19/10/15

5 anos de forza dun pobo que non se rende

O Pindo, 17 de outubro de 2010: Unha docena de veciños e veciñas preocupados polo estado de abandono do Olimpo Celta reúnense na casa dunha delas no Pindo, onde determinan crear a Asociación Monte Pindo Parque Natural para pedir que a Xunta reconsiderara a súa negativa inicial á iniciativa dunha vintena de académicos das 3 universidades galegas. 5 anos despois, aquela idea converteuse nun movemento social referencial para milleiros de galegos e galegas e arquicoñecido a nivel galego e mesmo estatal, as maiores vilas e cidades do País ilumínanse de verde en apoio dun Olimpo Celta que é xa o 3º espazo natural máis coñecido e valorado da provincia da Coruña, e case 200 entidades e un masivo 73,3% da sociedade que apoian a idea de declaralo Parque Natural. Hoxe xa só falta por convencer á nova Conselleira.

José Rodríguez Ramos
Todo isto había que celebralo dalgunha maneira. E non podía facerse mellor que o día do noso 5º aniversario, subindo ao Olimpo Celta da man de quen mellor o coñece: o señor José Rodríguez Ramos, Pepe do Fieiro para quen o queremos e admiramos, foi o noso excepcional guía nesta aventura. E aos seus case 82 anos fíxoo cun espíritu propio dun rapaz de 20, brincando entre as pedras como as cabras que durante décadas pastoreou no Monte Pindo, e que o conduciron a coñecer os secretos de cada recuncho, o nome de cada pedra, cada historia e lenda, e en definitiva, converténdoo na auténtica Enciclopedia vivinte sobre o Olimpo Celta, pois ao seu lado cada paso por este monte sagrado agocha o agasallo dunha historia, unha memoria, unha chiscadela.

Con Pepe e ducias de persoas máis alcanzamos o gran Xigante pétreo que millóns de anos despois segue no Chan de Lourenzo vixiando a subida á Laxe da Moa desde o Pindo. Baixo a súa atenta mirada, percorremos a historia da Mina de Wolfram, a verdadeira historia do Castelo de San Xurxo onde a Raiña Lupa está soterrada co seu amante e o seu incalculable tesouro, as murallas do Castelo da Moa nas que tamén está enterrada a mesma raíña, a xerra medieval que o propio padre de Pepe atopou agochada nunha rocha, a Cova da Xoana onde as meigas da nosa comarca celebraban en San Xoán o seu famoso aquelarre, e tantas outras lendas e historias que os participantes foron capturando atentamente nos beizos dun home que -tamén- xa é lenda.

Ao volver, a iso das 19:00h, no Pindo agardaba aos asistentes que aínda tiñan forzas un extenso programa de actividades para conmemorar a onomástica de Monte Pindo Parque Natural, e que arrincaron cun breve saúdo do alcalde de Carnota Ramón Noceda, para expresar o seu apoio e ánimo para seguir adiante cunha loita que só pode acabar nunha vitoria. Xil Caamaño, veciño do Pindo e presidente da Asociación desde a fundación, presentou o acto chamando a unirse para lograr o mellor para o noso Monte e logo o secretario Mario Maceiras debullou os 5 anos da súa existencia, destacando que se ben o obxectivo fundacional non se puido acadar aínda, atravesáronse ducias de metas intermedias coas que nunca teríamos sequera contado, poñendo o Monte Pindo en boca de todas e todos.

A continuación o recital poético presentado pola nosa tesoureira e veciña do Pindo Merche Díaz encheu o acto de Versos no Olimpo, caldeando unha noite que se presentou fría e chuviosa. Varios autores das pezas publicadas na antoloxía poética do Monte Pindo leron as súas composicións, xunto con espontáneos e outros que quixeron presentar poemas inéditos de colleita propia.

Homenaxe a Pepe do Fieiro, quen se amosou emocionado
O momento máis emotivo e agardado foi a homenaxe popular a Pepe do Fieiro, último cabreiro vivo do Monte Pindo, a quen o propio presidente da Asociación presentou cunha biografía digna da súa persoa "que merece non unha senón moitas homenaxes", rematando por entregarlle un exemplar do Medallón das Sete Pitas, unha magnífica peza de arqueoloxía desaparecida que a nosa Asociación reproduciu. Pepe, que é unha caixa de sorpresas, ademais de agradecer a Asociación e veciñanza esta homenaxe que modestamente asegurou non merecer, sacou do peto unhas poesías e textos de colleita propia e, tras pedir educadamente permiso, dedicou á audiencia deixándonos, se cabe, coa boca un pouco máis aberta pola súa memoria e paixón polo noso.

Pedro Sestayo
Antes da cea o veciño do Pindo Pedro Sestayo Riveiro, que ademais dun excelente profesional é un gran colaborador da nosa Asociación, ofreceu unha degustación de cócteis: mojitos de sabores, gin tonics por cortesía de Gin Sea... e por suposto non podía faltar o seu famoso "Pindo, mar e monte", unha sofisticada preparación que lle serviu a Pedro para converterse no mellor cocteleiro de Galicia o ano pasado. 5 persoas que naceron, ao igual que a nosa Asociación, no mes de outubro, foron os afortunados que puideron degustar esta delicia irrepetible.

Imaxe do convivio
Despois da espectacular Cea popular servida pola Polbeira Porta da Estrada, que adoita colaborar con nós nestes eventos, o noso gran druída queimador César Cambeiro foi o encargado de preparar un inesquecible Conxuro da Queimada, que lle serviu para esconxurar as meigas que nos impiden lograr o noso obxectivo de lograr a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural.

Agardamos que o meigallo de César nos sirva para que o Parque Natural do Monte Pindo chegue por fin e sen obstáculos, cousa que agardamos aconteza pronto pois esta mesma semana o gabinete da Xunta acaba de informarnos que axiña nos recibirán nunha reunión as novas Conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Medio Rural, Ánxeles Vázquez. Asi parece confirmado que o colectivo de loita polo Monte Pindo volverá a San Caetano, de novo, coas faltriqueiras cargadas de razóns e de argumentos para que a Xunta tome dunha vez a decisión de acabar co abandono do Monte Pindo, para protexelo e desenvolvelo coma un espazo natural tan emblemático se merece, e como a veciñanza nos merecemos. Se finalmente aceptan, na Asociación Monte Pindo Parque Natural atoparán unha aliada. Porque 5 anos perdidos xa son demasiados, incluso para un monte sacro de 350 millóns de anos.