21/09/15

O Monte Pindo prepárase para celebrar un lustro de loita


O 17 de outubro de 2010, un grupo de veciños e veciñas de Carnota, fartos da situación de abandono absoluto que vían no Monte Pindo e, estimulados pola iniciativa que viñan de presentar unha vintena de científicos das 3 universidades galegas para declarar este macizo como Parque Natural, deciden constituirse nunha asociación para reivindicar ese obxectivo, conseguir apoios e investimentos no espazo natural e tamén divulgar e seguir investigando os seus valores.

Pois ben, o sábado 17 de outubro de 2015, en menos dun mes, cumpriranse 5 anos daquela Asemblea Fundacional, onde unha docena de bos e xenerosos comprometéronse a sacrificar boa parte do seu tempo e folgos por un ben común: lograr da Xunta a creación do primeiro Parque Natural da Costa da Morte, que por un lado garanta o futuro do Monte Pindo e por outro permita o seu aproveitamento para lograr unha mellor calidade de vida e desenvolvemento nun entorno socioeconómico deprimido. 5 anos despois as adhesións disparáronse, as enquisas ratifican que un amplísimo 73,3% da sociedade apoia a medida por só un 2,2% que a rexeita, e o mellor de todo, xa ninguén dubida que o Monte Pindo é un dos montes máis valiosos, importantes e recoñecidos da xeografía galega.

Por isto, queremos agradecer a quen dun ou outro xeito puxo un gran de area no agreste camiño que nos leva con paso lento pero seguro cara á consecución dos nosos obxectivos, rendendo homenaxe a todas e cada unha das persoas socias, veciñas, investigadoras e -en fin- amantes do Monte Pindo, reuníndonos todos e todas coa excusa do 5º aniversario dunha loita medioambiental que só pode considerarse xa patrimonio común de todo o pobo galego.

5 anos ben merecen un brindis!
Os actos do sábado 17 de outubro comezarán -como non pode ser doutro xeito- cun Roteiro ata a Moa, con saída o  ás 10:00h desde a Igrexa do Pindo. A visita aproveitarase para visitar a mítica Casa da Xoana ou Cova Revertedemos, un dos espazos máxicos deste monte sacro dos nosos antergos. Ao descender, desenvolveremos varios actos culturais e lúdicos, e procuraremos que non falte a comida, a bebida e a festa. Aínda que o programa estase facendo xa está confirmada unha degustación de coctelería polo veciño Pedro Tomás Sestayo Riveiro, creador do Pindo`s Sea and Mountain (na foto), premiado mellor cóctel galego no 2014. E isto só é o principio!

A Asociación Monte Pindo Parque Natural convida a esta festa a todas as persoas interesadas nun mellor porvir para o Olimpo Celta e a toda a bisbarra.