deportista entraría en pánico ao borde dun cantil, desde o que se precipitou a unha poza na que xa non volveu emerxer, polo que puido morrer afogado pola forte acción de succión que exercen as cuncas, e que dificultou a localización do corpo a pesar da intervención de numerosos especialistas en rescates, que non puideron rescatar o cadáver ata case 24 horas máis tarde, aínda despois de pechar as comportas do encoro, río arriba.

Parte do equipo de rescate. Fonte: CRTVG
A práctica do barranquismo no canón do Xallas disparárase nos últimos anos grazas á seca ilegal do río causada durante anos pola empresa hidroeléctrica Ferroatlántica, ata que a Xustiza lle obrigou a respectar o caudal ecolóxico, un asunto que pode acarrar unha sanción multimillonaria a Ferroatlántica e o ingreso en prisión do alto cargo da Xunta de Fraga que o autorizou. En calquera caso, a obriga de respectar o caudal ecolóxico do río, malia supoñer unha parte simbólica do caudal real do río complicou moito a práctica destes deportes de aventura na zona, que na actualidade só atrae a expertos de alto nivel pola súa gran dificultade e indiscutíbel risco para a vida das persoas.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural lamenta o suceso e transmite o seu apoio a familiares e amizades do falecido nestes duros momentos, e que seguiremos traballando de cara a lograr un compromiso das administracións públicas, en especial da Xunta, para que o goce do Monte Pindo pola xente se faga cada día en condicións máis seguras e que este tipo de desgrazas non volvan repetirse.

Actualización, 24/08/15 ás 17:00h
Malia que nun principio nos fixemos eco da suposta recuperación do corpo de Erich Moledo na noite de onte, tal e como aseguraban varias fontes, o certo é que o corpo seguiu desaparecido no río Xallas ata arredor das 13:00 horas de hoxe, cando foi finalmente rescatado, Tamén publicamos que o mozo tiña 35 anos cando en realidade tiña 33.

Desculpamos o malentendido.